Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De politicis hominibus (Dos políticos)

jueves, 17 de mayo de 2012
Así en latín, seguramente anime a Cicerón a levantarse da tumba, botar unha ollada e repetir aquilo de “Oh tempora, oh mores!. Quousque tandem, Catilina, abutere patentia nostra?” (“Oh tempos, oh costumes!. Ata cando, Catilina, abusarás da nosa paciencia?”).

Porque…miren…!, xa levamos tempo aguantando listiños coa escala de valores tan podrecida coma o chouteiro dunha col coa irresistible cheirume, e ollando fastosos ineficaces, uns, e incompetentes, outros, revalidados nas páxinas dos xornáis, con faciana de indispensables.

Pero… onde estades (sexades da dereita máis ou menos civilizada, da poli-esquerda ou dos comodíns centrí-PETOS e centrí-FUGOS) cando as estruturas económicas e financeiras do noso, e voso, país, que artellaron os devanceiros e argamasou o suor de tantas testas perdidas nas universidades da vida, rinchan coma cabalos desbocados, acirradas por domadores da Europa mal nada e peor criada?.

E que grao de miopía tedes para non ver aínda, despois de tantas amargas experiencias, que os mercados non hai que suprimilos nin estigmatizalos, senón vixialos para conter a especulación dentro dos límites que esixe unha economía san?.

Porque os mercados non son culpables das burbullas especulativas, senón os investidores ávidos de ganancias especulativas, os banqueiros que prestan inda que saiban que se trata de especulacións (e vosoutros, os políticos, deixádelos marchar así polas boas) e os gobernantes (tamén políticos, claro) que fan a vista gorda para non perder votos.

E que facedes agora os políticos…?. Coa pouca vergonza que vós queda, o que facedes é cargarlle o carro ós que ganan ou ganaron o pan co suor da súa testa, ós que traballan e non especulan, é dicir, aos inocentes de sempre, e tamén enchedes o espazo xurídico de leis, establecendo figuras delituosas á destra e sinistra, sen sequera deixar en paz a uns velliños que utilizan dúas horas a semana os servicios dunha persoa da limpeza á que lle pagan con mans trementes do que tiñan destinado para un codelo de pan, porque os “depósitos preferentes”, ou como se chamen, deixáronos sen os aforros de toda unha vida, e aquí impera, por agora, a máis lamentable impunidade; pero ós banqueiros hai que hixienizalos, eterilizándolles o ambiente dos créditos tóxicos.

E, sen embargo, tampouco é difícil comprender cós especuladores teñen moita menos culpa cos banqueiros e políticos. Polo tanto…, que non vós estrañe o descrédito que vós asesta.

Ademais, estades, cos vosos comportamentos e actitudes, dando forxa a unha sociedade desvencellada, crispada, desconfiada, porque andades sen tregua á procura de inimigos contra quen descargar o vosos erros e responsabilidades, sempre á busca de “chivos espiatorios”; mais aínda que o pobo sufre, non é parvo!.

A nosa sociedade, nas vosas mans, senteuse enriquecida, e a vosa HYBRIS (en grego - que casualidade!, irmán no sufrimento - significa orgullo, soberbia) estercou a ociosidade espiritual, ata o extremo de que temos a sensación de estar na presenza dunha sociedade degradada, sen prestixio, soamente coa casca do que lle fixéstedes crer que era, mentras lle carcomíades ávidamente a polpa, coma vermes devoradores.

Permitistes cós cidadáns entregasen a vida pola perda da bolsa e na Bolsa (ou non os vedes destilar amargas lágrimas e, incluso, algúns, suicidarse!?), á que vosoutros os entregades con detestable vaidade: O do “servizo ó pobo” évos un contiño máis, a superlativa hipocresía duns desleais á confianza cidadán .

Si; sodes os principais responsabeis, porque pechastes as espichas axiolóxicas, por empeños ideolóxicos e o afán de xustificar unhas diferenzas que se desvaneceron a causa do enzoufamento coa lama dos expedientes por condutas inapropiadas, que intentades sacudir con vergoñosos indultos, e esquecestes aquilo que xa dicía o Padre Mariana, “o príncipe non é o señor dos bens dos particulares…”, empobrecendo ao país.

Pola contra, teimastes, por exemplo, emitir 10.000 millóns de deuda pública no 2.009, que, segundo os estudosos, supuxo diminuir o patrimonio dos españois en 870 millóns de euros, e agora pedides moderación nos axustes. Estráñavos, pois, que xurdiran con todo isto os “indignados”?.

Acaso esa emisión non constituiu un verdadeiro roubo ós cidadáns, un imposto acochado?. Se sabedes moi ben que estes “indignados” teñen un formidable e instantáneo poder de convocatoria no Internet…, por que non vós servides del para compulsar a opinión da sociedade en todo o fundamental, evitándolle aos parlamentarios a molestia de macerar as nádegas a espera das habituais e previsibles lerias e ladaíñas?.

Ou é que aínda seguides pensando que o pobo é menor de idade?. A estas alturas sería unha imbecilidade!.

Tedes, ademais, unha responsabilidade moral, porque todo iso levou ós cidadáns a unha certa traxedia, enganados por esas tantas posibilidades que lles suxiristes (todo ía ben!), facendo que sexan vítimas dunha tal frustración que lles impide emprender decididamente o camiño da recuperación: Sen confianza en vosoutros e sen os valores que lles sacrificastes en prol dunha acadada (segundo dicides) liberdade, os ánimos claudican, porque esta non é abondo, xa que tampouco é un valor en si, pois non DEBE-SER, xa É, coma un feito que hai que cuidar, pero só para co DEBER-SER dos valores poida chegar a realizarse: Hai que defender a liberdade para por en práctica o que “debe-ser”, non confundir este co “poder-facer” arbitrario de cadaquén, e para isto sobran as demagoxias dos que nada teñen que ofrecer.

Non hai, pois, só solucións económicas para unha crisis que se xestou pola carencia duns valores que a ningún dos políticos parece que lle interese restablecer. E sen eles, con solucións meramente económicas, “volveremos as andadas”.

Para que vós serviron os organismos oficias de regulación dos mercados financeiros, absolutamente ineficaces para evitar as burbullas económicas, que xa estaban á vista dos que quixeran velas?. Acaso o gobernador do Banco de España, Caruana, non se desfixo nas advertencias de que podíamos estar no perigo de que estalara unha incontrolable burbulla inmobiliaria?. Onde estabades os políticos?. Sorríndolles os votos, apampados?.

Pero claro… a inmoralidade enervou as respostas inmediatas e adecuadas. E sen embargo, moitos de vosoutros seguides coas homilías habituais no mesmo posto, chupando da bévera, aínda que sexa dende a beirarrúa oposta: O pobo necesita menos facianas tediosas, xesticulantes e coñecidas, e máis adustas, sosegadas e que inspiren confianza: menos quincalla e máis alfaia. Oh tempos, oh costumes…!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES