Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Caso Grandío (I)

viernes, 22 de octubre de 2004
O Caso Grando (I) O Caso Grando (I) (de "Dos Nosos Claros Varóns")

Ningunha noticia máis local cá do ameazador asteroide Toutatis -a un millón de quilómetros- nin máis actual cá do viaxe inda inacabado do Beagle -fai dous séculos-. Nada máis crítico có de Chernovill -inda meténdosenos polos ósos-, nin máis renovado cá “Negra Sombra” -calofriándonos sempre-. En realidade, a un tipo de Viveiro, Tuy, Barreiros ou Negreira, poño por caso, estas cousas quédanlle bastante máis pretas cás retrancas do Cuiñas, a medalla de ouro do Cascos, a posta en marcha dos grupos de traballo CLUSTER ou a asistencia do Bomod a Feira do Moble -novas todas ilas moi lexítimas pero comparativamente bastante exóticas-.

Propoño estas paradoxas por se alguén considerara que as noticias sober de Grandío quedan un pouco a trasmán. Grandío é tamén algo asteroide. Máis alá dunha Galicia distraída, el vai polo ceo da pintura dende o que amaga cunha inadvertida ubicuidade. Igual que Novoneyra ou Rosalía -sen máis dificultade que a sinxeleza- inda podería saciar agora a nosa sede de renovación con emocións moi xóvenes e intemporais, moi insólitas.

Para competir nestas condicións coa nosa rabiosa actualidade, inda semella que faltaríanlle a Tino outros aditivos máis positivos, máis tanxibles. Pero en realidade a cousa non é así. A lo menos, coma tódalas grandes narracións, a súa pintura é verdade: Acontece agora mesmo. E, por eso, é unha cuestión que poderíamos facer moi doadamente persoal. Como ocorre cos chuletóns de Lemos, que non son cousa para aplaudir senón para comer, o mesmo pasa co Arte. Acercarse a el de xeonllos é unha actitude moi ridícula. O mellor é ter fame. Así o Home podería recuperar a súa oportunidade, recuperar o tempo e o espacio que os acontecementos lle están desconxuntado. Poucas novas máis locais, actuais e útiles que estas pinturas.

O Pato Feo
Case fai xa medio século (1956), baixo o mesmo tiduo xeral diste traballo, -e con motivo da súa primeira exposición individual na Dirección Xeral de Belas Artes-, publiquei eu en “la Noche” un dos primeiros comentos que coido se fixeron en Galicia sober do pintor lucense Tino Grandío. O tíduo, algo truculento, trataba de chamar a atención sober dun pintor no que os seus escandalosos primitivismo, sorna e desembarazo competían de igual a igual co seu non menos escandaloso, imperdoable xa, talento. Este era en síntese “o caso” Grandío. Pero aquela publicación pretendía ademais avisar discretamente a algúns “árbitros da cultura” do risco de adiantar xeremiadas; e tamén de tódolo contrario (de pouco serviu isto porque o “caso” non se resolveu verdadeiramente ata moito despois e, inda agora, para algúns, a ocasión puidera resultar prematura).
A propósito de isto, lémbrome que, daquela, na tertulia que don Ramón Cavanillas, o marqués de González-Besada, Ben-Cho-Sei, Alonso Montero, Gamallo Fierros e outros mantiñan no café León da rúa de Alcalá, ó chegar, sen querer, oinlle eu a Grandío un comento sober do meu traballo: “Os críticos, xa se sabe”, dicíalle resignadamente a un entón aquiescente Pousa. Pero eu era só un admirador seu, non un crítico, e aquela autorizada opinión curoume para sempre da tentación de selo. Aprendín moito daquela.
Tamén a propósito disto, recibín pouco despois cartas de dous destacados galegos do momento. Sen atender demasiado o que eu quixera dicir, daban por suposta a miña adhesión a unha serie de principios “(...) me regocija mucho el éxito de Grandío, en gran parte debido a la perplejidad de una crítica zafia e insegura; (...) es el desconcierto provocado por un astuto campesino de Lousada en unos graves, torpes y rígidos carpetovetónicos; (...) les otorgas un merecidísimo palo en tu artículo (...), dicía un. O outro foi máis explícito: “O seu innato –enxebre- senso do humor favoreceulle ese papel de pintor-actor uqe lle sirve bastante ben de máscara para encobrir as feblezas da súa fprmación artística; (...) corre o peligro de quedar cristalizado en promesa de pintor.”
Pero, pese a estes adversos vaticinios, o “caso” foi que, non moito despois, caíu o telón do tempo e Grandío ergueuse por fin co seu delicado e irrepetible canon. Aprendín tamén eu eiquí o desconcertante fracaso de moitas autorizadas xeremiadas -canto máis autorizadas, peor-. Porque ¿cómo foi posible que uns e outros descoñeceran ata este punto a inexcrutabilidade do tempo e a igualdade básica de todos e calquera camiño? Tantos “ismos” exclusivistas de dios para nada. Experto eu en cometer erros e trasacordos, líbreme Dios de anatemizar os meus propios pecados. A miña intención agora é moito máis pragmática. Resulta irónico que foran precisamente os ninguneados “carpetovetós” e, aínda máis, un estraño príncipe ruso de opereta os que, propiciando esta exposición, foran os pioneiros diste lanzamento nacional de galeguidade. É dicir, que non podemos ser enteiramente galegos ignorando que os quechuas e nos temos o bazo no mesmo sitio.

O cidadán Tino
Naceu Grandío en Santalla de Lousada no 31 de Decembro de 1924 e morreu o 24 de Abril de 1977 en Lugo. Está enterrado en Lousada.
Na súa etapa inicial tivo xa en Lugo mecenas tales coma Antonio Fernández e Alvaro Gil, os grandes empresarios. No 1949 foi pensionado na Capital de España pola Deputación de Lugo.
A partir do 1949 e ata pouco antes da súa morte, foi un entusiasta cidadán de Madrid, a nosa quinta provincia.
Tivo nesta cidade unha serie de estudios: na rúa da Liberdade, na Praza de Santa Ana, no niño de artistas de María de Molina 27, en Barbieri 7 e coido lembrar que tamén polo 7, máis ou menos, da Gran Vía.

Gañou os premios Stanley Kramer 1957, Cauce 1960, Primeira Medalla Nacional de Pintura de Belas Artes 1963, Gran Premio da Dirección Xeral de Belas Artes 1965, Beca March 1965, Gran Premio REPESA 1968, Premio UNICEF 1968, Gran Premio Internacional de Pintura na Primeira Bienal de Marbella 1971, Primeiro Gran Premio do Sindicato Nacional da Pel -Aeromoda- 1955, Gran Premio e Medalla de Honor da Primeira Bienal Galega 1966, Medalla de Honor da Bienal de Alexandría 1965, etc...
Inda que remiso a viaxar ó estranxeiro, expuxo en París, Nova York, Lóusana, Munich, Alexandría, Lisboa, Barcelona (Skira), varias cidades hispanoamericanas i europeas, non sei se en Turquía e, naturalmente, en Madrid (Kreissler, Dirección Xeral de Belas Artes, Fauna etc...).
Ten cadros no Centro de Arte Reina Sofía (Museo de Arte Contemporáneo) de Madrid, nos Museos Provincial de Lugo, Pazo de Castrelos -Quiñones de León- de Vigo e algún máis. Coleccionaron obra del Alvaro Gil, Raphael, Pilar “Fauna’s”, Caixa Galicia, Adriano Marqués, o Concello de Marbella , o Café Xixón, J.L.Allué etc.etc. Ten feito máis de cen retratos, entre eles os de Franco, Rodero, Novoneyra, Raphael, Pilar Soto (Fauna´s), Olano, o seu propio autoretrato, etc...
Ocupáronse del, con maior ou menor acerto pero sempre con entusiasmo, os críticos Faraldo, Alfaro, Campoy, Sánchez Camargo e Castro Arines, o pintor Díaz Caneja, o escultor Mallo, a galerista Pilar Soto, o escritor Olano -o seu amigo incondicional de sempre, ata o intre mesmo da súa morte-, Cela, etc...
As reproduccións que, comentadas por Antonio D. Olano, dedícalle xunto con outras a Editorial Nova Galicia no tomo Artistas Pintores da colección Artistas, é unha publicación de recoñecida relevancia mundial á que moito lle terá que agradecer Galicia e a pintura no futuro. Gracias a ila pode un ter na casa un suntuoso museo e disfrutalo coa soidade e plenitude que merecen.
A moita distancia, é moi estimable o catálogo dunha exposición 1982 que, editado pola Galería Fauna´s (a súa incondicional Pilar Rodríguez Soto), comenta moi ben A.M.Campoy
Amigos e cotertulios del no Xixón, Sésamo, O Café León, a Cervexería Alemana e outros lugares de perdición, éramos Oroza, Xaime Magariños, Camilo Gonsar, Abelenda, Novoneyra, Carlos e Roberto Martínez de Andrade, o marqués de González-Besada, Raul del Pozo, Alonso Montero, Pancho Cossío, Camilo José Cela, eu mesmo e un medio Madrid máis do que xa non me lembro. Eran aquelas épocas nas que inda andaban polo Xixón José Nieto, Gerardo Diego, Fernando Fernán Gómez etc.; seguramente tamén, coma todo o mundo, amigos seus.

Non se lle coñece a Tino máis designación honorífica ca da Sociedade Protectora de Animais -da que, por certo, non lle oín falar xamais-.
Coma lle pasa a case tódolos defuntos, Tino resultou ser un dos máis fidalgos, bos, elegantes, xenerosos e leais amigos que xamais houbo no mundo. Pero eu coido que eiquí debe de haber algún erro porque Grandío era moi humán, estaba moi vivo; non tiña escleroses nin tic nervioso algún -os seus autorretratos dinno ben as claras-. O seu oficio non era ese senón o de pintor. Os seus dictamines igual podían semellar discursos patrióticos que análises de urina. A súa liberdade ética i estética e o seu enxeño era tan alleos a súa vontade coma un catarro ou un sarabullo. Coma a súa pintura, Grandío podía selo case todo. Nunca coñecín home máis insobornablemente libre nin tan pouco comprometido.

Dicía Grandío que lle daba moita vergoña morrer -pensamento que por razóns literarias, supoñemos, interesou moito a Cela-. Nembargantes a súa morte non foi para tanto. O revés. Naquela ocasión coido que ata a Terra mesma, expresamente, organizando unha especie de romaría, ocupouse do asunto acolléndoo coa agarimosa discreción que lle conviña. A multitude, as gaitas e o seu San Bernardo, deixándose morrer sober del, certifican.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES