Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Semana Santa, un patrimonio colectivo

miércoles, 04 de abril de 2012
Esta semana celebramos os días grandes da tradición católica e cristiá: a morte e a resurrección de Cristo. Esta conmemoración cadra coa primeira lúa chea de primavera, que reflicte na natureza o triunfo da vida sobre a tristura inerte do inverno. Isto dará lugar a un desfile de imaxes por todas as cidades do país, e tamén polas súas vilas máis significativas.

Non hai dúbida que para a tradición católica son os días fundamentais da súa fe, e así o lembra o vello refrán que recollín da miña avoa: “tres días hay en el año que relucen como el sol: Viernes Santo, Corpus Christi y Día de la Ascensión”. Para uns son días de recollemento e reflexión, para outros unha longa ponte na que coller folgos cara as vacacións estivais.

De calquera xeito é innegable que a nosa cultura ten unha base cristiá moi profunda da que é difícil escapar.

Quen isto escribe ten considerables diverxencias coa Igrexa que agora non veñen ao caso, senón para poñer de manifesto que non é un practicante activo; e que incluso o seu xeito de concibir a Cristo ás veces enfróntase co da Igrexa oficial, ao igual que determinados valores nos que cree. A pesar disto sei que a cultura á que pertenzo, e na que milito, non sería a mesma sen a vertente relixiosa que lle é propia. Por iso son partidario de situar a mesma no lugar que lle corresponde, que para min é cultural, e nunca político.

Estamos a vivir unha explosión de cultura tanto material, reflectida na riqueza iconográfica que inunda as nosas rúas; como inmaterial reflectida nas emocións, no recollemento, nas prácticas, nas tradicións e no fervor co que os crentes ateigan vilas e cidades.

Este (ao igual que o dos muíños, o das cantigas e contos dos avós ou o da enorme mina cultural que é a lusofonía) é un patrimonio que non podemos perder. Alén das crenzas individuais, o ser humano ten unha necesidade de transcendencia que cada persoa vive como cre e como sente.

Os católicos, ou os cristiáns (cos que me sinto máis identificado), decidiron vivir esta transcendencia de xeito colectivo; e foron capaces de xerar nela un patrimonio abraiante que ademais ten un efecto indiscutible sobre a nosa economía.

Crer ou non crer é a nosa opción individual, a loita por que os dogmas eclesiásticos non se impoñan sobre aqueles que simplemente non concordan cos mesmos é digna e de xustiza; mais non pode ser o veo que nos impida admirar e incluso formar parte dunha manifestación colectiva na que se reflicte profundamente a cultura da que vimos e na que vivimos.

Por outra banda tampouco nos pode impedir a defensa dun patrimonio histórico inmaterial, materializado en imaxes que lle debemos legar aos nosos devanceiros.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES