Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Niveis do coñecemento humano

martes, 24 de abril de 2012
Pretendemos dicir algo sobre os valores e consideramos necesario, previamente, traer a palestra os niveis do noso coñecemento, aínda que sexa moi brevemente. E importan moito os niveis deste coñecemento en correlación co seu grao de concienciación, así como as clases. Acerca deles escribiremos cadanseu artigo. Aquí vai unha sinxela relación.

Se empezamos polo subconsciente, podemos falar dun nivel profundo do coñecemento, dunha especie de “toma de conciencia” incipiente e profunda, pero cuxo contido non somos capaces de tematizar reflexivamente. Estamos na presenza do mundo dos coñecementos aribuídos ao subconsciente.

O segundo nivel do coñecemento é o ordinario, espontáneo, intuitivo e vivencial: espontáneo, porque o home acádao na relación primeira coas cousas (e lémbren que a isto chamaba Zubiri “intelixencia”); intuitivo, en canto é unha visión inmediata das cousas, sen que teña nada que ver aquí a razón, e é vivencial, posto que está fundamentado nas vivencias máis inmediatas que afectan ao home na súa vida.

O terceiro nivel é o coñecemento crítico-racional. Ven ser a realización plena da análise e da sínteses dos datos. Se queremos articular isto na presentación zubiriana temos que pensar nos pasos da afirmación e da razón.

Como é de rigor, a cada nivel corresponde o seu propio medio de expresión: No nivel profundo en forma inconsciente, preconsciente ou subconsciente, valéndose dos soños (Freud) ou de formas especiais da linguaxe ordinaria, simbólica, mítica ou poética (Lacan). O coñecemento ordinario exprésase na linguaxe que o home usa habitualmente, mediante conceptos máis ou menos perfilados, sen desbotar o símbolo, o mito e a poesía. E, por último, o coñecemento crítico-racional utiliza a linguaxe científica, que comporta un elevado grao de precisión e sistematización: A linguaxe propia da ciencia.

Seguindo esta temática, non podemos esquecer as dúas posturas extremas que sempre a acompañan: O dogmatismo e o escepticismo. O primeiro, comprometido con todos os niveis do coñecemento, adoita establecer como certo e verdadeiro o que, no mellor dos casos, é só probable. Pola contra, o segundo mantén a tese de que o home non é capaz de acadar verdade e certeza algunha: Unha postura, a dogmática, por exceso, establece, con indiscutible optimismo, unha serie de verdades sen o debido contraste da razoabilidade ou racionalidade máis elemental. Outra, a escéptica, por defecto, con non pouco pesimismo, nega que o home poida acadar algún xénero de certeza, abocándoo así a unha inevitable frustración.

Certamente, nin a afirmación da verdade, e conseguinte certeza, dunha maneira acrítica, nin a negación da posibilidade de acadalas en algún grao, permiten o desenrolo e progreso cultural, e a persoa humana ve pechado o acceso a súa realización persoal.

Como di un autor, “el dogmatismo y el escepticismo son dos formas de inmoralidad intelectual, porque el dogmático pretende dominar la verdad y el escéptico la desprecia como inexistente”.

En todo caso, a verdade é un valor que o home necesita, busca, ama e desexa, aínda que, en algúns casos, por oscuros intereses persoais ou de grupo, non estea disposto a compartila:

Precisamente porque nunca a alcanzamos plenamente, é polo que nós intriga cada vez máis ata o extremo de ampliala todo o posible, e de poder rexeitala no adversario.

Diremos algo máis para aclarar outros aspectos interesantes do coñecemento humano, con vistas a un tratamento dos valores, e principalmente falaremos tamén do nivel metafísico do coñecemento. Non ignoro que este coñecemento non está en voga; pero tampouco descoñezo a onde nos leva a disimulada hipocresía, porque no fondo somos animais que, polas ansias de alcanzar a plenitude, desexamos saber da inmortalidade.

Que ben o expresou Unamuno…!: “Estoy convencido de que no hay más que un afán (…). Cada día creo menos en la cuestión social, en la cuestión política y en la cuestión estética, y en la cuestión moral (…), y en todas estas cuestiones que se han inventado las gentes PARA NO TENER QUE AFRONTAR RESUELTAMENTE LA ÚNICA VERDADERA CUESTIÓN QUE EXISTE, LA CUESTIÓN HUMANA…LA CUESTIÓN HUMANA ES LA CUESTIÓN DE SABER QUÉ HABRÁ DE SER DE MI CONCIENCIA, DE LA TUYA, DE LA DEL OTRO Y DE LA DE TODOS, DESPUÉS DE QUE CADA UNO DE NOSOTROS SE MUERA” (O.c.: “Soledad”, T. III, páx. 884; pero as maiúsculas son miñas).

Evidentemente, segundo Unamuno, a única cuestión que nos preocupa é a da inmortalidade, e esta está situada no ámbito metafísico. Como, pois, podemos minusvalorar ou rexeitar un coñecemento desta natureza?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES