Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carmen Blanco

jueves, 09 de febrero de 2012
Carmen Blanco Parlamento das Letras:
Carmen Blanco

Carmen Blanco é unha ave do Norte, un piar de pura luz escritural que leva a vida toda dedicada á aprehensión das razóns das non razóns de xénero, taquigrafando as escuras manobras do Poder, dos poderes, clamando pola Liberdade integral, pola letra con memoria e a refundación ácrata dunha sociedade en Eros.

Os seus ensaios lémbrannos o contradiscurso das mulleres, a longa marcha pola (súa) independencia, a precisa anulación dos arquetipos patriarcais, a loita anarquista e libertaria que conduza a unha auténtica e gloriosa Alba de compañeiras.

Mais a palabra Blanco é irisada e no calidoscopio da súa escrita tamén espellan reflexos narrativos e poéticos, que cobraron vida ora en prosas e versos lobeiros (Vermella con lobos, Lobo amor) ora en relatos e poemas amatorios (Estraña extranxeira, Atracción total, Un mundo de mulleres) e viceversa, mais sempre co adn do vitalismo e a igualdade xenérica en todas e cada unha das súas células verbais.

Diso e de moitas outras cousas se ocupan as palabras que nos regalou para este Parlamento. Carmen Blanco: aprender a desaprender para amar a escrita que se vive e a vida que se escribe.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Tras algunhas cartas e proclamas feministas e libertarias feitas, o primeiro artigo que publiquei foi unha recensión do ensaio A muller en Galicia de Mª Xosé Queizán e foi en 1978 na revista Grial. Ramón Piñeiro pedírame que fixese recensións para Grial, primeiro, e, logo, para Colóquio/Letras, escollendo eu libremente os libros. Nesas dúas revistas publiquei os meus primeiros escritos, que foron comentarios de ensaio, poesía e conto. O primeiro libro que comentei en Colóquio foi un libro italiano sobre Rosalía de Castro, La protesta di Rosalía, de Luigi Fiorentino, en 1980.

Mais o meu primeiro escrito ensaístico, titulado “A muller na identidade galega”, pediumo Martín Blanco García e apareceu en 1981 no número 1 da revista Arco da Vella. Pensamento libertario galego, que editaba a Cooperativa Reprografía 1846 en Compostela. Desa mesma época son tamén os meus primeiros artigos sobre escritoras como Virginia Woolf ou sobre escritores como Jules Verne publicados en La Voz de Galicia, por invitación de Luís Álvarez Pousa. E tamén dese tempo é a voz “Novoneyra” da Gran enciclopedia gallega, que me veu da man de Claudio Rodríguez Fer: pedíronlla a el e el pediume que a fixésemos entre os dous.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Neste tema, para min non importa a cantidade, importa a calidade, é dicir, quen di, que se di e por que se di. Neste sentido, estou moi contenta da recepción das miñas obras, que, por outra parte, non todas foron publicadas polos mesmos motivos.

Parece que Literatura galega da muller foi a que tivo un maior impacto en Galicia e fóra de Galicia, por ser o primeiro libro sobre o tema e porque trataba de erguer a escrita das mulleres desde a lingua galega. Mais foi O contradiscurso das mulleres o que máis se vendeu (de feito, esgotouse axiña), o que se traduciu ao castelán en versión ampliada e xa esgotada, o que apareceu nunha listaxe dos 17 libros galegos máis importantes e o que tivo máis presenza no mundo.

Das obras narrativas, Vermella con lobos tivo moitas e moi boas recensións e estudos, mesmo no panorama internacional, pero menos Atracción total, quizais por ser eu vista máis como ensaísta que como novelista e por tratarse dunha obra que pretende ser innovadora en múltiples sentidos, aínda que haxa algún escrito magnífico sobre ela… E o mesmo podería dicirse das obras de poesía… que aínda se están comezando a ver agora (Estraña estranxeira, Un mundo de mulleres, Lobo amor).

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Quero harmonía para vivir a verba. Mais tamén teño escrito con moito esforzo fronte aos poderes que oprimen… E gusto moito de escribir a man, aínda que só certas cousas, pois os avances tecnolóxicos son estupendos ben utilizados.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Estase onde se está, non onde se figura. Máis alá das palabras e das linguas, quero estar ao pé da poesía da vida, coa xente exiliada e estranxeira nos mundos nos que está exiliada e é estranxeira a vida digna. E, por suposto, coas persoas que levamos adiante o proxecto Unión libre.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

O trazo do silencio, das equivocacións, do aprender a cada paso e da miña mente móbil guiada polo amor e a liberdade máis abertos e integrais.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Varían segundo as épocas e os momentos. Pero sempre, máis alá das modas e do mercado, regreso a moita da escrita do chamado “patrimonio universal” máis diverso e, en especial, pola miña historia e vida profesional, certas personalidades das linguas española e galega, que me acompañaron desde moi nova e que as releo á miña maneira na miña mente, como outras da cultura universal.

E nestes momentos, certos fragmentos de Christine de Pizan, Tolstoi, Virginia Woolf, Valle-Inclán, Gandhi, Castelao, Manuel Antonio, Dieste, Zambrano, Emma Goldman, Borges, Yourcenar, Foucault, Isaac Díaz Pardo… Safo, Catulo, Juan dela Cruz, Shelley, Hölderlin, Rosalía, Emily Dickinson, Rimbaud, Breton, Antonio Machado, Pimentel, Cernuda, Juana de Ibarbourou, Valente… Brassens, Ferré, Vinícius, Cohen, Violeta Parra, Patti Smith, Serrat, Aute, Krahe… Van Gogh. E, sempre e por enriba de todo, a poesía da vida, e o poeta que comparte a miña vida, Claudio Rodríguez Fer.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Como ás letras do mundo, fáltalle a profundidade da liberdade e do amor e sóbralle a superficialidade do odio e da ignorancia.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Querería ter escrito moitas cousas xa pensadas e para min imprescindibles, cousas que as urxencias da vida, na procura permanente do amor e da liberdade reais, non me deixaron, pois prefiro “escribir” a vida. Mais xa por ter escrito, por exemplo, Atracción total ou Un mundo de mulleres, morrería tranquila, sempre e cando non se interpretasen mal nin se utilizasen para facer o contrario do que se di nelas.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Hai cousas moi boas e outras que non o son.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Dos meus libros, eu téñolle un amor especial a Mulleres e independencia, polo pacifismo que o preside; a Alba de mulleres, polas grazas á alegría e a esperanza que leva, e a Feministas e libertarias, co gravado da vida feito pola miña nai, por diante, e coa mensaxe do “movemento imparable da mellora do mundo” polo outro lado… Desexo que non fracase a intelixencia, a sabedoría, o amor, a liberdade, a paz, a beleza profunda…
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES