Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luis Veiga Leitao, poeta de esperanza e da certeza

lunes, 21 de mayo de 2012
Luis Veiga Leitao, poeta de esperanza e da certeza Nunha daquelas tardes calorosas de agosto de 1982, na redacción dun prestixioso xornal do Porto, coñecín ao poeta Luís Veiga Leitão (Moimenta da Beira, 1912-Niteroi (Brasil), 1987). Servidor xa coñecía os seus poemas do cárcere e de belixerancia contra o réxime fascista de Salazar, todo un deleite de personificar a rotunda iniquidade dos tiranos.

E nesa tarde coñecín ao executante daqueles versos de protesta, tan pormenorizados de existencialismo no seu poemario: “Noite de pedra” (1955). Moi pronto comunicamos as nosas pretensións de superar tantas contradicións que agarrotan ao ser humano. Demos un grande paseo pola Avenida da Liberdade e pola Ribeira. Todo un espazo para facer conversa e restituír lembranzas dun tempo de silencios.

De Veiga Leitão impactáronme numerosas secuencias e virtudes, sobre todo o seu humor cargado de espontáneas imaxes de transcendencia humana. Claro que Veiga Leitão tiña unha dose sobrenatural de ironía saudábel, na que se proclamaba un combate contra a ignorancia e en favor da verdade e da dignificación das persoas maltratadas pola ignominia de quen as explota.

Foi un poeta mais que social un poeta racional, de búsquedas e prioridades defensivas mais que ofensivas, refutando argumentos tendenciosos e cargados de manipulacións, alienacións e segregacións.

O próximo 27 de maio cúmprese o centenario deste enorme poeta que concibiu o mundo dunha maneira ben distinta do que se pensa hoxe, desde parámetros elitistas das clases dominantes que intentan facernos crer que o mundo sempre foi estático, mais Veiga Leitão deixou, tamén, constancia que “E pur si muove”. E nese seu “Longo caminho breve”, as suxerencias poéticas que nel encontramos, temperan os movementos non só do cosmos e de quen o habita, senón que a vida é un permanente acontecer de mudanzas que suxiren outros temperos.

Como ven dixo Camões: “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades,/ Muda-se o ser, muda-se a confiança;/ Todo o mundo é composto de mudança,/ Tomando sempre novas qualidades”.

Un centenario para celebrar as reflexión deste poeta cívico, tan dilixente como vixilante. l confirmounos, no contexto poético, ese criticismo empírico que convén reactivar para transcender en mudanzas que ven a ser a esencia dun transcender das cousas tal como el as verificou. As temperanzas poéticas de Veiga Leitão reactivan esa tensión emocional de transcender e definir tódalas carencias que se plantean no mundo actual.

Nesta dirección apuntou o poeta e crítico brasileiro, Ivan Junqueira, sobre Luís Veiga Leitão: “Nada se esvai nem parece estar fora de prumo nessa poesía vertical e geométrica cujas raízes mergulham em busca dos mais profundos estratos do ser”.

Veiga Leitão, para min, foi o grato amigo que deixou esa prenda de xenerosidade, magnanimidade e nobreza que convén conservar. E nesa magnífica coherencia da amizade, os lazos tecidos polo poeta, continúan fortes e unánimes coa súa esposa, Maria Sofia e seu fillo, Luís António.

Veiga Leitão, para servidor, foi o mestre ben disposto en tódolos diálogos de ver o mundo noutra dimensión ben distinta do que se interpreta hoxe desde unha poética desclasada. Aqueles encontros en Portugal, Galiza e Cataluña, forneceron esa valoración en pro dunha poesía das contundencias que aínda sigue revelándonos tantos misterios insidiosos que practican os que dominan o mundo.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES