Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cadeas, ao Museo!

miércoles, 13 de junio de 2012
As cadeas, ao Museo! Nesta España dos nosos pecados somos maiores en idade, dignidade e goberno? ¡Qué si? Daquela, a qué esperamos: ao Museo coas cadeas da escravitude!

Corenta anos de noite de pedra, e outros corenta comungando con rodas de muíño. ¡Xa está ben; xa está ben de que os poderes, os poderes públicos, sigan sen distinguir as cabras das ovellas! E nada de listas cerradas, eses cortellos lastrados de palla; ¡eu quero listas abertas, campo aberto, pois, aínda que me tomen por ovella, e aínda que o sexa, qué menos que elixir un pastor que me caia simpático, polo menos simpático, pois a competencia, se non ma demostran, non llela arrendarei por máis de catro anos!

¡Abaixo as cadeas, abaixo os contistas, os indocumentados, os tiranos, os…, os ladróns! ¡Os ladróns, tamén! Non só en Grecia se esqueceron de que, Democracia é o outorgamento, a delegación, parcial e periódica, nos mellores, nos mellores de cada lugar! ¿É que, tanto en Grecia como en España, xa non os hai mellores? ¿Emigraron, xunto cos técnicos, os de conciencia limpa e formada, maduros en definitiva? Eles, os…, chamémoslles tan só mandantes, téñense por especialistas, ¡iso si, de carreira longa!, pero eu, e coma min un montón de indignados, vounos descubrir: a súa carreira, a que exercen, é a de AD CAPTANDUM VULGUS, a de capta-los vulgares! E se algún, se algún excepcional queda, eses tales ben que se coidan de completa-la lista con ignorantes…, para encadealos! ¿Aos seus? ¡Si, tamén aos seus, canto máis pétreos mellor, pois con pedra bruta é como mellor se cimentan as torres!

¡Vellos da miña xeración, nós, que nacemos nunha monarquía esfarelada, e nos criamos nunha república inmatura, pasando por aqueles corenta anos de “mili”, de “mili”, ¡Firmes, ar!, para celebrar unha demo…, ¡iso, unha chafallada do demo!, alcemos as nosas caiadas e proclamemos unha insurrección: ¡O levantamento dos indignados!

Se non o saben facer mellor, uns e outros, que volvan á escola, que xa lles ensinaremos os vellos, pois se algo nos sobra é experiencia; e se son tan listos e tan preparados que o fan mal adrede por aquilo de que, A río revolto, ganancia de pescadores, convertamos os polígonos industriais en Campos de Concentración…, pois para almacenar mercancía importada, en lugar de dedicalos á exportación, sobra a metade deles! Propoño que o noso berro, o noso clamor, sexa: ¡As cadeas, ao Museo!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES