Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Mini e Mero

sábado, 22 de octubre de 2011
O pasado día 15, Mini e Mero recibiron en Láncara o premio "Facer País". O escritor David Otero presentou así esta homenaxe:

Velaí que hoxe nesta mañá de outono… ao chamo da AC Val de Láncara…xa imos recollendo froitos de ben dos que nos sentir a conforto.
Velaí , que “ postos a bico da Terra” como diría Don Ramón Otero Pedrayo, quero dicir que o que me trae nesta intervención… non é cousa doada e poida que niso corra algunha turbulencia, ora por non atinar na encomenda, ora por parecer que ao falar de amigos un poida pasarse e que todo atufe a exceso tal como a incienso innecesario. Pero confeso tamén que esta encomenda fágoa coa idea de dar no sítio, atinar, dicindo a verdade sen efectos especiais, pois falo DE DOUS AMIGOS.

DE dous AMIGOS…
que fan casa,
que sementan pan
baixo choivas e trebóns…
e coas feridas abertas…
NA MEMORIA.

Pois o deles non non son as palabras domesticadas. Esas da gramática blindada, que pretende silenciarnos.
Por iso a este día quen manda é o RECOÑECER. O verbo activo a conxugue de sentir a presente compartido para futuro comunal perfecto.
Recoñecer…si…a eles dous que son tanto… e que son tantos…! Mini e Mero…Mero e Mini.
Dous traballadores na construcción da esperanza deste pobo ( como deles di Alfonso Blanco Torrado na revista Irimia) Dous Galegos normalizados…que non claudican…nin pensan facelo…pois loitan e fan país…e nel sofren as derrotas e pesie a todo…
co seu pobo quedan…nestes tempos de tantos cómplices silencios
onde falar non é pouco…onde resistir é moito
Eles dous fan certas… estas palabras de Miguel Hernández
( palabras que poño en texto de plural e na nosa Lingua Galega )

“ Nunca nos perdoarán os señoritos…que puxésemos as nosas poucas… ou moitas intelixencias,
os nosos poucos ou moitos corazóns,
( dúas cousas nosas que son máis grandes que todos eles xuntos…)
que as puxésemos ao servizo do noso pobo… de xeito limpo,
franco e nobre…xeneroso…

Eles preferirían que fósemos dous senvergoñas, dous cheíñas…do si e amén…dous achantados do “ si señor…”
Pero non o conseguiron…Nin tampouco o conseguirán…”

E así hoxe os das Asociacións Cultural Val de Láncara, recoñecédelos polo tanto que levan feito e polo moito que lles queda por facer…si…por facer…
E unha das súas moitas tarefas, eles sufridores dos dedos sinalantes, das voces acusadoras, dos asombrados contornos que axexan de contino, exerceron de mestres e son mestres.
MESTRES que militan na escola da aldea, na aldea, na construcción e asentamento do ensino público galego e de calidade, en galego pois, como valor de uso tan irrenunciable como obrigado.
E así ensinando, que facelo aprendendo dúas veces, coa lucidez necesaria, a mangados de entusiasmos moitas veces coa procesión por dentro e en teimosa liberdade, con proxectos de dignidade, puxeron mans á obra, para facer casa, país e pobo,
patria e nación. E diremos que os soños non foron rotos.
Que hai probas de abondosos froitos.
E así tamén por outra banda, a facer país e pobo, Patria e nación, Mini e Mero aran con fe a toda busca e atopan e constrúen memoria. Memoria histórica en tempos de tanta desmemoria.
Memoria que para poñela ao día aínda terá que gardar vez. Memoria á que Paul Preston lle di:

- “… o grande pacto de silencio e olvido”…
Pois tamén como di o poema:

“ Tristemente despois de cada guerra
obrigatoriamente alguén tería que limpar,
pois as cousas non se ordean soas,
nin se aclaran soas.

Co tempo…
algúns comezarán a pechar as bocas
e a dicir que iso aburre.

E de golpe…decretan…
que aqueles que sabían de que ía a cousa…
teñen que lle deixar sítio…
Aos que saben pouco…
ou menos que pouco
ou prácticamente nada…
porque nos parlamentos acordaron…
que o perdón xa vai no olvido…
e que é mellor librarse xa dos mortos
e ventilar as fosas…
E que viva a desmemoria…! ”


Pero Mini e Mero non olvidan. Non deixan que polas boas
se instale tanta inxustiza e non claudican, eles non son dos que se aburren, non se quedan indiferentes, nin pasivos…pois xa basta de andar sempre entre dúas realidades enfrontadas e militan a toda forza na desexada Comisión da Verdade, pois saben das maniobras ocultas para impedir os recoñecementos ás nosas víctimas.
Por iso saben que salvar a memoria , reparala e restituíla,
activala, é a causa necesaria para edificar o futuro.
E así tamén noutro facer país e pobo, Patria a nación, Mini e Mero van na música e na letra, nas voces limpas do nobre cantar.
Velos aí van coas compañeiras e cos compañeiros da Quenlla, con Miro Casabella, Tino Vaz, o gaiteiro Raúl…
Velos aí van con Marica Campo, Manuel María, Xosé Lois García, Uxío Novoneira,Marcos Ana, Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas, Xosé Vázquez Pintor, Díaz Castro,…
Velaí a proposta compartida na voz potente de rebeldía,
para poñer luz e denunciar a quen nos atacan, mancan, insultan e indignan.
Eles dous , como di Xosé Lois García:
“…definen vivencialmente a música como arte, acción e dignidade”
Eles son exemplo.
Eles son e foron, como din Antía Otero, Heitor Picallo e Cesar Caramés:“ …parte importante dese espello en que aqueles nenos se ollaban, para cantaruxar…imitando”

As súas cancións son liberadoras ( como lles chama Xosé Manuel Carballo). Adquiren esencia de imprescindibles e nelas
asentan a toda fachenda a Lingua popular de resistencia, a historia e as tradicións. E así o conxugan sempre en rebelde subversivo…
en calquera tempo e lugar, pois como di Xosé Vázquez Pintor:

“ Eles son bebedores das esencias populares. Cantan de nós…”

Eles dous son un exemplo de honra, de mans traballadoras
que axudan a poñer en pé os nosos días de liberación e non permiten que sexamos un pobo de quedados indiferentes
a pasos de ollos pechados para que nos volvan uns desposeídos en terra propia.
Por iso chaman desde dentro e na Lingua, con pureza e leces cristaíñas, coa palabra IRMÁN… E nese chamo dinnos:

Irmán…
sente a rabia como se crava no peito
sente o frío do silencio que a tantos desexos mata
e cóllete forte ás mans dispostas…
cóllete forte…
para poder saír deste baldío.

Cóllete forte…
para dicirmos non ao que nos afoga
e para que os soños rotos poidan volverse…
xogos de nai e acariños,
festa da casa…
e tamén ventos de rebeldía
que boten fóra aos malos fumes…
da crueldade,
da tiranía…
da estupidez…

Que niso debemos saber e ter presente que …

“ NOSO SEÑOR PERMITE TODO PARA CASTIGAR A MALA XENTE” ( así dicía unha velliña sabia).

Velos pois aí a eles dous faceren país e actuar en consecuencia. Eles…como di Xesús Mato, poetas, músicos, profetas, Mini e Mero…son milleiros de feitos compartidos na amizade e na compaña
Por iso os seus nomes hoxe van no máis íntimo dos nosos afectos para dicilos IRMANDIÑOS e así a patria sacaraos a bailar
e eles… non poderán negarse !
Que recollan pois hoxe nesta terra luguesa unha parte do froito merecido por tantos anos de loita.
Nós así o dicimos ( como podería dicir Pepe Neira Vilas)…

“ ELES DOUS…MINI E MERO…MERO e MINI…son moi dignos de que o noso pobo lles pida que suban a onde el estᅔ

Pois que suban pois…!
Que suban…!
Otero, David
Otero, David


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES