Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xuntanza das viuvas galegas

miércoles, 18 de abril de 2012
Coido que nunca vin tan chea a igrexa de Vilalba como este sábado pola mañá na misa que abría o encontro en Vilalba da Federación de Viuvas de Galicia, que organizaba nesta ocasión a asociación “Carmiña Prieto Rouco”, que preside Maruja López.

Arredor de catrocentas viuvas de toda Galicia responderon a esta convocatoria anual, estando presentes as presidentas galega e nacional, formando case todas ao remate da misa nas escaleiras que unen a igrexa parroquial co auditorio Carmen Estevez.

Pero non todas aparecen na foto, porque as maiores das asistentes non se atreveron a baixar pola escaleira e deron a volta pola Porta de Cima, polo que non chegaron a tempo da instantánea. Aínda así, na foto aparece unha marea de mulleres, e dous homes: o Alcalde e máis eu.

Porque logo no Auditorio, aínda que pareza raro, entre as catrocentas mulleres estabamos tres homes que espero non desentonaramos demasiado no conxunto, porque cada un tiña un papel asignado pola organización.

Estaba o párroco Don Uxío, que oficiou a misa, e quixeron que estivese na presidencia. Estaba o alcalde Xerardo Criado que clausurou a sesión, como primeiro mandatario do Concello, e estaba eu que coordinei a celebración e falei de seis mulleres vilalbesas polas que estas viuvas teñen especial devoción, e sobre as que algún día hai que facer unha tese ou estudio en profundidade, preferentemente por unha muller que saberá valorar o seu especial papel.

Encabeza esta lista de mulleres vilalbesas especiais Carmiña Prieto Rouco á que os do meu tempo chamabamos a poeta (Non poetisa, non), e que da nome á Asociación. A súa casa da porta de cima, na que entrei na pasada semana despois de medio século, foi cedida á asociación pola familia. Logo, dúas mestras de ensino privado, doña Amelia e doña Sagrario, que teñen rúa conxunta en Vilalba, e nos educaron a centos de vilalbeses naquel tempo no que se valoraba máis o ensino privado que o público. Eu fun á de doña Amelia, nunha casoupa que había no lugar que hoxe ocupa a ampliación do parador, precisamente porque indo desde a miña casa non había que cruzar a carretera, e con pouco máis de tres anos xa ía sólo nunha carreira.

Viñan logo dúas mestras do ensino público, doña Pepucha e doña Engracia; a primeira, nai de José María García Leira, antigo alcalde e anterior Presidente do Parlamento, e a segunda destacada poeta da que non souben ata moito despois. E eu engadín, ademáis, a dona Pilar Chao, esta viuva do Médico Goás, con rúa dedicada ao seu home, que tivo unha fonda conciencia social e caritativa en época xa lonxana e que exerceu, precisamente, xunto a doña Pepucha.

E, por fin, a primeira alcaldesa que tivo España, Mercedes Ramudo, da Ferretería da Porta de Cima, á que coñecín despachando naquel establecemento e da que parecia unha lenda urbana pensar que fora alcaldesa desce 1936 a 1939, na etapa máis difícil que un gobernante vilalbés puido ter.

Pode parecer que un encontro así é algo festeiro, pero algunha comentoume que a súa pensión non chega aos 300 euros, e todas as intervencións viñeron poñer de manifesto a necesidade de que as súas pensións se equiparen ao salario mínimo por pura subsistencia e para poder axudar ás súas familias.

Gustoume participar neste acontecemento vilalbés pola amizade con que me honran as súas presidentas vilalbesa e galega, tendo polos temas especial sensibilidade derivada da miña condición de fillo de viuva desde os primeiros momentos da miña memoria.

Claro que sempre queda un espacio para o humor, e no acto lembrei que Aurora Carro, presidenta lucense e galega, hai máis de vinte anos invitou á miña muller a formar parte da asociación de viuvas. E cando argumentei que era un pouco cedo respondeume que toda casada é unha viuva en potencia, polo que as portas desde entón tenas abertas.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES