Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre bufóns e lírica: a verba recuperada

miércoles, 13 de junio de 2012
Só a palabra vale. Unicamente
ela ilumina o mundo,
dalle claridade ás cousas
e fai nidia e intelexible
a confusa escuridade do noso
ser, mortal e indeciso
(Manuel María)

Relendo o xornal Terra da Fraternidade que se editou co gallo da celebración dos 40 anos do estreo de Grândola atópome con dous artigos que suscitan en min unha esperanza que brilla entre a tebra facéndome de compás cara os propios soños que día a día loito por proxectar na realidade. O primeiro artigo é de Diego Taboada, e leva por título “Bos tempos para a lírica”; nel o autor afirma que día a día “dannos motivos e razóns de sobra para a lírica, tantos coma motivos e razóns existen para unha subversiva frivolidade perante a preclara e solemne maquinaria dunha civilización que produce tantos gramos de odio coma miseria material reparte, e tantos gramos de miseria material coma odio produce”.

O outro artigo que fixou o meu interese foi o de Leo Bassi, que recentemente vén de protagonizar unha polémica cun patético político que non tiña moi bo concepto do que é a liberdade de expresión. Di Leo Bassi que “vuelven buenos tiempos para los bufones”.

É curioso como as crises sociais e políticas traen consigo unha explosión de creatividade. Vivimos tempos de xenio a flor de pel, de repensarnos en poesía e buscar liras descoñecidas que nos permitan dicir e cantar todo aquilo que nos come por dentro. Vivimos tempos nos que a arte camiña con nós pola rúa plasmando realidades nos muros lisos que se aproximan nesas verbas á cor da vida. Tempos de oralidade no que só os señores da palabra son capaces de cuspir á cara do poder todo aquilo que os demais rosmamos en voz baixa. Os señores da palabra non exclúen a ninguén, senón que inclúen no seu pensamento aos máis febles da sociedade para berrar con eles a realidade que lles é propia, a que pintan nos muros lisos e se contrapón á debuxada polos medios de comunicación de masas, hai moito tempo silenciados.

Din que son xente de “maus hábitos”, moitos consideraranos pouco desexables, incluso pode escoitarse aquilo de “flaco favor le hacen a la sociedad”; mais son eles os que nos espertan, os que nos dan vida e ilusións, os que nos devolven a palabra ceibe que nos expropian con estúpidos formalismos. Son eles os que nos fan rir contra a realidade. Son eles os que nos arrincan do pensamento único para devolvernos á sociedade poliédrica que un día se soñou.

Son eles os que resisten para seguir facendo aquilo no que cren, para darnos a palabra exacta que debuxa con trazo libre outro mundo posible. Son eles! E vén por eles a esperanza, a fe, as posibilidades de porvir; un mundo de emocións nos que o corazón anóvase para latexar ao ritmo de cada soño. Son eles!, e só por eles cada día policrómase de ilusións alén do gris escuro no que os grandes mercados, políticos ou medios de comunicación parecen querer condenarnos a vivir. Mais só unha verba deles, dos señores da palabra, basta: Resistiremos.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES