Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Sanidade Pública está en perigo

viernes, 17 de febrero de 2012
A Organización Médica Colexial (OMC), que representa á profesión médica de todo o Estado, ven de expresar a súa preocupación polo futuro da sanidade pública. Nunha declaración conxunta de todos os colexios provinciais afirman que “a profesión médica non debe aceptar recortes no financiamento sanitario que provoquen perdas de calidade na asistencia aos pacientes”. Tamén denuncian “a precariedade laboral e a falta de oportunidades, que obriga aos médicos a buscar traballo fora de España, o que supón un despilfarro económico e intelectual”.

Despois dun longo tempo de silencio cómplice, mentres nas autonomías gobernadas polo PP estaban a desenvolver políticas privatizadoras que provocaron un serio deterioro da sanidade pública -e supoñen unha grave hipoteca para o seu futuro-, agora os representantes da profesión médica claman contra da política de recortes. Mentras Esperanza Aguirre privatizaba a xestión dos hospitais en Madrid non houbo protestas da OMC. Cando en Valencia entregaban a mans privadas a atención sanitaria de máis dun millón de cidadáns, a OMC miraba para outro lado. Cando Feijoo utilizou as tesouras en Galicia para recortar os presupostos sanitarios –por primeira vez na historia autonómica-, os colexios médicos non dixeron nada; había unha xustificación: todo era por culpa da crise. Pero agora, as políticas ultraliberais desenvolvidas polo partido no poder, en connivencia con intereses empresariais, está a producir un dano directo que afecta á profesión médica: despois dunha década de pleno emprego agora hai moitos sanitarios en paro ou con traballo precario; xa son moitos os que están a procurar o seu futuro na emigración: Gran Bretaña, Portugal e mesmo Finlandia están a reclamar médicos e enfermeiros do noso país.

Os colexios médicos de Galicia, controlados pola dereita (agás o de Ourense) non fixeron ningunha crítica á política de despezamento desenvolvida polo goberno de Feijoo, que representa unha seria ameaza para a sanidade pública e para todo o sistema de protección social.

Desde hai tres anos diversas organizacións cidadáns e profesionais integradas en SOS Sanidade Pública, traballan arreo para evitar o desmantelamento da sanidade galega. Nesta tarefa non estiveron os colexios profesionais; pola contra, desde os seus foros e plataformas deron voz aos seus ideólogos (De Guindos, Castellón) para xenerar dúbidas sobre a sostibilidade do sistema e proclamar a necesidade de facelo máis “flexible e productivo”.

Agora din estar preocupados polo que ocurre en Valencia, Baleares e Castela-A Mancha e reclaman da Administración que o feito nesas comunidades non se repita en Galicia.

O presidente do colexio de médicos coruñés, Luciano Vidán, -home de Romay desde hai décadas e próximo a Feijoo-, afirma que “adelgazan o sistema de saúde e non sabemos por qué nin para qué”. Acerta no diagnóstico, máis esta declaración ven con moita demora. De todos xeitos cómpre felicitarse de que, por fin, os colexios profesionais protesten contra dos recortes en sanidade.

Haberá que vixiar no futuro o seu proceder, para ver se actúan en consecuencia ou, como di a FADSP, “só se trata dunha cortina de fume, para tapar o apoio que moitos deles veñen prestando ás políticas privatizadoras”.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES