Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entroido larpeiro

lunes, 20 de febrero de 2012
A data do nacemento do entroido ( tamén entrudio, carnaval ou carnestolendas) non quedou rexistrada na historia; a súa orixe rural pérdese nas tebras da prehistoria.

Houbo un tempo no que ningunha aldea galega que se
preciase deixaba de vivir a súas entroidadas, sinxelas e liberadoras. Eran festas colectivas e populares, xurdidas dunha tolemía espontánea na que todos tomaban parte. O tempo do entroido abría unha paréntese na monótona e dura vida diaria; un tempo co seu ritmo propio e códigos de comportamento totalmente opostos ós vixentes o resto do ano.

Na Galicia rural dos nosos antergos o entroido sinalaba o fin dun largo inverno e a chegada das sementeiras, por unha parte, e o comezo da coresma coas súas estrictas regras e sacrificios pola outra.

A afección á mesa abundante e ás libacións xenerosas son sen dúbida un dos compoñentes do talante que define ós galegos.

É certo que o noso país sufríu fames históricas, a tal punto que algúns estudiosos – como, por exemplo, o doutor García Sabell, médico e antropólogo ilustre – chegaron a afirmar que a obsesión pola comida en Galicia non é porque abunde, senon porque nona houbo; tese que compartía o noso inesquecible amigo o xornalista e gastrónomo Jorge Víctor Sueiro, que via nas fames galegas, esa inclinación dos nosos paisanos ás grandes comidas e cuchipandas, reacción contra a penuria sufrida, quizabes temendo que no futuro non estarían nunca o suficientemente alimentados…

É certo que hoxe as circunstancias son outras, pero non se renuncia fácilmente a certos atavismos pracenteiros, e así os vellos rituais, as tradicións, matéñense ó longo dos séculos para disfrute das sucesivas xeracións.

Carlos Martínez Barbeito no seu libro Galicia di que o talante galaico está feito de antinomias e paradoxas; e así, aínda sen negar a veracidade do tópico, mais xeralizado do que debera, que nos define só por melancólicos e soñadores, asegura que o galego, cando se tercia “ é espléndido, báquico e fáustico; gran comedor, gran bebedor e gran fornicador; socarrón, irónico e dono da plenitude e da ledicia de vivir”.

“O apego ós dons da vida, o goce dos sentidos, os praceres da mesa e do amor, o constante sorriso compracido, son na nosa terra moeda corrente. E así, a alegría galaica é, en xeral, a que se deriva da abundante comida, das libacións espléndidas e da sensualidade satisfeita”.

Son as carnestolendas, días de especial permisividade, en que se rende particular tributo a don Carnal, unha desas ocasións nas que, dende os vellos tempos de históricas fames, se reservaron para a enchenta que paliara a escasez da pitanza.

A celebración do carnaval polos nosos pagos experimentou a lóxica evolución, da mesma maneira que aconteceo con todo tipo de manifestacións sociais, culturais e festivas. Pero aínda se manteñen, para pracer de padais, e ás veces suplicio de estómagos, a copiosa degustación dese animal que cos seus derivados é o rei da cociña galega e cuxo imperio comparte tan só cos mariscos e os peixes das nosas costas: o porco, que constitue número principalísimo do entroido o pantagruélico desfile ante o prato no que forman o lacón e a “cachucha”; o touciño e a costela; a orella e o rabo; o lacón e os chourizos… co aditamento de garavanzos, grelos e patacas, abundantemente regado todo elo por un bó Ribeira Sacra.¡Todo un espectáculo! Que ten ademais o seu epílogo nuns postres tan tradicionais coma exquisitos: as filloas, orellas de frade, flores do entroido, rosquiñas, follas de limoeiro, chulas…

Esquezamos pois por uns días, lector amigo, os ácidos úricos e colesterois; as hipertensións, glucosas e demais atrancos e comamos e bebamos. A austera coresma está á volta e non vaia ser que os xaxúns e abstinencias que nos esperan nos pillen o organismo sen reservas.

Xa o dí a vella cantiga : “ Adeus, martes de antroido, / adeus, meu amiguiño / ata Domingo de Pascoa / non comerei mais touciño”.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES