Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Teoría dos Ilímites

viernes, 17 de febrero de 2012
Hai algún tempo Manuel Rivero e un servidor vimos desenvolvendo a teoría dos ilímites, que recollemos nun libro recentemente publicado pola Escola de Finanzas, titulado El ilímite del potencial humano.

Débese dicir que o concepto de ilímite, de xeito embrionario, nace dunha maneira subversiva, como un berro que pide á sociedade que deixe de taxar límites que só lle serven para infravalorar ás persoas. O primeiro obxectivo do ilímite foi acabar coa minusvalía como concepto social que convida á persoas con diversidade funcional a ser menos, coa correspondente alienación que isto supón.

Empecemos cunha pregunta provocadora: Quen non ten discapacidades? É dicir, quen é perfecto en todo? A resposta é ninguén, e esta resposta lévanos a concluír que todos temos límites ou discapacidades que temos que coñecer, asumir e aceptar para construír o noso propio proxecto vital:



Temos que asumir e aceptar pois, a nosa propia discapacidade, o noso propio límite, sabendo por el que en determinados eidos o noso desenvolvemento vai ser máis cativo, e que teremos máis dificultades na realización da tarefa.

Pero da outra cara da moeda temos o ilímite, que é a “máxima capacidade dunha persoa, aquela que, cando a desenvolve nunca cede ao cansazo, senón o contrario, dá satisfacción, aumenta a autoconfianza e dá forzas para seguir adiante. Nesta actividade a persoa empeza a ser ela mesma e consegue autorrealizarse no seu entorno” (Rivero, M. e Santalla, I. 2011:30).

De acordo coa Lei 80/20, esta máxima capacidade é a que temos que fomentar e practicar día a día para acadar os nosos obxectivos vitais:



Unha vez que se tomou consciencia do límite e do ilímite individual, toca pensar na forma na que vamos construír a nosa propia identidade. Podemos elixir centrarnos no límite, co que o noso proxecto vital terá unha maior dificultade de realización, xa que o autodesenvolvemento persoal sempre será máis feble; ou podemos centrarnos no ilímite e intentar auitorrealizarnos naquilo que verdadeiramente amamos.

Sempre conto que descubrín como atopar os ilímites nunha frase de Facundo Cabral, tristemente asasinado en Guatemala, a frase dicía: “Hagan las cosas sólo por amor, porque el que trabaja en lo que no ama aunque lo haga todo el día es un desocupado”. O ilímite ten que estar en todo aquilo que a persoa ama realmente, alí onde visualiza a súa propia plenitude, onde os seus ollos brillan ao desenvolver a tarefa e onde toma forma a súa autorrealización persoal.

Deste xeito, potenciar o ilímite, asegúranos unha alta autoestima e un autoconcepto positivo; estes dous aspectos constitúen os piares básicos que nos darán acceso á nosa propia identidade:



O ilímite convértese así nunha forma de autorrealización persoal, de ser o que cada un queira e de chegar ás metas libremente elixidas. Potenciar o ilímite é visualizar a nosa capacidade real de facer cousas por nós mesmos, de ser donos de construír e dar ao mundo a nosa propia esencia, e de facernos en liberdade para elixir a integración da nosa individualidade no ser colectivo da humanidade.

Asumir o límite e potenciar o ilímite, é comprender que nacimos para a colectividade, é dicir, a nosa individualidade ten un desexo intrínseco de complementarse con outras individualidades para medrar. O ser humano ten a capacidade de facer medrar e a necesidade de medrar cos demais. As necesidades do ser esixen unha continua interrelación co noso entorno. Por iso Covey concibe a evolución humana como un camiño da dependencia á interdependencia. Este é o camiño da madurez, o que media entre o “eu” e o “nós”, e o que nos fai situar a nosa autorrealización, en relación co entorno, no centro da nosa vida; porque sen el, o noso ser individual non se entendería.
O desenvolvermento do ilímte esíxenos establecer continuas relacións de interdependencia, nas que ao mesmo tempo que potenciamos as nosas maiores capacidades, procuramos o apoio daquelas persoas que poidan suplir os nosos límites. Nestas relacións débese ter especial coidado co vampirismo, é dicir, con aquelas persoas que non entenden de dar e que só saben exprimir os ilímites dos demais como paliativo dos seus propios límites. A interdependencia é saber dar e recibir, e concebir ambas accións como necesidades humanas para o crecemento individual e colectivo.

Por outra parte, débese dicir que o desenvolvemento do ilímite depende máis da vontade da persoa que da súa motivación. Podemos dicir que querer é poder, e que destas dúas premisas depende a capacidade de adaptación da persoa. Sen restarlle importancia á motivación, que é unha necesidade permanente para o desenvolvemento de calquera actividade, débese dicir que de nada servirá sen unha vontade real de levar a cabo unha determinada actividade por parte da persoa. Querer é poder, e non hai dúbida de que a adaptación incrementa o resultado, mais a vontade implica elixir entre catro premisas:



Da elección que fagamos neste cadro vai depender o noso éxito ou o noso fracaso na loita polos nosos obxectivos vitais. Pero ademais, a través desa elección, poderemos ver perfectamente se nos centramos no límite ou no ilímite, é dicir, se eliximos o vitimismo ou o activismo ante as circunstancias. As circunstancias non son máis que retos aos que a vida nos enfronta. Pode haber circunstancias nas que o “podo e non quero” sexa unha opción válida e incluso comprensible, pero nunca pode ser unha actitude ante a vida. Este cadro representa a liberdade de elixir, non entanto só cando sexamos capaces de reducir os cadros “non podo e quero”, “podo e non quero” e “non podo e non quero” accederemos á nosa propia autorrealización:



A vontade fai que as nosas competencias se vaian pouco a pouco desenvolvendo e ampliando, ao mesmo tempo que nos axudan na consecución dos nosos obxectivos vitais. A través da vontade tomamos consciencia dos nosos ilímites; e a través deles, da nosa capacidade real de cambiar o que nos rodea. A historia está chea de exemplos de vidas que parecían destinadas ao fracaso, e que foron capaces de darlle a volta ás circunstancias ata facer un porvir. Polo tanto, débese tomar consciencia de que o ilímite, sendo un concepto inmaterial, materializarase a través das nosas obras, do noso legado; un legado que ten que autorrealizarnos no propio entorno.

Ao final o ilímite é unha viaxe cara ao recoñecemento da propia competencia, por iso se basea na construción da identidade, na autoestima e no autoconcepto positivo. É necesario que a persoa se recoñeza competente e defina a través de ditas competencias o seu propósito e a súa misión na vida, que ao fin e ao cabo, constitúen as bases da autorrealización.

O recoñecemento da competencia lévanos de novo a falar das necesidades do ser; ante calquera obxectivo a persoa ten que construír o medio para logralo, a través dos propios ilímites. Para isto é imprescindible a asunción da competencia, tal e como reflicte o seguinte cadrante:



Coñecidas as nosas maiores capacidades, tócanos construír a nosa propia identidade. Unha identidade que comparte coa humanidade o ilímite colectivo da creatividade. Pero nunca podemos ignorar que o ilímite tamén conleva a obriga do autodesenvolvemento. Alguén dixo que, no seu día todos foramos o espermatozoide máis rápido; isto quere dicir que en calquera circunstancia somos os máis capaces para a vida, e tamén, parafraseando a Pablo Neruda, “que o mundo sen cada un de nós, non sería igual” ; pero non nos esquezamos nunca da obriga do autodesenvolvemento.

Unha vez coñecida esta teoría, entra en xogo a liberdade de elección da persoa: feitos os dous procesos, somos donos de decidir a cal deles lle concedemos máis peso. Aínda que, se cadra debemos preguntarnos, ao xeito de Paulo Freire, por que nos imos conformar con ser menos podendo ser máis?
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES