Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Respecto e convivencia

miércoles, 16 de mayo de 2012
Daquela eu aínda non sabía que había módulos de respecto. Foi unha das grandes e gratas sorpresas que atopei nos meus primeiros contactos de voluntariado no Centro Penitenciario.

O Módulo 7 estaba aínda nos seus comezos e fun vendo como medraba. Mellor, eu fun crecendo canda a eles. Porque o máis importante foron as persoas que me acolleron e axudaron a ir avanzando na vida. Estou a falar dos reclusos e tamén do persoal responsábel. Doulles as máis sinceras grazas. De todos eles aprendín moito o que é iso do respecto. Hoxe quero ofrecer algúns pensamentos do que logo fun lendo e meditando:

Respecto é a actitude e a acción do ser humano para non danarse a si mesmo, nin aos seus semellantes, nin ás súas contornas.

Respectar é cando sabes que estás facendo ben e te sentes conforme contigo mesmo. É aprender a comportarse en cada momento. O respecto é a base do entendemento entre os seres humanos. É a ilusión que nos fai sentirnos mellores.

Temos que aprender a respectar para que os demais nos respecten. Respecto é a capacidade de aceptar todo canto hai de vida en toda a biodiversidade que nos arrodea e a cal pertencemos.

O respecto é algo importante que xa che ensinan cando es neno. O respecto é un valor que non se herda, adquírese. O respecto é a excelencia da humanidade e empeza contigo. Se ti te respectas a ti mesmo, os demais respectarante. Respéctate a ti mesmo e nunca, nunca, deixes que che perdan o respecto, porque dificilmente o recuperarás.

A inclinación ao respecto nace con todos e de nós depende que o practiquemos. Se queres que te respecten hai que aprender primeiro a respectar. Se todos nos respectásemos os males do mundo desaparecerían.

Recorda que un amigo, se che quere de verdade, apóiate e axúdache. Pero, sobre todo, respéctate. Se desexas conservar a un amigo, tenlle respecto sempre. O respecto é ter consideración coas persoas maiores, coa muller, cos nenos, cos menos dotados, cos máis débiles, con todas as persoa. O respecto ha de ser ecolóxico.

Respectar o mundo, o universo. O respecto é a base para que o mundo cambie. O respecto ao dereito alleo é a paz, xa sexa entre as nacións ou entre os individuos. Unha persoa que respecta é respectada.

Cando os que mandan o fan sen respectar, os que obedecen comezan ben axiña a perder o respecto.

Ten respecto e obterás moito a cambio. Respectar é aceptar ao outro como é, coas súas grandes diferenzas e ata cos seus defectos. Respecto é a posibilidade de aceptar os teus defectos e as túas virtudes sen pór en cuestión o que ves nos demais, porque xamais obterás doutros o que non es capaz de darte a ti mesmo, xa que na medida que o logres serás capaz de outorgarllo aos demais.

Respectemos as identidades. Na natureza todo é diferente. Unha pinga de auga non é igual a outra. Unha folla presenta grandes diferenzas coa outra. Por que nós, os seres humanos, denigramos ao diferente?

Respecta ao teu igual, como desexas que te respecten a ti. O obreiro ten máis necesidade de respecto que de pan. De pan aliméntase o corpo, de respecto, a alma. Ao perder o noso lado humano fixemos do respecto un mito. Empeza por respectar para que te respecten, porque se hai algo que debe acompañar ao respecto é a reciprocidade. Se te sentes ben respectado polos demais, debes respectar para que os demais se sentan ben. Vale máis ter o respecto dos demais que a súa admiración.

O respecto é o máis importante que todo o mundo necesita para lograr o que queremos. O respecto é o poema de amor da dignidade humana. Respectar é saber cando podemos facer aos demais felices e sobre todo, co respecto, fórmase unha das bases para un verdadeiro amor. O respecto ábrelle as portas á verdade.

O respecto é a posibilidade que o home ten de ser libre. Respectar é: Deixar ser e vivir. Respecto é algo que sentes por unha persoa á que ti estimas. Se non existe o respecto, non pode existir o amor, e xa que logo non vale a pena a vida .

Que paradoxos tén a vida! No cárcere topei: Respecto e convivencia. E a sociedade en liberdade, por contra, provócame outra meditación ben diferente. Eis uns retallos actuais:

O Valedor do Pobo, Don Benigno, perdeulle ou respecto ao pobo e a Institución para a que foi designado. Xa non é nada. É un ninguén. A quen serve?

Don Jesús Vázquez dá a cotío sobradas mostras de falta de respecto á lingua e á cultura do seu propio pobo, A Galiza, a quen ten por misión e oficio defender, coidar e alentar. Perdeuse ou respecto a si mesmo. E outro tanto se pode dicir da traxectoria pública de D. Anxo Lorenzo e asemade do Presidente da Xunta de Galiza, D. Alberto N. Feijoo.

Palabras mentireiras arreo. Tentan cargarse dunha razón que son ben conscientes de estar a perder cada vez que magoan a nosa identidade colectiva, na máis nidia expresión do noso ser, o patrimonio espiritual colectivo, como son a lingua e cultura galegas.

Agora que chegan as eleccións, xa volven e aumentan as grandes mentiras nos medios do seu monopolio, nos que meteron cartos públicos a esgallo. Eses cartos que sacan para a sanidade, para as escolas públicas, para a investigación, para a universidade pública ou para a lei de protección á dependencia. Esa lei para a que D. Bnigno pide a desaparición.

O comezo do respecto é non traizoar a fidelidade. E no exercicio da súa función pública, no tocante á lingua, á cultura da Galiza e aos servizos sociais, estes señores non son fieis, por moito que fagan discursos enfonchados e moi agresivos.

Para as súas persoas individuais teñen todos os meus respectos. Nas actuacións do exercicio das súas responsabilidades públicas non brillan pola súa acción respectuosa. Algún día, xa hoxe e a cotío, a historia ten de pedirlles contas moi serias do seus desprezos reiterados, dos libros en galego queimados, mesmo das súas persecucións e das grandes desfeitas que deixan detrás de si.

Perderon o respecto. As súas obras non os honran. As diversas institucións xa ergueron reiteradamente a súa voz. Está aí nas hemerotecas: RAG, Consello da Cultura, etc. É unha cuestión de lesa dignidade.

Porén, nós, o pobo galego, tampouco estamos exentos de culpa. E non valen as desculpas de que nos obrigan a dicir que chove.

Celebremos con honra, respecto e dignidade a Valentín Paz Andrade nas Letras galegas do 2012.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES