Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O neto do Cucufate

jueves, 15 de septiembre de 2011
A casualidade quixo que hai tan só unhas semanas me interesase pola intensa vida de Secundino Feijóo para escribir unha reportaxe na revista Auria. O envío por parte de Maribel Outeiriño dunha documentación que uns días antes lle remitira Manuel Rego Nieto, unido a un vello interese que eu mantiña pola súa biografía debido á súa orixe vilanovesa, levoume onda o crego de Vilanova dos Infantes, don Adolfo, co fin de saber algo máis das orixes do fundador do afamado Circo Feijóo e, con el, dunha saga circense que se achega ata os nosos días.

Documenteime nos libros da parroquia e desa documentación exhumei algunha partida de bautismo, xunto cunha de matrimonio que me dá pe para darlle continuidade a unha columna que escribín a mediados do pasado mes de maio cando me chegou a noticia de que o Padre Silva estaba deitado nunha cama por culpa dun ictus que lle fixera perder case tódalas condicións de vida.

É posible que agora que a súa despedida o devolveu á actualidade ourensán -aínda que con tal motivo penso que este dato foi debidamente apuntado nalgún medio de comunicación- alguén se teña preguntado qué foi o que levou ó Padre Silva a promover a fundación dun circo coma o da Cidade dos Muchachos. Pois ben, a resposta é ben simple: O heterodoxo crego ourensán, antes de decidir a creación do seu afamado circo, botou sete anos da súa vida -dende os 24 ós 31- facendo apostolado cristián no Circo Americano, propiedade do seu curmán Manuel Feijóo e do cuñado deste Arturo Castilla.

Manuel Feijóo era fillo do mencionado Secundino Feijóo, mentres que o Padre Silva era fillo de María Méndez Feijóo, filla esta, á súa vez, do matrimonio formado por Cucufate Méndez e Blasinda Feijóo, irmá de Secundino, razón pola cal o fundador da Ciudad de los Muchachos era, polo tanto, sobriño-neto do gran promotor circense de finais do século XIX e principios do XX.

É dicir, que Vilanova dos Infantes, que, segundo o dito popular, é a vila das tres mentiras porque nin é vila, nin é nova, nin ten infantes, pero que si é vila de zapateiros, músicos e danzantes (que tamén rima), ademais de ser tamén a patria petrucial de Luís Soto Fernández e a matriarcal de Manuel Curros Enríquez, emerxe agora para o gran público como o lugar de onde xurdiron dúas das iniciativas circenses máis importantes da historia de España.

Outro día falarei de Cucufate Méndez, pero hoxe sirvan estes breves apuntamentos (nos que non fixen referencia explícita a Xosé Luis Méndez Ferrín, neto, coma o Padre Silva, do Cucufate) como a miña pequena homenaxe a un home que, como dixen aló por maio, quixo construír castelos -coma o de Vilanova- no aire. Pero iso -como di Alberto Cortez- é imposible.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES