Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O home, un vivente máis

miércoles, 21 de marzo de 2012
Xavier Zubiri xa non define ó home coma un “animal racional”, senón como un “animal de realidades”, porque considera que esta definición é o fundamento daquela: O home (a muller) non é orixinariamente racional, senón que esta función del (dela) é consecuencia da súa condición de animal de realidades. Será aceptable ou non esta postura zubiriana, pero para rexeitala hai que empezar por entendela.

Eu vou intentar explicala, porque, na miña modesta opinión, é a idea fundamental da antropoloxía de Zubiri. Mais comprendela esixe uns pasos previos polo pensamento do autor, no que, se non se fan mergullamentos en profundidade, póde respirarse un ambiente de apaixonada comprensión. E vale a pena facer este percorrido, porque a definición que se nos propón é moito máis concordante cos avances da ciencia, en xeral, e coa psicoloxía do coñecemento, en particular; é dicir, ben vale un pequeno esforzo. Vaiamos, pois, aló.

O home, como animal, é susceptible, recibe o impacto dos estímulos da súa contorna; este impacto non o deixa apático ou alleo o que lle está ocorrendo, senón que lle afecta a súa tonalidade vital, produce nel unha modificación tónica, que se transforma en un sentimento afectante e, finalmente, xera nel unha resposta adecuada a nova situación, que pasa a ser a vontade tendente, é dicir, unha “efección” tendente a restablecer o equilibrio perdido, porque os organismos vivos cando se lles altera a constancia nas propiedades internas que posúen, o que se chama estado homeostático, autónomamente tratan de recuperalo. Ruxe o león na selva (suscitación do estímulo), e o cervo experimenta un cambio na súa tonalidade vital, aféctao o estímulo, e isto é algo que vai con el, e reacciona fuxindo, efectúa unha resposta, surxe unha “efección”.

Todo isto constitúe tres momentos do seu comportamento: estimulación, afección e “efección”, que son elementos dunha estrutura que non teñen ningún sentido fóra dela. Pero o vivente, ademais, ten a propiedade de AUTOPOSUÍRSE, de manter un certo control sobre si mesmo, con certa independencia do medio no que vive, que é precisamente o que especifica ós animais, a diferencia dos vexetais.

Por outro lado, o vivente está sempre en transición dun estado a outro. Non é estático. Ten unha dinámica reversible, que lle permite restablecer o equilibrio alterado por unha suscitación calquera. Sen embargo, cambia de estado, pasa dun estado a outro, que é o que se chama decorrencia, coma, por exemplo, pasar dun estado de tranquilidade a un estado de desacougo e viceversa.

Para o noso propósito, é moi importante que nos quedemos coa seguinte idea: SENTIR, no animal, NON É OUTRA COUSA QUE ESA LIBERACIÓN BIOLÓXICA DA ESTIMULACIÓN. Non é algo só do momento aprehensivo do estímulo, senón do comportarse estimúlicamente, que corresponde a unidade dos tres momentos: aprehensión (do estímulo), afección e resposta.

Para o animal non humano, o mundo non é outra cousa que un conxunto de estímulos: É UN MUNDO ESTIMÚLICO. Ocorre da mesma maneira co animal humano, co home?. Por suposto que non: O MUNDO DO HOME É UN MUNDO DE REALIDADES. E isto é así porque cada vivente ten o seu modo propio de habelas coas cousas, de establecer relacións con elas, e dise que ten a súa propia habitude. Que quero dicir…?. Contesto con un exemplo: Unha planta non se enfronta ao calcio, un elemento químico, da mesma maneira que o fai o animal nin o home. Para este o calcio non é algo que está aí, e punto; é unha realidade previa a todo enfrontamento con ela, e que ten unhas propiedades que urxe estudar. Pero esta formulación non a fai o animal, que se queda con algo que ESTÁ aí, non con algo que É. O ESTAR é algo puntual (“estou enfermo”, puntualmente neste momento); o SER denota certa permanencia (“son enfermo”, porque o serei toda a miña vida e xa o era antes de agora). O estímulo ESTÁ, porque unha vez que desaparece xa non preocupa ao animal, realizada a resposta adecuada; a realidade É: “antes” (PRIUS) de estimulante xa ERA algo.

Posiblemente empecemos a comprender por que o home é un animal de realidades, non meramente de estímulos; por que o seu mundo non é simplemente estimúlico, senón de cousas, sucesos, acontecementos, etc., que son realidades.

Precisamente por isto, as cousas, dende si mesmas, impactan, se actualizan (fánselle presentes) ao animal coma estímulos e ó home coma realidades; cada un ten o seu modo propio de enfrontarse a elas, e a este “modo propio” chámalle Zubiri FORMALIDADE. Quedémonos, pois, con estas ideas:

1º.- As cousas, os sucesos, os aconteceres, etc., non son para o home simples estímulos: Son realidades, que é moito máis.

2º.- ANTES de ser estímulo, unha cousa É algo real. Deste modo, as cousas actualízanselle (fánselle presentes) ó home no seu enfrontamento con elas, non baixo a formalidade de estímulos, senón de realidades.

3º.- ANTES (prius) son realidades que estímulos, aínda que poden, e de feito así ocorre, cronolóxicamente, impórselle primeiro coma estímulo.

Espero que agora o lector comprenda bastante ben por que o home é un animal de realidades; pero aínda hai que dar algúns pasiños máis para entender que non é animal de realidades porque sexa racional, senón que é racional porque, previamente, é animal de realidades. Gustaríame dar eses pasos con vostedes.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES