Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bernardo Cendán, Ferrol e o Purgatorio

lunes, 25 de junio de 2012
O sábado, o día 30 deste mes de S. Xoán, ás 18 horas, na túa Igrexa do Muelle, Nª Sª do Socorro, teremos para ti, benquerido Bernardo García Cendán, unha oración de despedida. Non faltes. Se te retrasas un chisco, xa sabemos. Desculpámoste. Chegarás.

Se eu fose poeta coma ti, músico coma ti, filósofo coma ti, teólogo coma ti,
sociólogo coma ti, crego coma ti, ..., e tantos etc. coma ti, faríache....

Son tan só un amigo teu e, como tal, coma un irmán che falo. Non seguín a túa enfermidade. Estiven na casa illado por mor de ter partido o peroné dereito pola altura do nocello. E de súpeto alguén me dixo: Bernardo vai finar. Sentín mágoa.

Seguramente que fun un dos moi pouquiños que puiden ollar a túa figura plácida xa no cadaleito. Aproveitei para rezar outra volta contigo. E fíxeno con esperanza.

O día do enterro, no funeral, coa igrexa ateigada, vin bágoas de moita xente que non adoitan a chorar facilmente. E lembrei aquilo de Xesús cando o de Lázaro: Mirade como o quería.

E xa na homilía do Sr. Bispo volvín a lembrar aquel outro Lázaro da parábola que estaba no ceo e ao ricachón que, ao parecer, non era tan feliz. E dille Deus: Lembra que Lázaro sufriu moito no seu paso pola terra. Confésoche que de primeiras revireime por dentro polas verbas do bispo. Non te facía eu no purgatorio. Porén, pensando en ti, atopei de novo ao sociólogo: “Aprendede a observar a realidade con serenidade, se queredes ser obxectivos e tirar conclusións autenticamente operativas e transformadoras”. E nun proceso de feedback vinte falando en París con Sartre, a quen coñeciches persoalmente. Aquel que escribiu: « L'enfer c'est les autres ». E atopei aí a clave de interpretación do teu purgatorio. Ti, coma Xesús, pasaches facendo o ben e visitando aos doentes. Tomaches a vida en serio: ... porque tiven fame, sede, estaba espido, no cárcere, fun explotado, pobre, labrego, obreiro, mariscador, emigrante, xitano, embarcado, sen familia, algo bébedo, muller maltratada, vendida e con moitos fillos, non tiven escola nin menciñas, botáronme de todos os sitios, sen traballo e con infindos traballos, abusaron de min, dos nenos e dos meus, etc. Pois en todo iso atopámoste todos e sempre a carón de nós. Descansa das túas fatigas

Si. Baixei ao teu purgatorio, ben doloroso por certo. E vinte sementando serenidade, empatía, acompañamento. Por veces pedíanche que lles falases de Deus, do Deus do amor, da compaixón, da esperanza. Incluso te vin con humor, co teu humor. E conseguías arrincar un sorriso no medio de tanta miseria. E pedíanche que rezaras con eles Á Parrocheira, naturalmente. E ti facíalo coa sinxeleza deles. O co que non era crente escoitabas sen discusión, atentamente, o seu relato. Puñas alento no seu existir, axudábaslle a descubrir o amor e a xustiza. Por veces chorabas. Algunha vez facíaslles un poema, unha tradución do latín, do grego, dos idiomas modernos, ou mesmo musicabas para a ocasión.

Eu vinte moitas veces persoalmente nese purgatorio dos outros cos que ti estabas profundamente implicado, coa aceptación incondicional e consideración positiva da que nos falou C. R. Rogers.

Acabo de entrar en Google. Moitas voces seguen chegando. Falan de ti. Son moitas máis as que se expresan nun silencio activo. Só se ve ben cos ollos do corazón. Ti aprendiches na barbaría do Severino, o teu pai, a ler no corazón e desde o corazón.

E hoxe? Pois hoxe: “Creo en Deus dono da vida. Coa forza do noso pobo hoxe proclamo o meu credo. Quero ser un home novo porque eu renazo galego”. Serémosche fieis. Tamén na túa galeguidade, como moi ben escribiu Siro López. Fuches bo e xeneroso. Graciñas, Bernardo. Como din os rapaces de agora: Vémonos!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES