Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O desenfado da cuadratura do circo

viernes, 27 de julio de 2012
Créanme, amigos lectores, que cada vez é máis difícil saber cando pasamos o tempo empeñados en cadrar o circo, principalmente para xustificar certas condutas e comportamentos no contexto socio-político-económico; pero tamén no ámbito estritamente científico, aínda que con outro sentido: os científicos teñen que postular realidades que non coñecen nin teñen verificadas, para poder explicar outras, nunca para intentar xustificar condutas. Por exemplo, para estruturar os razoamentos verbo da materia do Universo, fálannos dunha “materia escura”, que representa un noventa por cen da mesma e non saben o que é. A ver se agora esa “partícula de Deus”, o bosón de Higgs, nos bota unha man. Pero isto non desacouga á xente, ao contrario, resulta entretido.

O problema xurde cando se trata de facernos pasar “gato por lebre” , esforzándose en cadrar os circos, porque isto si que desenfada, inda que non sexa máis que crebando as leis máis elementais da interpretación dos fenómenos socio-económicos, para facer pasar por verdades, mentiras evidentes, que a moitos non lles caben na boca. E aquí non queremos incluír ós economistas independentes, que manexan unha ciencia que explica “a posteriori” moito mellor que preve “a priori”, mais isto
hai que aceptalo. O caso do desenfado ven cando as motivacións políticas enzoufan as interpretacións cos circos cadrados.

Exemplos hai abondo, vellos e moi actuais. Vexamos, se non, dous casos de aqueles.

Os chamados “conservadores” admiraron e admiran a Wilhelm von Humboldt porque está considerado coma un fundador do liberalismo clásico e cólganlle a tesis do mercado libre, do traballo; pero ocultan moi astutamente unha crítica que fai á condición laboral do traballador, nestes termos: “Se un traballador produce un fermoso obxecto…, poderás admirar o que o traballador fai, pero rexeitarás o que el é, porque na realidade non se está comportando como un ser humano, senón só coma unha máquina”. Pero estas e outras liñas do filósofo e filólogo alemán parece que non as len esos “conservadores”.

Outro exemplo é o dos principios fundamentais establecidos por Adam Smith nas súas obras: a xente debe ser libre, evitando estar baixo o control de institucións autoritarias, e da división do traballo, porque destrúe á persoa. E para acadar todo isto el pensaba que, en condicións de liberdade perfecta, os mercados levarían a unha igualdade perfecta, por iso estaba a favor deles, porque intuía que o carácter fundamental das persoas comporta o dereito a controlar o propio traballo, todo o contrario do capitalismo dos conservadores, pois, como di N. Chomsky, “na realidade, non existen dous puntos de vista máis antitéticos cós do liberalismo clásico e o capitalismo”. Velaquí porque este autor se opoñía sempre a interpretación que se lle estaba dando, e incluso hoxe é unha pena ver como George Stigler prologou “La riqueza de las naciones”, polo bicentenario, afirmando que Smith era defensor da división do traballo porque era algo moi bo, cando pensaba (con acerto, ou non) todo o contrario, que esa forma de traballo era algo terrible. Aquí arriscar unha interpretación dos feitos para presentalos coma opostos do que foron é tanto coma mentir para cadrar o circo: Se a zoca non se adapta ao pé, adáptase este a zoca.

Pois ben, xa que se fai un esforzo por cadrar o circo na interpretación dunha “doutrina” que xa está tan afastada de nosoutros, cantos circos nos cadrarán os políticos xestores da UE (que sarcasmo!) e do noso país, aqueixado dun multinacionalismo políticamente exacerbado e culturalmente manipulado por minorías excluíntes?.

Empecemos por reflexionar se España caeu na crise polo seu gasto público ou o que están facendo é cadrarnos outro circo, porque segundo os que saben destas cousas, nas contas do Estado de 2.005, 2.006 e 2.007 había superavit, e os que dirixían e dirixen a Eurozona felicitaban os gobernantes españois porque incluso chegaran a baixar a deuda pública do 46% ao 36%.
Claro…, o noso goberno socialista do Sr. Zapatero, infectado dun optimismo tipo “botellón”, cun febril e xuvenil entusiasmo, incluso baixou os impostos, xustificándoo coa pallasada de que iso “era propio das esquerdas”, cadrándonos así outro circo dos máis orixinais e atávicos principios do socialismo cos parámetros dos máis evolucionados que saían do seu maxín: toda unha bazofia. Xustamente isto, e outras lindezas dos seus gobernos, fixo que o déficit público aumentase, aínda que a el debeu ocultárselle polos efectos da burbuxa inmobiliaria, xa activada en gobernos anteriores doutro signo, moi compracentes, ademais, cun sistema fiscal que, en vez de grabar con ecuanimidade as rendas do capital e do traballo, cargoulles o carro a estas últimas (hoxe, segundo din, ata indultan algunhas); pero o máis rechamante é que o goberno socialista tuvo casi oito anos para correxir a inxustiza e debeu considerar prioritarias outras xestións que tanto o enalteceron...!. Agora, tarde, mal e arrastre, lémbranse de esixirllo ao un goberno “neoliberal”. Que bos matemáticos son estas xentes, que tantos logros acadan nas cuadraturas dos circos…!.

Os españois, por outra parte, deberíamos darnos conta, e así manifestalo, de que nin o PSOE nin o PP merecen os apoios que lles estamos dando, porque son ambos os únicos que teñen a posibilidade de gobernar a España, e nin con maioría absoluta nin con minoría son capaces, racionalizando decisións, de votar xuntos consensuadamente no Parlamento Nacional todo aquilo que é constitucional fronte ás pinturescas posturas nacionalistas que poñen en perigo a unidade do Estado Español: a irresponsabilidade duns e doutros clama o ceo!. Por que, señores de ambos partidos nacionais, non se lles ocorre pensar que hai unhas cuestións prioritarias e básicas que si non se resolven con contundencia e claridade non vai ser posible levar a realidade social española nin os máis elementais principios socialistas nin os neoliberales?. Ou…, acaso seguen tamén aquí cadrando o circo?. Pois co desenfado van a encontrase, e cando menos o esperen. O 15 M é un bo preámbulo.

Pero sigamos. Se os que máis enchemos as arcas do Estado somos os que temos rendas de traballo, ou derivadas do mesmo, e este vai a menos, como vamos a saír da crise?. Cabe, pois, recordarlle o Sr. Rajoy que se fixera unha oposición intelixente (e non me considero con capacidade para calificalo persoalmente, senón para opinar acerca do que fixo), e houbera utilizado unha pedagoxía axeitada para por en coñecemento dos cidadáns os verdadeiros fallos do sistema económico, tributario e financeiro, agora tería moita máis autoridade, porque non vale que se disculpe co engano de que había máis déficit do que lle dixeron, xa que oito anos opoñéndose “monologamente” a un goberno tan nefasto debía de telo sobre aviso.

Pois non: Aburriu as xentes coa “cantinela” de que sabía moi ben o que tiña que facer; pero…como ía a sabelo si nin tan sequera contaba cos elementos de xuizo necesarios?. É incrible cunha persoa que aspira a rexir os destinos dun país caia nesas andrómenas!. Teatralmente, poida que resulte moi bonito e soe moi ben a estereotipación de certas reiteradas expresións lingüísticas e poses de autosuficiencia; pero na tribuna política non parecen axeitadas, se queren facerse pasar por manifestacións de sobradas capacidades, porque, antes os despois, a realidade imponse e trae consecuencias derivadas da irresponsabilidade que acompaña a estas actitudes, coas conseguintes angustias.

E que se lle ocorre facer agora?. Cadrar outro circo: Pedir un rescate para os bancos que, con algúns políticos, foron os verdadeiros causantes da crise, para que poidan pagar o que deben ós bancos franceses, belgas, holandeses e alemáns, para que estos, a súa vez, poidan pagar ós norteamericanos,… que tanto esperan que a Unión Europea sexa un “fiasco”!. E todo isto faino despois de presentarse en Europa coma un “gallito”, para volver ben apoucado.

Xa para terminar, se ese mercado é libre (expresión que os neoliberais tanto gaban), debería selo para todo, e desta maneira os prestamistas terían tamén que responsabilizarse pola súa mala elección dos prestatarios, porque non se entende moi ben que se socialicen as deudas das entidades privadas, que se apropian das ganancias. E para que serve o BCE?. Só para xerar bos ingresos aos seus reitores e como instrumento dalgúns membros da Eurozona?. Máis cuadratura do circo…!.

Repito: créanme, amigos lectores, que non é fácil saber cando pasamos o tempo chamándolles ás cousas polo seu nome, con lóxica, ou cando o pasamos cadrando circos. Por iso os nosos desenfados non podemos explicalos postulando máis “materia escura”, coma os científicos, que xa hai dabondo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES