Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memorias de Xosé Fernández Ferreiro

martes, 06 de marzo de 2012
← Francis Scott Fitzgerald, o gran sedutor
Memorias de Xosé Fernández Ferreiro

Non é o memorialístico un xénero abondoso na literatura galega. Endebén, é certo que nos últimos anos foi medrando entre nós o número de títulos desta natureza, o que fai que actualmente contemos con mostras notables neste eido.

A última das que pasou polo prelo é De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde, asinada polo narrador e periodista de Nogueira de Ramuín Xosé Fernández Ferreiro e incluída na serie Memorias da colección Crónica de Xerais. Case dous centos de páxinas que naceron como ampliación dunha longa conferencia pronunciada polo autor con motivo da homenaxe que, en novembro do 2009, o Pen Clube de Galicia lle tributou en Santo Estevo de Ribas de Sil.

Estruturada nunha manchea de capítulos breves de apenas un par de planas de extensión, a obra responde ao anunciado na cuberta, pois dá cumprida razón da nacenza do grupo literario Xente Nova no Ourense de primeiros dos cincuenta do pasado século e mais do posterior xurdimento (na primavera do 58) do grupo Brais Pinto en Madrid.

Do primeiro dísenos que o compuñan, amais do autor, Víctor Campio Pereiro, César Arias, Serafín Gómez Pato e Daniel Conde Mir e que, alén da puntual participación dos seus membros nalgún faladoiro literario da época, tivo como principal actividade a elaboración dunha revista bilingüe galego-castelá que ía levar o mesmo nome do grupo pero que, por ser prohibida pola censura, endexamais chegou a imprentarse.

Máis extenso e, tamén si, relevante para a historiografía sociocultural e literaria galega é o relato moi detallado que Fernández Ferreiro fai da aparición e andaina de Brais Pinto, que formaron, xunto a el, Xosé Luís Méndez Ferrín, César Arias, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez, Bernardino Graña e Ramón Lorenzo, os “sete magníficos”, como os chamou o seu amigo e confrade de aventuras madrileñas Xavier Costa Clavell, septeto que pronto pasaría a ter nove compoñentes, pois aos amentados acabaron sumándose pouco despois Alexandre Cribeiro e Herminio Barreiro.

De Brais Pinto relátasenos o acto fundacional e explícase o porqué do nome, dándose tamén conta polo miúdo das circunstancias que rodearon a publicación de cada un dos cinco títulos que editaron como selo.

Agora ben, De Xente Nova a Brais Pinto resulta un volume de grande interese non só pola súa informada relación das actividades de Xente Nova e Brais Pinto, senón tamén polo valor documental que atesoura tanto para o pormenorizado coñecemento das traxectorias biográficas dos escritores implicados coma polo acabado retrato sociolóxico, xeracional e aínda epocal que reflicte.

Neste sentido, un pode aprender lendo a Fernández Ferreiro como Otero Pedrayo foi silenciado por conferenciar en galego no Posío en 1949; como os enfrontamentos radicais dos vellos galeguistas ourensáns con Piñeiro facían que o alcumasen de “descortés e vulgar politiquillo”; como Risco, logo de terlle feito unha crítica negativa a un libro de Pura Vázquez, escapaba dela por medo a que esta o puidese reprender; como Méndez Ferrín e López-Casanova tiveron máis que palabras unha tarde no Derby, en Compostela; como Luís González Blasco ‘Foz’ devolveu a Manuel Rabanal un artigo de La Noche no que este último enxalzaba o réxime franquista non sen antes nutrilo convenientemente tras pasar polo escusado; como seica o poeta crego Faustino Rey Romero bebía os aires pola xa citada Pura Vázquez; como Cribeiro resolvía os enfados apelando a “Santa Felicitas de Castelgandolfo, virgen por delante y mártir por detrás”; como Herminio Barreiro facía quilómetros cada noite preso do seu somnambulismo; como ‘Foz’ andaba a riscar canto muro libre vía por Madrid con espirais trísceles que debuxaba cos xices dos que sempre levaba cheos os petos… e así todo.

Daquela, non pode negarse que Fernández Ferreiro non fose, tamén no seu relato, fiel á súa autodefinición: “son un soñador, un romántico de aldea, un á marxe dos sistemas, un outsider”, pois se algo non son estas memorias é unha narración soporífera e convencional de datos perfectamente consultables en manuais e enciclopedias literarias. Todo o contrario, en De Xente Nova a Brais Pinto agurgulla a vida do Ourense e o Madrid dos anos cincuenta, case me atrevería a dicir que é posible percibir a atmosfera de nostridade auriense e o tasto rancio e decrépito das xeografías surreais que habitaron na capital do Estado estes escritores, loitando a prol da nosa causa cultural e literaria en pensións de mala morte, nun Centro Galego alacoado e de postal, bohemizando as súas xuntanzas e facendo agromar daquel lameiro de miserias escritos vangardistas que hoxe son textos referenciais da nosa literatura do medio século. Porque dun libro así, xaora, un nunca cansa de tirar ensinanzas. Proben.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES