Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os recortes na sanidade pública

viernes, 09 de diciembre de 2011
A crise económica internacional, agravada en España pola explosión da burbulla inmobiliaria, está sendo utilizada pola dereita como pretexto para cercenar dereitos cidadáns e recortar prestacións (sanitarias, educativas, sociais) dun modo brutal e descarado, como nunca antes se fixera, que pode provocar un fenda profunda na equidade e na estabilidade social deste país.
Os políticos neoliberais xustifican os recortes na sanidade coa excusa de que o sector sanitario público está hipertrofiado e precisa unha reducción para garantir a sostibilidade. O prestixioso economista Vicenç Navarro publicou un artigo no que desmonta este argumentario. En realidade a nosa sanidade pública está subfinanciada: “España gasta en sanidade unha cantidade menor da que lle corresponde polo seu nivel de riqueza. O seu PIB per cápita é do 94% do da UE-15, mentras que o gasto sanitario público só representa o 79.5%. Non é certo que España gaste demasiado. En realidade os recursos existen. O que ocurre é que o Estado non os recolle”.

A decisión, polo tanto, non é técnica senon claramente ideolóxica, xurdida do dogma neoliberal de que a sanidade debe “adelgazar”, que se precisa reducir o gasto para “salvala”. A realidade é que os recortes afectan á calidade da sanidade pública e xeran maior demanda da privada (obxectivo clave pero non explícito destes recortes). Tamén se xustifica a utilización das tesouras nunha suposta ineficiencia do sistema público. Máis Navarro afirma que “non hai ningunha evidencia de que o sector público sexa máis ineficiente ca o privado. A evidencia apunta ao contrario. Un dos sistemas sanitarios máis ineficientes é o dos EEUU, donde a maioría da financiación é privada. É o sistema máis caro do mundo, representa case o 17% do PIB americano e, pola contra o 68% da poboación está enormemente insatisfeita. Queren aplicar esta sistema en España?”. Recordemos que, nos inicios do seu mandato, o presidente Obama sinalou á sanidade española como o modelo a seguir. Logo chegaron os grandes lobbys e non lle permitiron realizar a reforma proxectada. Pero eso é outra historia.

Porque aquí, cando a dereita catalana recuperou o poder na Generalitat puxeron como conselleiro de sanidade ao señor Boi Ruiz, presidente da patronal da sanidade privada. Había unha clara declaración de intencións. Iniciaron unha brutal campaña de recortes na sanidade pública que está a provocar un progresivo deterioro da calidade asistencial e un crecente malestar de cidadáns e profesionais. Máis non hai rectificación no camiño trazado. Pola contra, agora pretende abrir ao capital privado os hospitais e ambulatorios públicos e plantexa a implantación dun seguro sanitario privado obrigatorio a partir de certo nivel de renda. Estas medidas perxudican a sanidade pública, vulneran os principios de equidade e cobertura universal do sistema sanitario, pero abren expléndidos espazos de negocio para algúns a expensas dos orzamentos públicos.

A señora Cospedal tamén chegou coas tesouras na man á presidencia de Castela-A Mancha. Ela ven de mercar unha casa valorada en 2.5 millóns de euros e “oculta” o seu patrimonio: négase a publicar as súas propiedades e ingresos tal como obriga a lei. Pero baixoulle o salario a 70.000 empregados públicos da comunidade e vai privatizar a xestión dos hospitais públicos. Manzanares, Tomelloso, Villarrobledo e Almansa, que xa están funcionando, pasarán a ser xestionados por empresas privadas. Os catro hospitais en construcción (Toledo, Cuenca, Albacete a Guadalajara) tamén pasarán a mans privadas. A comunidade de Castela-A Mancha quedará hipotecada: terá que pagar a estas empresas pola utilización dos hospitais durante 30 anos.

Xa se sabe que os hospitais xestionados pola iniciativa privada (modelo PFI) saen moito máis caros para as arcas públicas. As experiencias desenvolvidas en Reino Unido, Madrid e Valencia así o demostran. Pero da igual: estas evidencias non serán valoradas xa que o negocio para as empresas privadas que xestionen estes proxectos está asegurado.

O señor Núñez Feijoo, nos dous anos que leva como presidente da Xunta, xa ten amosado a súa decidida vinculación con esta estratexia de saqueo dos servizos públicos. Reduceu os orzamentos sanitarios (por primeira vez na historia da autonomía), anulou o Plan de Mellora da Atención Primaria e retiroulle a cobertura sanitaria aos parados de longa duración e aos inmigrantes e emigrantes retornados (incumple a lexislación: a lei xeral de xanidade, a de estranxeiría e a lei de cohesión sanitaria). Semella que non abonda; agora afirma que “carece de sentido que o grado de copago dos medicamentos veña marcado pola idade e non polo nivel de renda”, e plantexa o cobro de servizos non estrictamente sanitarios do Sergas (“ducharse, comer, dormir”). Ou sexa: os pensionistas non disporán de prestación farmacéutica gratuita e todos os cidadáns terán que aboar os gastos derivados dos ingresos hospitalarios. Estas son as propostas desta facción ultraliberal que goberna Galicia. Por suposto, aquí tamén se utiliza para a construcción do hospital de Vigo e os novos centros de saúde o modelo de xestión privada.
A quén beneficia esta estratexia? Nun recente informe da FADSP afírmase que hai “grupos de presión empresarial e bancarios relacionados co PP que aproveitan os procesos de privatización postos en marcha nas autonomías donde gobernan para apoderarse dos novos centros sanitarios de financiación público-privada”. Con estas fórmulas a financiación e xestión dos centros corre a cargo de consorcios integrados por empresas constructoras, entidades bancarias e empresas aseguradoras: “unha vez entregado o centro, a administración paga un canon anual por 20-30 anos que multiplica por sete o custe real dos servizos”. Entre as entidades beneficiarias destas concesións (sobre todo en Valencia e Madrid) están a CAM, Bankia, Ribera Salud ou Bancaja.

Neste informe recórdase que a consultora PwC participa en varios destes proxectos: “auditou o proceso de fusión de Caja Madrid e Bancaja, por encargo de Rodrigo Rato, e foi elexida pola Consellería de Sanidade de Galicia para asesorar a adxudicación do novo hospital de Vigo: seleccionou un consorcio do que forma parte Bankia (presidido por Rato)”.

Pero hai máis conexións do PP co mundo financeiro que participa nestes proxectos: Manuel Lamela (exconselleiro de sanidade en Madrid) forma parte do consello directivo de Bankia e do grupo Capio. Home de confianza de Rato, deixou a política en 2008 para adicarse a actividades empresariais no sector sanitario. É o máximo dirixente de Madrid Médical Destination. Luis de Guindos foi secretario de Economía con Aznar e agora está vinculado a PwC como xefe dos servizos financeiros. Luis de Guindos (de Leman Brothers ata a súa caída en 2008) e Rodrigo Rato (presidente do FMI durante a súa peor etapa) son “pesos pesados do PP e soan como ministrables no próximo goberno de Rajoy”.

Esta rede integrada por políticos do PP, banqueiros e empresarios está a procurar beneficios privados a expensas do diñeiro público. Non é a crise a responsable destas actuacións. A preservación do sistema público debe facerse por outros medios. Máis aproveitan a situación para promover negocios a longo prazo que poñen en risco a sanidade pública. Non importa a saúde, nin a equidade nin a xustiza: só lles interesa o beneficio.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES