Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A “domesticación” da 'Primavera' árabe

jueves, 02 de agosto de 2012
Tres casos aleatorios como Siria, Libia e Exipto confirman un heteroxéneo mapa dentro dos cambios políticos que ocorren nos respectivos escenarios do mundo árabe, dando curso así a un panorama marcado pola volatilización, a atomización e a reacción do establishment encarada en preservar tanxencialmente as súas cotas de poder.

Tres casos aleatorios como Siria, Libia e Exipto confirman un heteroxéneo mapa dentro dos cambios políticos que ocorren nos respectivos escenarios do mundo árabe, dando curso así a un panorama marcado pola volatilización, a atomización e a reacción do establishment encarada en preservar tanxencialmente as súas cotas de poder.

Os combates en Damasco entre forzas leais ao presidente sirio Bashar al Asad e milicias rebeldes reproducen imaxes parecidas á guerra civil libanesa na década de 1980. A imparable masacre siria da conta dunha perniciosa imbricación de intereses internos e externos, ofrecendo un panorama marcado pola “libanización” sectaria. Sen dúbida, o recente asasinato do ministro de Defensa Daud Rajiha, do viceministro de Defensa e cuñado do presidente Bashar al Asad, Asef Shawkat, así como do xeneral Hasan Turkmani, con decenas de feridos, entre eles o ministro de Interior Mohammed Ibrahim al-Shaar , supón o golpe máis duro e efectivo contra a cúpula militar e de seguridade do réxime sirio, un aspecto que revela os síntomas de fraxilidade existentes nos círculos de poder próximos ao presidente Bashar.

Aparentemente asumida a súa autoría polo rebelde Exército de Liberación de Siria (ELS) en momentos nas que as súas milicias combaten rúa por rúa na capital Damasco contra as forzas leais a Bashar, nun escenario que reproduce simbolicamente as batallas nas rúas da capital libanesa Beirut durante a década dos anos oitenta, diversos factores semellan indicar que o réxime de Bashar pode ter os días contados, a tenor das desercións e caída de efectivos leais. Por tanto, o atomizado escenario sirio dilúese nun contexto de revanchismos que ameaza con procrear unha maior inestabilidade na contorna rexional, tal e como ocorre nas fronteiras sirias con Turquía e o Líbano.

Coa completa anuencia occidental, a implicación de actores externos como Arabia Saudita, Qatar e Turquía no apoio aos rebeldes, son aspectos que confirman o illamento do réxime de Bashar, aínda que o mesmo segue a manter un táctico apoio por parte dos seus aliados externos Rusia e China, tal e como se confirmou co seu veto na aplicación de sancións contra Damasco na reunión do Consello de Seguridade do pasado 19 de xullo.

Non obstante, Moscova e Pequín amosan recentemente certo distanciamento co respecto ao réxime de Bashar, a tenor da proliferación de masacres en Siria, que complican a posición ruso-chinesa co respecto a Occidente. Do mesmo xeito, apreciase unha nula activación doutros aliados exteriores de Bashar, como son os casos de Irán e o movemento islamita libanés Hizbulah. Así e todo, a chave da solución do conflito sirio segue a estar en mans de Moscova, velaí a incesante diplomacia da ONU en aras de alcanzar unha solución viable que free un conflito que desde febreiro de 2011 leva causado más de 17.000 civís mortos.

Pulso laico e islamita no Magreb

Persuadidas polo dantesco panorama sirio e impulsadas pola presión dos cambios emanados da Primavera árabe, as eleccións lexislativas libias do pasado 7 de xullo abren un contexto de “domesticación” do seu panorama político, moi similar ao recentemente sucedido co prolongado proceso electoral en Exipto e os comicios lexislativos alxerinos de abril pasado.

Resulta claro que os intereses occidentais en Libia vense reforzados con Mahmoud Jibril e a Alianza de Forzas Nacionais (AFN) no poder, a tenor da volátil composición de forzas parlamentarias. Tras dúas semanas de intensa actividade electoral (ou, mais ben, de eventuais negociacións e pactos políticos encubertos), o anuncio da vitoria da coalición laica da Alianza de Forzas Nacionais (AFN) liderada polo ex primeiro ministro Mahmut Jibril, abre un paréntese no panorama libio enfocado en evitar unha preponderancia parlamentaria dos partidos islamitas, un aspecto moi similar ao recentemente ocorrido en Exipto e Alxeria.

Resulta claro que os intereses occidentais en Libia vense reforzados con Jibril e a AFN no poder, a tenor da volátil composición de forzas parlamentarias. Jibril forma parte do clan Warfalla, o mais preponderante no país, o cal ilustraría un necesario pacto de estabilidade ante os temores dunha volatilización do mapa libio en clans étnicos e familiares, onde as milicias dos “señores da guerra” poden impoñerse, como no caso afgano.

Precisamente, a contención electoral dos islamitas de El Watan e ods Irmáns Musulmáns libios, os cales non alcanzaron unha maioría lexislativa, reproduce en Libia un exemplo similar ao caso da Irmandade Musulmán exipcia. O novo poder post-Gadafi en Libia asegurou a preponderancia lexislativa de partidos laicos, tal e como ocorrera, coas recentes eleccións lexislativas alxerinas de abril pasado e as marroquís de finais de 2011.

Así, o obxectivo das elites de poder no Magreb concéntrase en asegurar a presenza dun islamismo “laico” domesticado que non afecte a estabilidade do establishment, un factor igualmente perceptible pola persuasiva presión de EUA e Europa a favor da reprodución rexional dun “modelo turco” amparado polo AKP, ou de alentar a preponderancia do modelo tunesino post-Ben Alí. Todo isto con marcadas diferenzas no contexto exipcio, país líder no mundo árabe onde a tutela do poderoso estamento militar definirá un sinuoso pulso de poder cos islamitas exipcios agora no poder, trala elección do seu líder Mohammed Morsi.

A “domesticación” a través do establishment da anunciada preponderancia dos partidos islamitas dentro das transicións árabes cara sistemas plurais e democráticos, é o factor que define esta pléiade de cambios no mundo árabe. Con casos excepcionais, como a disolución siria nunha guerra civil con marcada implicación exterior. Difícil tránsito para unha Primavera árabe que no 2012 cae en conta das complexas realidades existentes.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES