Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No papel que mudo escoita

miércoles, 23 de noviembre de 2011
Así titula Mero a súa última entrega poética. Desta volta preséntanos unha ampla gama de poemas que Mini e Afonso García Sanmartín lle axudaron a escoller. Quizais por iso o libro vén precedido dunhas verbas destes dous amigos que tanto teñen compartido co autor. En ambos prólogos respírase un profundo amor de fraternidade e irmandade nas ideas compartidas.
Di Afonso que a poesía de Mero “aplaca as tormentas da alma, enche o espírito, acompaña a soidade, redime a Historia da Deslembranza”. E di Mini que “este é un libro de poesía libre en tempos de censuras e de silencios cobardes. Tempos de acomodarse ó poder de sempre que se mostra con máis dominio ca nunca. Tempos nunca pensados polos que soñamos en liberdade”. O primeiro que se debe valorar do libro é o feito de que fose elaborado entre amigos, e que o autor, Mero, se deixou levar polos máis íntimos para confeccionar un poemario que reflicte anos e anos dunha vida de amor, resistencia e autoafirmación. O segundo aspecto de valor é que neste libro vai o compendio ideolóxico de 40 anos de carreira. No papel que mudo escoita é un poemario, pero tamén é unha crónica autobiográfica, un exercicio de memoria e dignidade, e mesmo por veces semella un manual de pedagoxía. Porqué a poesía non vai ser pedagóxica? Neste libro atópanse profundas ensinanzas do onte e do hoxe dun home que viviu, soubo vivir e sabe o que é a vida. Lembro aquí aquela fermosa canción de Mero, Ter ou ser, publicada en Silencios na memoria (2004), na que nos falaba de elixir o ser fronte ao carácter efémero do ter. Neste poemario atopamos uns breves versos que levan por título Non podemos (musicados por Miro Casabella) nos que novamente Mero aposta polo ser fronte ao materialismo extremo no que a sociedade nos obriga a vivir:

“Non podemos deixar que a intelixencia,
na presenza do poderoso diñeiro, se axeonlle.”

O noso trobador tamén se reafirma na linguaxe popular, nese querer ser Pobo por riba de todo. Mero quere “ser en defensa propia”. Pero quen busque neste poemario chamadas á violencia, non atopará a primeira; porque este libro vai na liña precisa que marcou Gandhi cando dixo aquilo de que era “nacionalista por ser internacionalista”. Iso mesmo é Mero, un home que leva 40 anos construíndo un país coa palabra. Coa palabra que nace do fondo do peito, coa que quece na lareira e medra en intimidade ata prenderse da música e da voz para facer soñar a todo un pobo (a todo o seu Pobo). Esta é unha palabra silenciada, si, pero que xamais será silencio; posto que naceu para rebelarse contra ese silencio. É unha palabra pura, certa, clara, que non ten medo ao racismo etnocéntrico que nos intenta domesticar xeración tras xeración. É unha palabra eterna porque queda escrita. É unha palabra necesaria porque moitos collemos nela a forza para resistir entre as sementes do odio. Por último, é unha palabra interdependente, que se nutre de diferentes culturas; que non ten medo a acercarse á literatura castelá, ler as súas marabillas e gabalas no noso idioma; como se pode ver no poema acróstico Canto doe a dor, canta dor, cantador, adicado ao gran Federico García Lorca, que sempre amosou un escrupuloso respecto pola nosa cultura e polo noso idioma, no que deixou escritos 6 poemas. Queda demostrado (unha vez mais!) que son outros os separatistas. Son outros os que queren afastar ao neno, ao mozo, ao home, ao vello da fala que lle é propia. Da fala na que medraron os soños de tantos, cos que o noso autor fai poesía.
Dinos Mero que el nunca cantaría con traidores. Sabémolo ben. E porque o sabemos, os que eliximos conscientemente a indignación fronte a resignación, abrimos o seu libro cada vez que o desánimo nos corrompe, ou cada vez que a dor nos abate, ou cada vez que simplemente queremos respirar o arrecendo a nós mesmos e soñar, que ata iso están a piques de negarnos.
Unha vez, escribiu Avilés de Taramancos: “non son un home, son un pobo e ninguén me pode domear”. Pois no libro de Mero colle Galicia enteira, a que foi, a que é e a que será sempre indomable, indomable! Como a luz eterna da poesía que resiste sabéndose unha necesidade intrínseca dos homes, sobre todo dos máis febles. Esa necesidade fica cuberta nos versos deste libro; pero imponlle ao autor a obriga de seguir facendo pedagoxía poética.
Amigo Mero, agardamos outra volta a túa superación literaria.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES