Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Primeiros pasos de "Preescolar na casa"

martes, 19 de junio de 2012
Preescolar na Casa xurdiu dunha necesidade social sentida e da intuición dunha resposta viable e sostible. Cando no ano 1975 volvín a Galicia, na Cáritas de Lugo estaban brotando as primeiras intuicións, as primeiras ideas e pasos coordinados de “preescolar na casa”. Alí atopeime con Antonio Gandoy e o seu equipo que matinaban arreo cos diversos aspectos dun esbozo orixinario: axudar ós pais á educación dos nenos de 0 a 5 anos do medio rural disperso que habían quedado esquecidos pola Lei de Educación de 1970. De modo temporal, tiven o privilexio, a responsabilidade e a ilusión de participar no deseño e desenvolvemento daquel proxecto en xermes. Aquela intuición e ideas iniciais naceron e creceron dende a base social como unha semente regada polo “cura da bicicleta”, con infinita constancia e paciencia ata converterse nunha experiencia educativa xenuinamente galega, e hoxe amplamente coñecida e espallada.

Aquel proxecto humilde, hoxe convertido nun árbore frondoso, pasa agora por un transo difícil debido a que os responsables do sistema educativo autonómico recortáronlle os medios económicos ata case á soleira da asfixia. Menos mal que de momento a Deputación Provincial de Lugo votou unha man. Volvendo ós orixes, permíteme, estimado lector, ofrecerche unhas notas sobre o arranque inicial de “Preescolar na casa” que, como todo comezo, foi semente pequena e austera; mais nos primeiros tenteos xa estaban presentes os piares e cuestións esenciais:como axudar os pais e nenos esquecidos do mundo rural disperso e dos barrios periféricos das cidades? Que pedagoxía educativa conviña seguir? Como organizarse de forma sinxela, económica, eficaz e flexible? Con que persoas e medios podíamos contar? Que sensibilidades tiñan as autoridades ante o esquecemento do ensino preescolar no medio rural e no periférico urbano?

En 1975 estábamos nunhas circunstancias especiais, nun tempo eixe de cambio social e político en España. Quizá aínda máis en Galicia. Naquel intre semellaba continuar a longa sesta, mais xurdira xa a incerteza, o desacougo e a indecisión ante os cambios que se aveciñaban. Nos quince anos anteriores a 1975 ocorreran moitos cambios transcendentais en Galicia: a emigración medio baleirara tódolos núcleos rurais; o plan educativo de 1970 concentrara as escolas das parroquias en agrupacións escolares situadas nas cabeceiras dos concellos, con esquecemento da infancia da poboación dispersa. A igrexa universal encomezara xa no Concilio Vaticano II a súa acelerada transición, e a igrexa galega estaba embarcada naqueles anos no seu Concilio Pastoral de Galicia, con asembleas diocesanas e sesións conxuntas que repensaban a realidade galega. Total, que aquela atmosfera colectiva e as circunstancias concretas non parecían as máis propicias para iniciar proxectos con certa garantía de supervivencia.

Non obstante, o grupo da Cáritas de Lugo, que iniciara o proxecto de Preescolar na Casa, seguiu adiante a partir dun pequeno atillo de ideas herdadas da Cáritas e doutras fontes. No eido das ideas, o conxunto das Cáritas esforzábanse por superar a simple axuda asistencial e tiñan claro que máis que peces tiñan que dar canas de pescar, e dicir, promocionar persoas e promover grupos organizados, crear asociacións e colaboracións con outras organizacións altruístas a favor dos estratos máis esquecidos da sociedade. Estas e outras ideas semellantes cultivábanse nas reunións dos militantes nos diversos banzos das Cáritas. Ademais, outros grupos de mestras e mestres cheos de entusiasmo, coñecementos profesionais e ganas de traballar, buscaban a mellor pedagoxía daquel intre histórico para educar no medio rural. Circulaban, entre outras, as ideas da pedagoxía evolutiva de Jean Piaget e as teorías de alfabetización de Paulo Freire. Que pensaban as autoridades eclesiásticas e civís? Persoalmente, despois dalgúns contactos,, tiven a impresión de que vían con simpatía as liñas esenciais do proxecto, mais sen decidida implicación. Ah!, por certo, todo aquel cavilar debatíase e redactábase en lingua galega, coa maior naturalidade.

Con este bagaxe utópico e intelectual, que podíamos facer ante aquel gran reto? Primeiro, tiñamos que achegar algúns datos empíricos para unha análise das circunstancias daquel intre e tenteos da viabilidade e sostemento do proxecto. Intelectualmente moviámonos baixo o realismo do método de Revisión de Vida (ver-xulgar-actuar), complementado polas técnicas da investigación sociolóxica e por algúns principios do desenvolvemento comunitario. Neste proceso de pescuda e afianzamento, de vez en cando tamén aparecía o famoso axioma do pensador francés, político e militante Charles Peguy (1873-1914), frase que no idioma orixinal ten moita forza e musicalidade: “tout començe en mystique e tout finit en politique” (todo comeza en mística e todo remata en política). Hoxe diríamos que, en senso xeral, todo empeza nunha utopía altruísta e todo acaba nun proxecto concreto, extremos ambos que deben fundirse como inseparables en todo plan digno de tal nome. O perfil do proxecto que debuxábamos tiña que xuntar esas dúas dimensións, ás veces separadas e incluso antagónicas na vida real.

Hoxe, 37 anos daquel punto de arranque, podemos concluír que, en conxunto, aquel grupo iniciador de Preescolar na Casa acumulou ideas e sensibilidades innovadoras, tiña un axeitado grao de cohesión e profesionalidade procedente de campos complementarios e que logrou construír as condicións esenciais para o despegue do proxecto de Preescolar na Casa. Claro, sempre hai unha chave secreta: contábamos coa animación, coa coordinación incondicional, coa constancia e paciencia de Antonio Gandoy, en todo instante a proba de intemperies e atrancos aparentemente insalvables.

Intercambiabamos e acumulábamos constantemente impresións, ideas, detalles e matices con Gandoy e seu equipo permanente. Tíñamos que precisar a cantidade de nenos sen preescolar por comarcas, valéndonos do censo de poboación e da información de mestres e cregos rurais; e debíamos explorar a sensibilidade e disposición dos pais, que resultou ser enormemente positiva. Como locais potencialmente dispoñibles contábamos coas antigas escolas das parroquias e coas casas reitorais baleiras. Dado que en parte proxectábamos unha axuda educativa a distancia, era necesario elaborar un material didáctico, sinxelo e de calidade, pois os pais deberían ser os principais educadores, por necesidade e por convición. Debíamos ampliar o grupo de educadores dispostos a incorporarse a esta experiencia de educación preescolar no medio rural disperso e nos arrabaldes urbanos. Era imprescindible perfilar unha organización flexible capaz de desprazarse e de coordinar tódolos elementos esenciais. E todo isto case por amor ó arte de educar e servir.

Por último, e non menos importante, era preciso buscar fontes de financiamento estables, tenteando diversos canles públicos e privados. Persoalmente, naquel intre estimaba que o proxecto podía arrancar como unha experiencia sensibilizadora baixo a cobertura de Cáritas, mais que a longo prazo debía ser integrado no sistema educativo xeral para o medio rural, recollendo e conservando o mellor da orixinalidade de Preescolar na Casa. Non foi así, senón que despois dun longo percorrido, no ano 2001, o proxecto tomou a forma xurídica de “Fundación de Preescolar na Casa” que asumiu a dirección e o control de toda a organización, coas vantaxes e inconvenientes, agora visibles, que trouxo esa opción.

Na memoria do curso 2009 – 2010, a Fundación Preescolar na Casa infórmanos, entre outros moitos e interesantes detalles, do sostén económico da Fundación: ese curso estivo financiada en un 71% por diversos organismos da Xunta de Galicia, noutro 28% polo Ministerio de Sanidad, Política social e Igualdad, e polo Concello de Lugo nun 1%. Un total de 46 profesionais traballaron con 3.979 familias en 692 espazos das familias, zonas repartidas en 258 concellos galegos, o 81% deles. Estes simples datos cuantitativos dannos unha idea do desenvolvemento práctico que acadou o proxecto de Preescolar na Casa. Quero recalcar, ademais, o organigrama da Dirección Executiva da Fundación: conta cun departamento de Xestión de Calidade, outro de Xestión de Comunicación, outro de Xestión Pedagóxica e outro máis de Xestión de Economía, Administración e Persoal. Na base están os Equipos de zona cos Coordinadores e orientadores. Neste esquema organizativo albisco e entendo que se encontran as intuicións e ideas esenciais e orixinais dos primeiros pasos de Preescolar na casa. Sorprende que esta experiencia fose, segue sendo un traballo en rede antes de que se universalizase este concepto e antes de que se espallasen as actuais redes informáticas. Logrou coordinar e superar a dispersión, que foi e segue sendo un dos grandes retos da Galicia rural.
Neste intre, aquí e agora, o proxecto de Preescolar na casa encóntrase co seu talón de Aquiles: os organismos que a sostiñan retiraron boa parte das subvencións e a Fundación veuse na necesidade de restrinxir seriamente as súas actividades, mesmo con risco de desaparecer. Menos mal que a Deputación Provincial de Lugo tivo suficiente sensibilidade e por este ano, cando menos, aporta unha axuda significativa.

As actuais dificultades de Preescolar na casa, experiencia educativa orixinal e xenuinamente galega, lévannos a repensar outra cuestión importante: dende os anos 60-70 do século pasado, a sociedade civil galega ideou e organizou bastantes experiencias orixinais tanto para o mundo rural como para o urbano; mais teño a impresión de que a dinámica desas iniciativas quédase a medio camiño, debido as limitadas posibilidades privadas e a que as administracións públicas, salvo meritorias excepcións, non tiveron a sensibilidade suficiente ante esas propostas da sociedade civil que moitas veces eran, seguen sendo, a resposta axeitada a problemas complexos. Lémbrese o lector do que ocorreu coa “Cidade dos Rapaces” do P. Silva en Ourense. ¿Tócalle agora a Preescolar na Casa? Que alternativa ofrece agora o sistema educativo obrigatorio á infancia rural diseminada? Que se fai agora co 30% de adolescentes fracasados no ensino obrigatorio? Que apoios ten a Universidade Rural e a Universidade Senior? Etcétera, etcétera. Danse en Galicia moitas outras excelentes e orixinais iniciativas, mais corren o risco de quedarse en limitadas experiencias, valiosas máis só testemuñais, sen acadar a universalidade que merecen.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES