Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O segredo do raposo

miércoles, 21 de diciembre de 2011
Hai dúas semanas recibín un agasallo moi especial dunha boa amiga. Para min os agasallos especiais son aqueles que dalgún xeito nos revolven o pensamento, facéndonos reflexionar, de novo, sobre aquelas pequenas cousas que forman parte da nosa esencia. Este agasallo foi o do libro O Principiño (traducido polo inesquecible Carlos Casares para a editorial Galaxia). O libro narra como un neno doutro planeta, vestido de príncipe, aparece en pleno deserto do Sáhara. Viña de facer unha peculiar andaina polo universo, e por suposto, arribou no noso planeta. Mais a Terra é o sétimo visitado, e cómpre dicir que nos outros seis atopara os personaxes máis absurdos que un pode imaxinar: un rei sen ninguén sobre quen reinar, un vaidoso sen admiradores, un bebedor bébedo que bebe para esquecer que sinte vergoña de beber, un home de negocios fanático que se cre dono das estrelas, un faroleiro que acende e apaga un faro que non aluma a ninguén e un xeógrafo que non fai traballo de campo por falla de exploradores (haberá na Terra xente coma esta?).

Xa na Terra o principiño interactúa cos animais e coas flores antes de atoparse coa vida humana, que certamente lle parecerá tan absurda como a dos habitantes dos planetas citados. Entón aparecerá o raposo que lle desvelará un segredo no que paga a pena pararse a cavilar, di o raposo que "soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisible para os ollos". Esta frase define os valores que trata de transmitir o libro. Ser humano, significa ser basicamente inmaterial, as persoas temos a capacidade de crear un mundo paralelo ao natural que nos limita en compromisos ancorados nunha escala de valores compartida socialmente. No entanto, esa realidade inmaterial danos a posibilidade de posuír o sentimento e transformalo en poesía, en pintura, en escultura, en música, ou en calquera outro tipo de arte. Podemos dicir que a humanidade posúe o ilímite da creatividade, e é ese ilímite o que a fai crecer infinitamente.

Somos inmateriais, e non entanto deixámonos someter á ditadura atroz do materialismo e o consumismo; dándolles o poder de que sexan eles, e non os nosos propios valores, os que determinen se fracasamos ou non na vida. A sociedade actual estanos marcando un rego común para arar do que ninguén se pode saír. Para ser unha persoa "normal", é necesario ter un traballo fixo, un piso en propiedade, coche e chalé ou apartamento na praia. O que se sae deste canon é considerado case un desadaptado social. Pero tamén se nos impón un modelo de beleza a través dos medios de comunicación, o que non encaixe non conta, é dicir, a inmensa maioría non contamos. Non contamos! E a pesar disto permitimos que nos sigan impoñendo canons nos que nin sequera encaixan aqueles que os defenden. É necesario naturalizar a sociedade, amar o natural, descubrir a beleza nas diferenzas que son consubstanciais á existencia do propio mundo; e comprender que o futuro está na flexibilidade e non na rixidez coa que se move os canons citados.

Os cristiáns imos celebrar en poucos días o Nadal, e temos a opción de celebrar aquel que nos impón a sociedade ou aqueloutro que nos ficou esquecido nunha gabeta da memoria; e que entraña profundos valores de respecto, solidariedade, amizade, dignidade, interdependencia e crecemento mutuo. Cavilemos nisto cando poñamos o Nacemento e pensemos no que querería o propio Xesús. Non sexa que, como cantaba o meu querido Facundo Cabral, Xesús se vexa obrigado a fuxir entre o marisco e o turrón, e alguén o teña que animar a facelo: "corre corre Jesús, que no te alcance la gente, no vaya que te suceda lo que ya te sucedió". Todos somos importantes e non necesitamos canons nin criterios económicos para saber, como diría Neruda, que "sin tí el mundo no sería igual". Sen cada un de nós, nada sería igual. Velaquí o gran segredo que o raposo lle regalou ao principiño.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES