Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Wundt e o "parecer"

martes, 22 de noviembre de 2011
Cando se fala de Wundt, non é infrecuente incorrer nunha confusión: tomar ao pai polo fillo. Eu aquí vou a referirme a aquel, a Wilhelm Wundt, nado en Baden, Alemaña, no 1.832. O seu fillo chámase Max. O pensamento filosófico de Wilhelm pode encadrarse, cos inconvenientes de toda condensación en expresións máis ou menos estereotipadas, dentro das seguintes liñas xerais: Defensa da autonomía das “ciencias do espírito”, fronte ao positivismo e o materialismo máis radical; introdución da chamada “psicoloxía experimental”, estendendo o campo da mesma ás vivencias da autoobservación, ou introspección, é dicir, á experiencia interna dos procesos provocados; establecemento, para o estudo científico dos procesos psíquicos, do paralelismo psicofísico, e, na leira da metafísica, mantemento da prioridade do psíquico sobre o físico: O espiritual como fundamento da materialidade e substancialidade do mundo obxectivo.

Ten este pensador alemán moitos discípulos que o seguiron con máis ou menos fidelidade. Pero non ven ó caso, para o meu propósito, facer referencia a eles, aínda que quero recordar a Paulsen, polo anecdótico da súa posición doutrinal respecto ás mulleres, á que xa dediquei algunhas liñas nunha colaboración neste mesmo medio, a propósito do feminismo.

Wilhelm Wundt deixou dito algo interesante, na miña opinión, sobre a distinción entre o verbo PARECER e o SER: aquel empléase con profusión ao comenzo da vida adulta, mentres que o “ser” é máis propio usalo na adolescencia, que sempre fai alarde dunhas seguridades que a acompañan durante algún tempo, incluso, a veces, con manifestacións de certa indiferenza ante os consellos dos adultos, cando non dunha teimosía pouco racional, porque as experiencias que adoitan ter da vida son aínda dabondo reducidas, e isto leva aos rapaces a non dubidar do contido de certas conviccións, relativas ás amizades, compañías grupales, incipientes entregas ideolóxicas, etc.

Polo contrario, o adulto enfróntase aos quefaceres da vida cunha historia de fracasos e éxitos, dos que pode botar man para artellar esquemas de comportamento e respostas axeitadas ás distintas esixencias que se lle presenten: Cos amigos, coas compañías da adolescencia, cos sistemas ideolóxicos, con algunhas supostas seguridades científicas, con algúns adoutrinamentos, etc., toma as precaucións necesarias, e, en xeral, salvo excepcións, razoa as posturas. Ademais, o adulto ten perspectivas que lle permiten ver os sucesos a unha conveniente distancia, para un correcto enxergamento dos mesmos.

Por tanto, dende este punto de vista, todo aquilo que na adolescencia estaba apontoado pola seguridade, expresada co verbo “ser” (“é” un bo amigo, “é” unha pésima ensinanza, “é” unha ideoloxía que vai reducir as inxustizas, “é” un bo consello, etc.) pasa a expresarse, implícita ou explícitamente, con certa ponderación e mesura, polo adulto, coma unha manifestación dubitativa e cautelosa, porque xa non “é”, “parece”.

E, como consecuencia, é lóxico (a salvo sempre as excepcións) que a adolescencia estea sempre máis pechada nas súas certezas, evitando reflexións que considera inútiles, mentres que o adulto está máis aberto a posibilidade do erro, porque veu perigar as súas inquebrantables adhesións a maneiras de ser e pensar que lle foron frustrantes, e é, precisamente, isto o que o leva a reflexionar.

Estas son ideas de Wilhelm Wundt. Claro, hoxe en día habería que facer moitas puntualizacións. Sen embargo, por vía de contraste, transportando isto a nosa actual sociedade, sorprenderanos unha desacougante INVERSIÓN: As seguridades dos adultos fan dubidar ós adolescentes, que deveñen escépticos e experimentan un certo estado de perplexidade, porque xa non se senten dabondo apoiados por eles, nin confían nos seus consellos, pois descobren neles unha dobre moral, un matiz de hipocresía, un certo infantilismo, unha preocupante volubilidade e, non poucas veces, unha escasa exemplaridade nas responsabilidades que deberan asumir.

Se nos miramos no espello de Wundt, entón veremos que estamos arrastrando a adolescencia a posturas que se corresponden moi pouco coa súa idade. Esta inversión, a cuxa xeneralización contribúen en gran medida os políticos, é un indicativo máis de que impulsamos á sociedade a unha perda, acelerada e progresiva, da confianza nos construtos necesarios para manter o equilibrio que a mesma esixe para perdurar como asentamento das sinerxias que explican a súa consistencia. Ós mellores exemplos, nesta liña, podemos encontralos nas cambiantes e vacilantes medidas das que a UE fai uso para resolver a crise que estamos a vivir, no económico, no político e no ético, xogando vergonzosamente con ambos verbos (“ser” e “parecer”), cunha inconcibible lixeireza e non pouca incompetencia.. Que nos diría Wundt hoxe en día?.

Seguramente tería in mente aquela frase da súa cultura alemá que di así: ¨”Mit Dummheit kämpfen die Götter selbst vergebens” (“Os mesmos deuses loitan inútilmente contra a estupidez”).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES