Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celso Emilio: Un canto alén do tempo

miércoles, 18 de enero de 2012
A muller de Boabdil
chamábase coma ti,
Moraima.
Eu, coma il,
Tamén perdín Granada.
Celso Emilio

O 6 de Xaneiro Celso Emilio faría 100 anos. O acontecemento quizais foi eclipsado pola nova do pasamento de Díaz Pardo. Sen dúbida un eclipse xusto e merecido que a Celso Emilio mesmo lle tería agradado. No entanto compre, neste Xaneiro, escribir unhas verbas de lembranza ao gran poeta social da nosa literatura.

Non son mais ca un lector que sempre volve nos momentos clave da vida aos poemas de Celso Emilio. Un lector que procura a compaña case permanente da súa obra, que ten gastada polo uso.

Un lector que sabe que poema necesita de acordo co seu estado de ánimo. Falarei logo dos aportes persoais que me fai a lectura dos poemas de Celso mais alá do tempo, e para isto quizais teña que empezar dicindo que o meu primeiro libro empeza coa cita do poema Un día, que pecha a Viaxe ao país dos ananos e está dedicado a Antón Beiras. A cita di:

“a vida é un motor moi complicado
i a morte unha solemne imbecilidá”.

Sempre utilizo esta cita nas miñas charlas sobre o ilímite para amosarlle á xente o valor da vida.

Quizais os indignados galegos teñen un himno perfecto no poema Pra mocidade, onde Celso Emilio os convida á mesa infinda do inconformismo que procura ideas novas para a sociedade. Unha sociedade que aínda hoxe en día non pode permitirse “falar seriamente da batalla da froles nas festas do patrón” como dicía Celso Emilio no poema Non, de Longa noite de pedra. Para ler ao Celso Emilio de hoxe en día non fai falla esgarabellar moito na súa obra; así atopámonos, no mesmo poemario, con Deitado fronte ao mar, onde fai unha defensa radical do idioma galego.

A poesía social de Celso Emilio internacionalízase para falar de Vietnam, da bomba atómica ou da burguesía dominante, aos que ten chamado “ezquerdístas de dereita”. E nacionalízase para atopar a dimensión dos camiños, das fragas e dese nome co que os seus labios alimentaban o espírito: Moraima. Esta poesía está de candente actualidade, e isto é así porque, se Celso Emilio volvese, seguro que atoparía “os mesmos traidores, os mesmos delatores, os mesmos basureiros, os mesmos usureiros, troiteiras, cagatintas, pederastas”. E acabaría refuxiándose, coma sempre, nos “seos puros, primavera” de Moraima.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES