Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cicatrices do recordo

miércoles, 04 de julio de 2012
Son feitas sen querer, sen sangue, como se ninguén provocara nada. Mais as cicatrices do recordo alancan polas costas da alma ata baixarnos as pálpebras de dor. Dor por calar ou por falar, por sentir sen pronunciar a verba axeitada en tempo e forma ou por deixar que o orgullo negue o sentimento, por ser valente nada máis soño a dentro ou por non poder recuperar esa man dada que un día puido ser un pouco nós, sendo nós un pouco ela.

O certo é que non hai culpables, porque é o prezo da liberdade. Un prezo razoable que non podemos deixar de pagar! O certo é, tamén, que non podemos ancorarnos no pasado, pero onde está o termo medio? Que parte de memoria lles debemos aos recordos? Se a memoria é un acto de xustiza, como poñerlle límites? Que somos sen lembranza?

Preguntas e máis preguntas, mentres o recordo volve tirar pedriñas na fiestra de media noite e amósanos esas imaxes queridas que nos espreguizan nun sorriso cruelmente asasinado por espertadores neoliberais. Entón latexamos sen ganas, e nun suspiro prometémonos o porvir.

Só así funciona o recordo: a base de paciencia teimuda que pon fe e alma en repetir o que non volta. O malo son as feridas que non curamos. O malo son as cicatrices que aínda soñan. O malo é que o noso rodicio non se move coas augas pasadas. O malo é seguir ancorado e ancorando.
Mais sabemos que temos que seguir, que non temos máis que camiño porque só somos camiñantes; e que non nos queda nada máis que desexarnos sorte, e facer das cicatrices do recordo sorrisos xeradores de vida.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES