Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O pulcro e o belo

martes, 17 de abril de 2012
Quero dicir algo acerca da importancia que ten seguir a evolución semántica dos termos, facendo uso de dous exemplos: Do “pulcro”, derivado do latino PULCHRUM (fermoso, belo; magnífico), e do “belo”, que vén de BELLUM (bo, san; belo). Sen embargo, recorro a unha obra escrita en alemán, titulada ANALOGIA ENTIS, de Erich Przywara, publicada en Einsiedeln (Suiza), no 1.962, e consulto as páxinas 461-462. Nelas dinos o autor que o campo semántico do “belo” (“Schön”, en alemán) está delimitado pola semántica de aqueles termos latinos. De “pulchrum” di que é un préstamo ou estranxeirismo (Lehnwort), tomado do grego “polychroon”, que, á súa vez, é un composto de “polys”, moito, e “chroas”, pel.

Orixinariamente, en correspondencia cos elementos que o constitúen, significou algo así coma “as distintas formas percibidas polo tacto” (“in der Berührung erfaren werden”). Pero “pulchrum” foi extrapolado da percepción táctil á visual, pasando a referirse ó “multicor” ou policromía que pode ofrecer o aspecto da forma do home e das cousas, en xeral (“das Vielfargibe des Ansehens der Gestalt von Menschen und Dingen”). Logo encóntrase designando o charramangueiro de moitos cores (“in einer vielbunten Fülligkeit”), tanto na arte dos augustos palacios, configurando as imáxenes dos deuses, como máis tarde, na exuberante e escintilante magnificencia corporal nos cadros de Tiziano e Rubens, na riqueza ornamental dos edificios barrocos ou na sonoridade embriagadora da música de Beethoven.

Polo tanto, o latino “pulchrum” non soamente é un símbolo artístico da diversidade de pobos do Imperio Romano, recollida nas representacións artísticas, senón tamén a expresión da “soberbia gloria” romana (Ausdruck des römischen “stolzen Rühms””). De aquí ó significado actual de “pulcro”, entendido coma aseado e ben parecido, non hai máis que un paso dende unha postura da actitude a unha postura corporal e cultural. Pero todo isto esixe ser complementado coa evolución de “bellum”, do que derivan termos que designan o belo, co significado de guapo, bonito, lindo; adorable, encantador, fino, alegre, agradable, simpático, exquisito e delicioso (na obra citada de Przywara: hübsch, allerliebst, charmant, fein, munter, angenehm, köstlich, respectivamente). A semántica deste termo non se axusta a do “bellum” latino. Sen embargo, del procede o “beau” francés, o “belle” italiano, o “bello” español e como estranxeirismo o “beauty” inglés.

“Bellum”, non obstante, ten interesantes connotacións que fan referencia a luxuriosidade do Imperio Romano e, moito máis tarde, adquire a súa mellor expresión nos decorados rococó franceses. Por iso, penso que se pode afirmar que chegou a ser a forma do francés, italiano e inglés, en termos arstísticos. Mentres tanto “pulchrum” parece que representa mellor o propiamente romano, dentro do campo semántico que vai dende a “gloria” (Ruhm) ata a mesma corporalidade (Lieblichkeit). Aínda sen descartar o papel de “bellum” dentro do mesmo campo, pero tendo sempre en conta que o “belo” do “pulchrum” toma, fundamentalmente, coma referente a “gloria á través da plenitude e do esplendor” (“Ruhm durch Fülle und Pracht”), que encontra a súa peculiar realización na escultura e na arquitectura, e simboliza, ao mesmo tempo que a gloria do divino, xa dende a antigüidade, a dun gran pobo e o seu Imperio.

Pero a realización da beleza como “bellum” contrasta pola súa delicadeza (finura, encanto, simpatía, exquisitez, etc.) con un certo ar de adustez do “pulchrum” (plenitude, poder, esplendor), e tamén por ese ton vibrante, que acompaña ás súas concrecións espirituais e materiais. Así parece descubrilo Przywara cando afirma que a realización da beleza de “bellum” e coma a pura vibración (“reine Schwingen”) do musical.

Se transportamos esta semántica, comparativamente, á que teñen na actualidade os termos derivados de “pulcro” e “belo”, en relación ós seus orixinarios, non parece un desacerto afirmar que estamos en presenza dunha certa INVERSIÓN: o “pulcro” que, como aseado e ben parecido, vai directamente referido ó home/ á muller, e, oblicuamente, ás cousas, perde ese ar de adustez, mentres que o “belo”, pola contra, debilítase na súa referencia ó home (aínda que a conserva moi marcada na muller) e pasa ás cousas e á creación humana (POÍEMATA).

Escuso dicir que o autor do que me aproveitei neste traballiño é abondoso en apreciacións e suxerencias non recollidas aquí. Os que desexen ampliar este contido, e, sen dúbida, melloralo, non os defraudará esta mesma fonte.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES