Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O gabán de Gómez de la Serna

miércoles, 02 de mayo de 2012
Miren que levo tempo á procura dunha clave que me permita entender a pintura, a escultura, e as artes en xeral de vangarda, aínda que adoitan ser moitos e ben instruídos os que din que as entenden…!. Pero o diaño, el sempre moi arteiro, debeu apiadarse de min e baixoume da burra. E para iso fixo que caera nas miñas mans un traballo de Enrique Ferrari Nieto, publicado no nº 175 de “Estudios Filosóficos”, e aquí sorpréndeme o “Gabán de Gómez de la Serna”, sobre o que escribiu Gilberto Owen, xa no 1.927 (eu aínda non nacera e xa era ignorante!), o seguinte:

“Fala Gómez de la Serna en certa greguería dun señor que, tendo posto o seu gabán co forro para fora, usabao tanto do revés coma do dereito, e imaxinaba a maneira de poñelo de canto (…). A arte actual (sería) o gabán de canto. É dicir, significaría a loita INAUDITA e ESTÉRIL dos nosos artistas por realizar o imposible”. (En Yanna Hadatty Mora, “Autofagia e narración”, Iberoamericana, 2.003, Madrid; páx. 15).

Agora vou entendendo aquilo que Theóphilo Gautiere di en “Mademoiselle de Maupin”:” No es verdaderamente bello más que aquello que no sirve para nada. Todo lo que es útil es feo, porque es la expresión de alguna necesidad y las de los hombres son innobles y asquerosas, como lo es su pobre y enferma naturaleza. ¡El sitio más útil de la casa es la letrina!”. (Cita de Ferrari Nieto).

Pero aquí aflora, decátome eu, unha soterrada loita contra o comercio institucionalizado da arte, na sociedade burguesa, nun intento de separala da praxis da vida, contra a que non se escatiman as críticas, incluso para ridiculizala.

A miña ignorancia non será a propia dun empedernido burgués que está desconcertado porque non entende este desaloxamento da arte do que considera un espazo serio da vida?. Se isto fose así, teño que recoñecer (temos que recoñecer…!) que o que no fondo non entendemos non son tanto as extravagancias da arte das vangardas como que se desentendan tan iradamente das nosas regras burguesas: As partes dun todo, desordenadamente extraviadas, veñen a ser unha fachendosa e irreverente crítica á orde burguesa, pero tamén a teima por evidenciar, e reivindicar, a condición autónoma da arte, libre de esixencias comercias.

Sen embargo, é abondo desconcertante que, hipócritamente, os artistas anden a greña por expoñer e colocar os seus traballos, e cando non o acadan, sempre fan uso do ignorantes que son os compradores, para acabar agochándose na perversidade burguesa.

Estamos realmente en presenza dunha arte deshumanizada?. Non será, acaso, unha arte que se apea dun estilo de humanidade para advertir, no campo da estética, da necesidade de ensaiar outra maneira, incluso, de convivencia socio-político-económica?. Pero, se isto fose así, non sería fácil defender a autonomía da arte, porque a pretensión de influir nesa convivencia equivale a introducir un factor contraditorio.

Lévame isto a pensar, sen dúbida da miña escasa autoridade para facelo, que o afán dos artistas vangardistas de cambiar a maneira de ver a realidade está fundamentado non tanto nun intento de esmiuzala coma de ridiculizar a visión burguesa da mesma, da que, tal vez sen percatarse, dependen moito máis do que sería esixible para unha verdadeira autonomía.

O que si semella claro é que na actualidade existe unha forte tendencia a “inclusividade”, pois os mesmos críticos e teorizantes da arte pregúntanse ata onde chegará esa febril ampliación do campo artístico, posto que, se non se lle pon outros valados que fuxir das maneiras burguesas, o probable é que chegue un momento no que, por ser todo arte, non o sexa nada.

Para un filósofo da arte, o que importa máis é saber por que unha obra é arte que saber se algo, en concreto, o é ou deixa de selo, aínda que o primeiro incide no segundo, ata o extremo de que a indefinición conduce inevitablemente o NIHILISMO, isto é, a pensar que calquera cousa pode ter un “status” estético, inda que, por outra parte, quepa atribuilo, nalgunha medida, as consecuencias que levan consigo as condenas filosóficas actuais contra toda clase de ESENCIALISMOS.

Sen embargo, algúns analistas esfórzanse en sistematizar as razóns desa indefinición, coma cando converten a arte nun espazo de subversión, segundo apuntamos máis enriba, da orden existente. E isto fixo cun profesor da Universidade de Valladolid, Sixto J. Castro, dixera que a “unha boa parte do que pasa por arte e crítica contemporáneos convenlles o termo sandez”.

Rubal, Pedro.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES