Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xa mo daba a min á alma...

miércoles, 22 de febrero de 2012
Esta expresión oíaselles ós nosos antepasados, sempre que tuveran unha intuición de algo, con forza dunha tal certeza que non aceptaban os “sisudos pensadores”, e acababa ocorrindo: “Xa mo daba a min á alma que este ano ían subir o consumo”; “xa mo daba a min á alma que tu ías suspender: fixeche o vago!”; “xa mo daba a min á alma que tu ías acabar facendo isto ou aquilo…”

Pois ben; o caso é que estes nosos seres queridos, sen sabelo, ousaban filosofar, desafiando nada menos que os sacralizados principios da máis rigorosa racionalidade. Precisamente eles, que tanto sorrían con retranca ás “trapalladas filosóficas”, unha maneira – dicía algún – de ganarse a vida coma “Barriga Verde”, farfullando. Quen lles ía dicir que eles estaban discutíndolle á razón á exclusividade do coñecemento certo e á consciencia o seu papel no mesmo, cambiandoos pola intuición e a operatividade do inconsciente!: Tamén as decisións irracionais e, ás veces, froito da inconsciencia, eran boas.

A este respecto, cóntanos E. Punset o caso do Dr.Semmelweis, asistente do profesor Johann Klein nunha das maternidades do Hospicio General de Viena. Ó xinecólogo Semmelweis “dáballe a alma” que as febres puerperais tiñan que deberse a algo que o médico ou as comadroas facían mal: intervir nos partos coas mans sen lavar ata acadar unha asepsia adecuada. Nin el, por aquel entón, nin tampouco o seus compañeiros médicos, sabían nada da existencia dos microbios, dos microorganismos patóxenos, porque aínda non aparecera polo escenario médico Pasteur.

Segundo parece, iso que “llo daba a el á alma”, a necesidade de lavarse as mans antes de atender a unha parturiente, contribuiu tanto coma os antibióticos a salvar vidas; pero os demais médicos e comadroas non estaban polo asunto, e marxinárono.

Este pobre home, vítima do espírito ignorante da súa época, acabou suicidándose: O seu afán de certezas que lle rexeitaba aquel mundo levouno a sentirse incómodo e angustiado, e non foi capaz de asumir eses sentimentos que xeraba nel a indiferenza arrogante e pastosa do seu ambiente profesional.

Pregúntase Punset cales foron os mecanismos mentais de Ignaz Semmelweis que lle permitiron conseguir, mediante a PURA INTUICIÓN, aflorada no hipocampo (unha zona do cerebro), resultados tan contundentes coma os que poida bosquexar a mesma razón nun ámbito da consciencia, posto que no seu tempo nunca se creu no que hoxe coñecemos como INFERENCIAS INCONSCIENTES.

Estamos aquí, certamente, na presenza dunha batalla entre a INTUICIÓN (o “dábamo a min á alma…”) individual dun tocólogo e o suposto coñecemento científico, avalado pola razón e o peso da opinión dos médicos. Dito doutra maneira, o que “lle dá á alma” a un individuo e o que “ten na cabeza” a comunidade científica entran en colisión, neste caso, porque ós expertos oficias o que lles interesa é non desdecirse.

Pero leamos a Punset: “En los últimos años se ha dado un salto gigante admitiendo, simplemente, que TAMBIÉN EN EL INCONSCIENTE PODÍAN GESTARSE DECISIONES TAN VÁLIDAS COMO LAS QUE SON RESULTADO DE PROCESOS COGNITIVOS CONSCIENTES”. (As maiúculas son miñas).

O máis rechamante é que, grazas a esta valoración do inconsciente, podemos descubrir a pobreza do noso consciente. E entón, se a alguén “lle dá á alma…que hai Deus”, por que non pensamos na conveniencia de estudalo, incluso, no que proceda, científicamente, en vez do sorriso irónico e ignorante?.

Quizabes non esteamos moi dispostos a aprender dos exemplos do pasado, e manteñamos o noso hipocampo baixo a sospeita fascista, ou, tal vez, por tanto erguer a cabeza, esta está en proceso de desertización do sentido común. Entenden…?.

Pero que a ninguén se lle pase tan sequera polo maxín que isto é unha “panfletada” contra a ciencia. Xamais!. A ciencia ven a poñer a cousas no seu sitio. Por iso, cando Luis Pasteur, estudando a putrefacción pensou que moitas enfermidades debían ser producidas por xérmes perxudiciais existentes no ar ou no ambiente (no caso noso, nas mans dos médicos e comadroas), que invaden o organismo, que, a súa vez, queixase coa linguaxe da febre, estaba dando a razón a Semmelweis, isto é, estaba confirmando científicamente a certeza dunha intuición, mediante a razón.

Polo tanto, a ciencia sen a intuición queda sen orixe; a intuición sen a ciencia non vería confirmados os seus contidos: As “inferencias inconscientes” poden ter confirmación científica.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES