Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O voluntariado penitenciario

martes, 22 de noviembre de 2011
Este fin de mes celébrase en A Coruña o XIV Congreso Estatal do Voluntariado. O lema: Galicia voluntaria. Camiños da solidariedade. E aparece logo un trazo precioso cun gran corazón.
Cando eu era rapaz novo, onde vai, dicíase con relación á mili: Voluntarios nin para comer, porque logo facíanche o cambiazo e o que comías era o 'marrón que se lle ocorrese ao mando correspondente.

Non obstante a maior parte da vida en sociedade pasaba e pasa hoxe pola xenerosidade calada de tantas persoas que entregan parte do seu tempo e traballo ao outro e, ás veces, mesmo está en xogo a propia vida.

Que sería da nosa sociedade sen a achega xenerosa e gratuíta dos nosos avós e avoas para sacar adiante os nenos da familia e ás veces os dos veciños?

Médicos sen fronteiras, farmacéuticos mundi, enfermeiros, mestres, técnicos das máis diversas profesións, Cociña económica, Cáritas, Reto, Dignidade, etc.

Seguro que con limitacións e mesmo con fallos. Só se equivoca quen se move, quen arrisca, quen pon da súa parte. O que non achega nada polos demais, normalmente, fica en opinar ou na crítica superficial e ás veces negativa. Que tamén ten o seu valor. Pero quen de verdade empurra a máquina, quen abre a gabia, non son os miróns, senón esa persoa que en silencio súa a gota gorda metido no tallo.

As nosas amas de casa ou servidoras de casa en voluntariado forzoso, só se lles recoñece o seu traballo para dicirlles: Mamá, isto non sabe a nada, pasácheste co sal, queimóuseche o guiso, etc. Poucas veces escoitarán: Grazas, mamá, polo que fas por nós cada día.

Nun centro penitenciario, cárcere, hai inmensidade de necesidades e de pobrezas de todo tipo. Os antropólogos fálannos das cinco dimensións da persoa: Física, psíquica, emotiva, relacional, espiritual e dentro desta última estaría ocupando unha parceliña o relixioso. En todas elas hai necesidade de persoal de apoio que, sen manipulacións, con toda xenerosidade e respecto á dignidade da persoa, achegue o mellor de si mesmo e, se pode ser, de forma organizada e en equipos multi e interdisciplinares. Necesítanse a todos e en todo.

A acción do voluntariado, no específico do mundo penitenciario, ten que orientarse: 1º) A unha acción seria e organizada de tipo preventivo. 2º) No tempo do internamento é imprescindíbel unha grande dedicación capacitada e eficaz, o máis personalizada posíbel. Ten de conxugarse a prudencia e a eficacia ao resolver o que se poida facer en cada caso e situación. 3º) Pero de pouco serviría o anterior se a sociedade non tomamos conciencia seria do despois. A nosa Constitución fala de rehabilitación e reinserción. E énchesenos a boca con esas palabras para a galería. Sempre: "Que se rehabiliten eles, que se reinsiran ou reinserten eles".

E os medios, o ambiente de acollida, o posto de traballo, o trato social e non sinalar co dedo, e a vivenda, e os pisos de acollida, e a consideración positiva e a aceptación incondicional da que nos fala a psicoloxía humanista, etc., quen pon todo iso?

Só con mirar aos peixes no seu languidecer, se non depuramos e desintoxicamos a auga e non cambiamos as circunstancias vitais, eles sós, morren. Algo teremos que ver nós niso. Os cárceres son nosos e o que se faga con eles tamén. Normalmente solucionámolo todo dunha forma simplista: "Que apodrezan no cárcere". Que humanitarios somos! E se fose o teu fillo?

Urxen asociacións de axuda para esa reinserción e acollida no día despois. Ninguén máis capacitado e interesado que o que pasou polo sufrimento. Podería nacer un voluntariado organizado e asociado para favorecer o non fracasar e o non reincidir por ter todas as portas pechadas despois de recuperar a liberdade? O reto está aí. A resposta é de todos. Túa e miña tamén. E se nos asociamos moito mellor. Estarías disposto a algo neste senso?

Avecíñanse tempos de carestía e incomprensión. Para o pobre sempre é noite, di o refrán.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania