Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O matrimonio, estrutura nuclear da familia

martes, 18 de octubre de 2011
O feito de que a historia do matrimonio nos ofreza unha ampla gama de modelos matrimoniais, nos distintos contextos socio-político-económicos, nunca debería de servir para xustificar lamentables confusións semánticas. Na actualidade, as sociedades occidentais están atravesando, cando menos, un preocupante momento de indefinición e incertidumbre, que leva ás persoas a embarullarse e envorcallarse nas chaguazosas augas que deixan libres uns gobernos incapaces de superar ás medianias e séntense incapaces de controlar toda sorte de anomías socias. E. como di Stephanie Coontz, na súa obra, “Historia del Matrimonio”, Ed. Gedisa,S.A., Barcelona, 2.006. na páx. 404, “As parellas casadas quizabes xa non teñan un claro conxunto de regras sobre o que lles corresponde facer a cada un no matrimonio, pero teñen un claro conxunto de regras sobre o que NON DEBEN facer.” Tal é o desconcerto a que estamos sometidos que, ás veces, aceptamos como correcto verdadeiras aberracións institucionais.

Por suposto, no estou descualificando ningún tipo de unión, ao contrario, as unións que se amparan na denominación doutra institución están manifestando a súa inconsistencia e debilidade entitativa, e isto en nada as favorece, pois si teñen sustantividade propia tamén deben sentirse orgullosas de ostentar unha denominación propia.

Non sei se todo isto nós xustifica para dicir algo sobre o matrimonio coma estrutura nuclear da familia. En todo caso, vamos a correr a aventura de facelo. Di José Alvilares, autor de “Dios en los límites”, Ed. PPC, Madrid, 1.999, na páx. 121, que Jean Hypolitte, un estudioso de Hegel, pensa que “o amor é ese milagre por medio do cal o que é dous convértese nun, sen que iso conduza á completa supresión da dualidade”. Sen entrar na análise e valoración desta definición do amor, o certo é que, maioritariamente, o matrimonio é considerado coma unha sociedade entre un home e unha muller, cando entre ambos hai un amor tal que conduce a un decidido compromiso de constituir unha familia e axudarse mutuamente.

Pois ben; non vou entrar na complexa problemática do matrimonio, nin dende o punto de vista psicolóxico, nin meramente socio-contextual, nin estritamente ético e religioso. Só quero escribir acerca do que considero a estrutura básica, orixinaria e esencial do mesmo, porque penso que é aquí onde radica o verdadeiro punto de partida para orientar as súas normas reguladoras.

Trouxen a este lugar aquela definición do amor porque introduce nela Hypolitte o termo UN, expresión contundente dunha certa unidade compacta, na que se converten os dous amantes, por cuxa natureza quero pregúntarme. Como hai un vínculo orixinario nesta unión, causal, o amor, e outro final, obxectivo, a constitución dunha familia por xeración, penso que non se trata dunha unidade por xustaposición, nin por coordinación, nin sequera por composición, senón dunha UNIDADE ESTRUTURAL, con unha peculiar singularidade: Os elementos constitutivos da mesma son persoas e, polo tanto, debe terse isto moi en conta para evitar conceptuar esta unidade cos esquemas propios das outras, evitando “con-fusións”. Os elementos integrantes son unha “muller-de” a estrutura, non unha “muller de” (sen guión) un home, e un “home-de” a mesma estrutura, non un “home de” unha muller, porque por moi intenso que sexa o amor, xamais anula á persoa, coma o evidencian os non raros desamores menos esperados. Aquí o guión (-), o que fixemos alusión enriba, é absolutamente necesario, posto que, expresados os sintagmas sin el, introducen unha certa posesión dun elemento sobre o outro, da que hai que fuxir, non só por inhumana, senón tamén porque pode xerar serias consecuencias, como estamos a ver hoxe en día coas chamadas “violencias de xénero”.

Penso que ocorre o mesmo cos fillos habidos no matrimonio, na integración familiar, da que aquel é nuclear: Son “fillos-de” a estrutura familiar, os que ata institucionalmente se lles chama “fillos de familia”; pero tamén, dende a perspectiva xenerativa, soen chamarse “fillos de” tal pai ou mai, con marca do acento de orixinalidade, non de posesión. Xustamente por iso, cando se racha a estrutura matrimonial, os fillos perden ese guión (-), porque a familia queda desnucleada, precisamenrte porque os pais e nais disipan a estrutura matrimonial, polas razóns que sexan, que poden ser ben poderosas, ata o extremo de levar aos fillos/as ás máis estrañas desventuras.

Esta estrutura ten tres dimensións, isto é, “mensúrase” en tres direccións: “conxugalidade”, “xeracionalidade” e “relacionalidade”. A primeira, a “conxugalidade”,constitúe na dita estrutura un subsistema, integrado, como xa dixemos, pola “muller-de” e o “home-de”, que se traduce nos rols de esposa e esposo, respectivamente; pero, pola “xeracionalidade,” están ambos incorporados a familia como nai e pai, e en canto tales, apropiándose das posibilidades que lles ofrece esta condición, configuran as súas realidades persoais de acordo coas funcións que se derivan desta, coas renuncias e limitacións que lles esixe o feito da incorporación de novos elementos (os posibles ou reales fillos) á estrutura familiar, acadando así un obxectivo, implícito, pero esencial, da estrutura matrimonial: contribuir á perduración da especie, do PHYLUM. É aquí onde xurde a obriga de cuidar, educar e socializar os fillos, con comportamentos conxuntos e complementarios. Quizabes nesta “complementariedade” é onde habería que subliñar as consecuencias derivadas para os fillos de moitas separacións á lixeira, favorecidas nos “divorcios exprés” de regulación electoralista..

Por último, a “relacionalidade” esixe unha certa vigorización das relacións matrimoniais, en sentido amplo, porque, desta maneira, é máis fácil manter unha convivencia máis soportable e menos desagradable, xa que un cónxuxe moi crítico pode danar seriamente a saúde do outro, elevando a cotas extremadamente perigosas a súa inestabilidade psíquica.

E que dicir entón de aquelas unións que non poden ser enmarcadas dentro destes supostos?. Pero…en verdade pensan vostedes que unha unión de anciáns, por exemplo, é un matrimonio, aínda que a Igrexa e o Estado a protexa?. Non será a maioría deles unha solución económica ou a resposta a unha crise da decrepitude?. Deberíamos, coma para outras unións, contar con nombres distintos e con regulacións xurídicas apropiadas... E non se me diga que tamén os matrimonios que se orixinaron cualificados de verdadeiros poden chegar, e certamente chegan!, co transcurso do tempo a non resistir unha análise estrutural coma a feita aquí. Si,… pero non son viciosos dende a súa orixe: As estruturas constitúense cos elementos e propiedades orixinais, non cos sobrevidos. Ademais, o núcleo da estrutura familiar é un subsistema de necesaria perdurabilidade na mesma.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES