Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria histórica

viernes, 09 de marzo de 2012
De rotundo éxito pode definirse a proxeción que o pasado sábado se fixo do que foi un dos episodios mais dramáticos da historia de Foz, e tamén de maior calado na sociedade, se atendemos ás circunstancias excepcionais concurrentes, ao entrar en xogo o amor xuvenil, a paixón estimulada polas lecturas románticas e o atisbo de atrancos familiares á relación sentimental da parella, clásicos ingredientes de vivencias noveladas, con final tráxico, reais ou imaxinadas, nuns tempos nos que aínda mantiña certo predicamento o romanticismo do S.XIX.

Foi o ano 1929 cando Emérita e Nicanor (18 e 19 anos de idade), influídos por tal atmósfera vital, decidiron acabar coas súas vidas para que ninguén puidese frustar o seu amor apaixoado… Tódolos avatares do feito sorprendente están escritos: Xesús Basanta levounos ó seu libro, “Foz, historias, contos e lendas”, e daí xurdíu a idea de pasar á pantalla o episodio “Focegos por amor” que conta tan sorprendente feito, labor que, con extraordinaria brillantez, afrontou o dramaturgo Francisco Piñeiro que, unha vez mais, puxo en evidencia a súa maestría como experto director teatral e tamén o dominio dos recursos tecnolóxicos, nesta ocasión ben precarios, pero que para nada ensombreceron o espectáculo que ofreceron as mais de 30 persoas que participaron na grabación, que deron a imaxe dunha profesionalidade que non é tal.

É evidente que se trata dun tema árduo, espiñoso, cunha moralexa que pode dar lugar a distintas interpretacións, pero que é un capítulo da nosa historia e nós mantemos que ésta hai que asumila sempre nos xustos termos nos que se producen os feitos: ignoralos, negalos ou pretender alteralos non conducen a ningures.

Dise tamén que a Historia é gran mestra da vida e aí está a súa grandeza.; o mais aproveitable dela estaría en que os discípulos fósemos quen de asimilar as súas leccións: aquélas que nos guían á sensatez dos nosos actos, e tamén as que instruen no que non deberíamos facer, erro no que tan repetidamente se cae…

A páxina da nosa historia que comentamos, tétrica, violenta, desgarrada, que racha con toda posible felicidade posterior compartida, forma parte da didáctica da vida que neste caso é, naturalmente, negación da morte buscada…

En toda obra colectiva son moitas as persoas que, dun xeito ou doutro, interveñen, pero non é función nosa sacar á luz a ringleira de nomes. Sí queremos, dende unha perspectiva mais ampla, agradecer a Xesús Basanta a iniciativa de incluir no seu libro o relato que sen tardar cumplirá o centenario, e do que os vellos levamos oído falar dende a nenez, pero que él elevou á perennidade da escrita, pois en caso contrario, ao pouco perderíase a memoria.

A Francisco Piñeiro, non só pola dispoñibilidade para realizar o traballo sempre complexo e esixente que é a montaxe de algo semellante, para o que se precisan aptitudes, e vontades, que non son precisamente vulgares, que teñen moito que ver coa sensibilidade, a estética e a imaxinación porque, de non ser así, o tema, áspero, e de compoñentes a veces pouco definidos, corre o risco de caer no burdo ou chabacano. Por eso felicitamos ao director pola dignidade, o respecto e o nivel humano, ético e estético nos que mantivo as secuencias do relato, e a tódolos participantes en tan singular experiencia que expresaron, con espontánea galanura, canto deixamos dito. Parabéns.

Foi un brillante acto que, unha vez mais, puxo de relevo a nunca correxida e flagrante carencia de infraestructuras dignas para o desenvolvemento cultural na nosa vila, feito que, lamentablemente, tanto o coarta. Tamén nesta ocasión o aforo resultou insuficiente. Unha mágoa.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES