Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mini e Mero: Convócannos á loita en desespero

miércoles, 19 de octubre de 2011

Convócovos á loita en desespero,
coa palabra xa cansa de derrotas,
que o silencio está acabando cos menceres
e a razón non aluma cal debera
sen xustiza, sen xuízo, nin sentenza.
Mero Iglesias

Hai dous merlos na Terra Chá que semellan ser soño, fantasía saída da trabe de ouro de Pena de Rodas ou palabra fonda que se fai voz rexa contra tantas inxustizas. A voz da que falo nace de dous corazóns que levan 40 anos sementando ledicias polos camiños da patria, 40 anos espertando conciencias e facendo soñar novamente a quen tiñan esquecida esta nobre e necesaria actividade. Estes dous merlos teñen nomes cativos e xeitosos. Pronuncialos, en troques, reborda os sentidos e ergue o corazón na dimensión eterna dun sorriso. Eles son Xosé Lois Rivas Cruz “Mini” e Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero”, mestres de profesión e de vocación, levaron as súas ensinanzas moito máis alá das aulas, facendo o que se podería chamar unha pedagoxía musical.
Quen coñeza a estes dous merlos, saberá de toda a súa traxectoria musical e literaria: da súa labor de recollida, da súa ampla discografía ou do extenso material didáctico elaborado para un ensino galego e sobre todo en galego.
O sábado Mini e Mero recibiron en Láncara o premio Ramón Piñeiro “Facer País”, por cuestións persoais foime imposible acompañalos neste día que sen dúbida ten sido moi importante para eles. Sabelo supuxo para min unha fonda ledicia polo que significa de recoñecemento a dúas persoas das que aprendín o valor da palabra na construción dun mundo mellor. Mini e Mero son dous loitadores pola igualdade e pola xustiza social que apoiaron, de palabra e de feito, os múltiples movementos sociais que xurdiron no noso país na década dos 70. Neste sentido, é coñecida a labor que desenvolveron na asociación Auxilia, en Lugo, a prol da integración das persoas con diversidade funcional, nunha época caracterizada pola ausencia de todo dereito humano.
Coñecinos en Monterroso, no San Miguel do ano 2001. Aquel día, a conversa mantida con eles foi longa e moi emotiva para min. Dende entón, foron moitos os encontros compartidos. Dende entón, cada novo traballo destes merlos vibra no meu corazón, e cada verso por eles espallado é unha emoción que me leva á fe e esperanza no porvir.
A entrega do “Facer País” a Mini e Mero, os merlos da Cha, é un acto digno e de xustiza con dous homes que empeñaron a voz e a verba nas cousas dos outros para facer unha sociedade mellor. Hoxe recollemos a súa mensaxe e acudimos como sempre á súa convocatoria de loita, pero non dende os solpores, non derrotados, non vencidos; senón convencidos de que podemos construír coa forza da palabra un mundo á medida da xustiza social.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES