Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aprendamos da Física

martes, 04 de octubre de 2011
Si, aprendamos da Física; sobre todo da Nuclear.

Os físicos adoitan ser argalleiros: Non deixan as partículas subatómicas en paz e estas préstanse moi ben a xogar con eles ó paradoxo. Resulta que un bo día obrigaron a unha destas partículas a dividirse en dúas, que saliron voando o espazo a toda mecha, cada unha xirando en dirección oposta a outra.

Vixiáronas, claro, para seguir argallando.E cando xa levaban moitos kilómetros separadas, “obrigan” a unha delas a cambiar a dirección do seu xiro: se daba voltas cara á dereita (se tiña spin destróxiro), pasaba a dalas cara á esquerda (con spin levóxiro). Isto con unha das dúas mitades da partícula dividida. Fregáronse as mans e seguro que dixeron: Agora a dúas xiran cara o mesmo lado. Pois non; a partícula que non manipularon xa cambiara tamén de spin, para manter unha dirección oposta á outra, e fixoo INSTANTÁNEAMENTE.

O desconcerto dos físicos non se deixou esperar, porque eles argalleiros si eran; mais tontos, non. E preguntábanse como poideron comunicarse unha partícula coa outra antes de que transcorrera o tempo da velocidade da luz. Ademáis iso era faltarlle o respecto a Einstein, que tiña establecido que nada, nin ninguén, podía superar a velocidade da luz. Isto é un paradoxo. Claro, o coñecido como de EINSTEIN-PODOLSKY-ROSEN.


Retiráronse a fumar un pito e a pensar (como aínda non aparecera Pajín na escea pública, puideron gozar con acougo do momento, contemplando o ascenso helicoidal do fume). Non obstante, acordaron poñerse en contacto con Niels Bohr e chamarono a Copenhague; pero como tiñan que cumprirse as leis de Eistein, tardaron máis tempo en establecer a comunicación que o da velocidadade da luz. Por fin, consultaron con Bohr o caso das partículas, e este díxolles que estaban nun erro, porque pensaban que as partículas eran COUSAS, separadas unha da outra, cunha EXISTENCIA INDEPENDENTE, e que el pensaba que eran PARTES DUNHA MESMA COUSA, e desta maneira, se resultaba afectada unha destas partes, a outra tamén o era o mesmo tempo. A opinión de Bohr non quedou nun sinxelo comentario entre coñecidos, porque se falou moito dela e denominouse INTERPRETACIÓN DE COPENHAGE.

O caso é que, coma consecuencia, empezou a falarse destes fenómenos como NON LOCAIS, e tamén de NON LOCALIDADE.
Pois ben; esta “non localización” foi aplicada polo científico británico Rupert Sheldrake os animais: Despertou a curiosidade en Inglaterra, aló polo 1.930, o feito de que unhas aves aprenderon a destapar os tapóns dunhas botellas de leite que deixaban uns leiteiros fronte as súas casas, pero o fascinante foi comprobar que estaban facendo o mesmo por Europa adiante: As aves operaban coma se se comunicarson o instante.

Non tardaron moito uns novos físicos en supoñer que a conciencia creaba o universo, e como non estaba circunscrita a ningún lugar, nela compártese, ó mesmo instante, un certo coñecemento remoto, que Sheldrake chamou RESONANCIA MÓRFICA, e que isto arrastra consecuencias tamén para o home, coma se evidencia tendo en conta a velocidade a que se propagan os chistes, coma se os compartira ó instante toda a humanidade.
Só quixera resaltar como un cambio nas leis da natureza consideradas invariables trae consecuencias en moitos ordes da vida e pode esixir importantes correccións no ámbito do coñecemento científico e das formulacións metafísicas acerca da realidade.

Máis ou menos, acadamos estes coñecementos da realidade física a niveis subatómicos, e un bo día non lexano, os xornais fanse eco dun experimento levado a cabo no CERN (Centro Europeo de Investigación Nuclear), por uns 160 físicos, dirixidos por Darío Auterio, membro do Instituto de Física de Lyon (Francia). Todo ten un nome, e o deste experimento é OPERA. Di o xornal que eu consultei que os “seus autores – físicos investigadores no “Opera”- optaron pola humildade e a prudencia”, porque son moi conscientes de que están no caso dunha anomalía: constatar a superación da velocidade da luz, posto que os neutrinos (1) obxecto de investigación viaxaron a unha velocidade de 60 nanosegundos más rápidos que a velocidade da luz, despois de 16.000 eventos de comprobación reiterada.

E di o español José Gómez Cadenas, profesor de Investigación no Instituto de Física Corpuscular, que “se ocorrira este descubrimento, porque aínda hai que comprobar estes resultados noutros experimentos, sería unha revolución porque habería que correxir a teoría de Einstein, ampliala, e sería un resultado espectacular” (2). Este físico ten claro que “poñería patas arriba un dos piares máis grandes da ciencia moderna e da física tal coma se entendende actualmente. Sería moi importante”. (Fonte: El Progreso de 24-09-11).

Só da lectura de todo isto, penso que non é arriscado extrapolar as consecuencias, á modo de conclusións, a outros campos. A primeira, e moi importante, é que a prudencia e a cautela destes científicos ben puidera sernos exemplar a todos, aínda que sería de gran utilidade ós políticos; sen embargo, non estaría de máis que partidos do goberno e oposición deixaran de ter spins opostos en cuestións fundamentais, porque, como diría Bohr, son partes dun mesmo conxunto, como evidencian cando concordan en todo aquilo que afecta ás propias retribucións: nestes casos teñen o mesmo spin. Outra consecuencia é que calquera aportación individual en orde a mellorar as cousas, pode ter repercusións positivas no mundo, sen esperar as decisións de máis calibre internacional: a austeridade exemplar dun cidadano, ou, polo contrario, a dilapidación, poden encadrarse na “resonancia mórfica”. Polo tanto, os cambios no mundo implícannos a todos e a cada un de nosoutros: se os combustibles fósiles soben de precio, porque é un ben escaso, hai que racionalizar o seu uso, e non andar gastandoo alegremente en charangas - que premian os mesmos gobernos-, coa indiferenza de pais e autoridades. O teu fillo, o cidadano, son partículas que deben ter comportamentos harmónicos dentro do conxunto, que somos todos os que vamos a bordo nesta nave chamada Terra, para a que non hai astaleiros.

Hai que aprender, non só NA Física, senón tamén DA Física e dos físicos.
--------------------------------------------
(1).- O neutrino é unha partícula subatómica, sen carga eléctrica, con moi pouca masa e ½ da unidade de spin. Pertence á familia dos leptóns, partículas lixeiras, que non están suxeitas á forza forte, senón á débil.
.
(2).- Pero, como di Walfgang, os principios da mecánica cuántica tratan só con probabilidades e non con realidades. Preséntanse baixo a forma de “isto non é posible” ou de “é posible isto ou aquilo”; pero nunca se pode dicir “o que realmente sucederá entón e aquí”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES