Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benito Losada: Abrente no outono

martes, 01 de noviembre de 2011
Os tópicos asignan ao outono unha languidez de transición entre as calores do verán e os fríos do inverno, e unha luz tímida, apagada, mortecina que inspira aos poetas melancólicos e arrebata aos pintores da paisaxe.
E non obstante os humanos podemos condicionar, canalizar, endereitar esas luces crepusculares, vespertinas, e convertelas nun abrente de luz esplendorosa. O milagre xurdiu en Ourense, pero o seu autor era lucense.
Benito Losada, á fronte da Casa da Xuventude ourensá, fixo durante corenta anos un labor tan extraordinario que conseguiu que cada outono se transformara nun abrente de luz, e que cada "Outono fotográfico" dos que organizou fose unha resplandecente labarada onde os "Señores da Luz", os que saben plasmar realidades que os demais non somos capaces de observar, fixesen brotar páxinas vivas de imaxes diferentes que desde Ourense refulxían en toda Galicia.
Benito Losada, na procura da Luz máis grande, tivo presa por deixarnos e foi reunirse co seu creador a comezos deste ano. Pero tanta luz descuberta e espallada non podía sumirse na escuridade e de novo xorde un "Outono fotográfico" que, por primeira vez, se converte en homenaxe ao amigo que se foi, ao chorado dinamizador que tanto fixo por Ourense, a imaxe, a cultura e a xente moza.
En Lugo queremos honrar a Benito Losada precisamente neste outono, e seguindo o seu exemplo tamén convertemos este tempo - máis escuro, porque el non está- nun abrente de luz, no que sete fotógrafos, membros do Grupo Fonmiñá, son os encargados -en dúas exposicións simultáneas- de señorear claroscuros e convertelos en mensaxes imperecedeiras que sen palabras proclamen que os outonos son esplendorosos cando hai alguén que se empeña en que a Luz guíe os nosos camiños.
Semper vivas, Benito Losada!. E que por sempre poidamos facer abrentes do outono coa forza da Luz que ti nos axudaches a descubrir e amar.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES