Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

25 de abril, Día da Liberdade

miércoles, 25 de abril de 2012
Hoxe é 25 de Abril, e polo tanto feriado para os nosos irmáns portugueses, que hai 38 anos vivían longas horas de incerteza.

O 25 de Abril empezou con música, cunha canción que soou por primeira vez en Compostela, naquel Burgo das Nacións hai 40 anos. Era Grândola Vila Morena, a música que viña en Cantigas do Maio de José Afonso, publicado dous anos antes.

Daquela, quizais ninguén podía imaxinar que en abril do 74 un grupo de militares idearían unha revolución sen pólvora para liberar ao país. Sei que non todo foron caraveis nin cancións ese día, o 25 de Abril foi unha revolución imperfecta (con pólvora e catro mortos por parte da PIDE) que os anos foron deixando claramente eivada. En primeiro lugar, porque o cambio de sistema político non trouxo consigo un cambio social que se prometía radical.

O Portugal que presaxiaba “em cada rosto igualdade”, é hoxe unha realidade intervida por “garras estrangeiras”, como diría Luis Cilia nunha canción. Son malos tempos para Portugal e para Galiza, tempos nos que, en palabras de Álvarez Cáccamo, “aínda non ordena o pobo nin en Grândola nin en Compostela”.

No entanto, a pesar de estar ao borde (ou inmersos) dunha intervención que coutará a nosa liberdade, somos moitos os que seguimos crendo no soño de Grândola.

En cada esquina un amigo, en cada rostro igualdade. Esa é a sociedade na que queremos vivir e o soño no que moitos militamos. Un soño que non trouxo o 25 de Abril, pero que fica preso da esperanza que suscitou.

Crer hoxe en día neste soño, significa militar na idea dun cambio social radical que preserve o dereito de todas as persoas a unha vida plena por riba de institucións económicas, políticas ou relixiosas. Sabemos que pode ser, porque sabemos que foi un furto que a indecencia política e financeira executou contra a nosa sociedade. Por iso seguimos teimando nunha utopía de caraveis vermellos.

Somos máis e mellores, a nosa esencia gárdase nunha gran cultura inmaterial que se desenvolve alén do tempo superando as trabas político – ideolóxicas que contaminan a nosa pureza. No entanto, seguimos resistindo, cantando e militando na propia visión do mundo, na que queremos materializar como legado.

O 25 de Abril hoxe en día ten para nós un significado cultural e
ético. O cultural achéganos ao mundo da lusofonía, e devólvenos unha parte descoñecida da nosa identidade. O ético dinos que podemos ser mellores, que a igualdade é posible e que non hai necesidade de tirar a ninguén pola borda.

De certo, outro mundo tamén é posible. Un mundo que agrome cos caraveis do albor de Abril. Pero mentres fico preso na anestesia colectiva, pregúntome porqué os que nos esixen prescindir de determinadas necesidades básicas mentres simulan un sacrificio que non fan; tampouco dan exemplo tirándose pola borda de primeiros, ou prescindindo eles das superfluas.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES