Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O home in-versor e per-versor técnico

miércoles, 14 de septiembre de 2011
O termo “técnica” non é nada estraño que teña unha connotación de progreso, que, implícita ou explícitamente, sempre van unidos no pensamento da nosa época, xa que, se falamos de algo que progresa ou progresou, temos que facelo necesariamente da técnica, incluso outros progresos son evidentemente inducidos por esta; e tamén temos que incluír a ciencia, sobre todo a aplicada á técnica. Indiscutiblemente, xogando un papel decisivo, de “conditio sine qua non”, están o home e a muller. Deles direi algo que me parece substancial e imprescindible para unha boa comprensión da temática desenrolada neste artigo, advertindo que os conceptos antropolóxicos que utilice aquí lévanme a estar en deuda coa concepción zubiriana da persoa humana.

O progreso na técnica e na ciencia é tan espectacular que o mesmo home, que é o seu artífice, máis ou menos inconfesablemente, sente a rachadela do desaxuste con outros saberes e realizacións incuestionablemente tamén necesarios para acadar ó que adoita chamarse “progreso integral”: hai valores que non deben quedar marxinados ou excluídos, minimizados ou deliberadamente silenciados polo esmagante poder e desenrolo da técnica, con risco de que vaia producíndose, xeración tras xeración, unha atrofia das potencialidades doutras dimensións do home que son constitutivas da súa realidade persoal e fiestras a través das que entra o ar das máis diversas realidades sociais: morais, culturais, etc.
A este respecto, penso que o problema este non pode formularse en termos de reñida oposición, nin tampouco dende unha perspectiva excluínte ou reducionista. Pola contra, todas as dimensións do home/da muller sonlle constitutivamente necesarias e é substancialmente inadmisible un desenrolo inharmónico das mesmas, agás que se adopte unha antihumana postura enervante pola unilateralidade dabondo frecuente nestes nosos tempos, da que están a ocuparse non poucos estudosos antropólogos, sociólogos, teólogos, filósofos, etc.

Sen embargo, sería infantil, inxenua e irreflexiva, a adopción de actitudes anticientíficas ou antitécnicas por razóns de mera ideoloxía, cando o que máis ben habería que ir pensando é no establecemento, interdisciplinario, de criterios de selección e integración, posto que cabe, sen dúbida, unha técnica respectuosa coa natureza e de moito proveito para o home, da mesma maneira que tamén hai outra irreverente con aquela e co desenrolo integral deste, incapaz de permitir un axeitado control sobre a desmedida paixón do investigador cando o leva a penetrar por riba de todo e a calquera prezo no miolo da natureza.

Por iso, hoxe en día, xa se pensa na necesidade de establecer algunhas barreiras axiolóxicas, coas que tamén se pode caer no máis detestable comportamento ideolóxico en sentido peorativo.

Por vía de ejemplo, podemos considerar ás da Bioética. Non debemos esquecer que tanto a técnica como a ciencia son respecto ó home / á muller aspectuais, e, polo tanto, o seu progreso non é garantía do tan cacarexado “desenrolo integral”, a non ser que este último termo adxectival sexa empregado cun deliberado propósito de ocultar ou suavizar comportamentos censurables dende outras perspectivas. Sen embargo, tampouco se pode esquecer cás críticas e censuras ás mesmas deveñen inxustas se se fan, para defender o seu interés e amparar o seu dogmatismo, polos que farían moito mellor en afiar o enxeño na leira da investigación ética, social e teolóxica, dando vigor e actualidade ós correspondentes valores de cada área: abundar nunha crítica cómoda, reincidente e disculpadora do abúlico, neste contexto, pode ser democráticamente lexítimo, pero tamén profesionalmente irresponsable.

Aporta tamén nesta temática unhas ideas, que me parecen útiles, o Dr. D. Juan David García Bacca, un filósofo nado en Pamplona, que foi profesor nas Universidades de Barcelona, Quito, México e Caracas, dedicado, entre outras especialidades, á antropoloxía e á Lóxica Simbólica. (Quen desexe máis información pode obtela na obra de Ignacio Izuzquiza, titulada “El proyecto filosófico de Juan David García Bacca”, Anthropos, Editorial del Hombre, 1.984, Barcelona). Non lle é alleo nada que atinxa á vida do home. Pero comecemos por explicar dous termos: “distinto” e “diverso”. “Distinto” fai referencia a unha leve e accidental diferenciación, como poidera ser o caso de dúas persoas con diferente vestimenta. “Diverso” aplícase no caso de que as diferencias sexan substanciais: o can e o gato, por exemplo.

Pois ben, dinos este pensador que non basta có home se sinta DISTINTO das cousas para empezar de verdade o proceso técnico; é necesario que calle nel o sentimento de diversidade, isto é, que se crea DI-VERSO, posto que así é capaz de realizar auténticas IN-VERSIÓNS no ser das cousas: o óso deixa de ser tal para pasar a ser unha agulla de coser (prehistoria); o tronco dunha árbore xa non sostén as ramaxes: serve de fogueira ou para vadear o río, flotando; o seixo é agora unha machada; o uranio é enerxía atómica, etc., etc. Desta maneira inicia o home unha imparable carreira de desenrolo técnico, transformando todo canto cae nas súas mans e, sen sequera tomar coidado diso, as cousas xa non se lle ofrecen como “nudas realidades”, como “cousas-realidades”, senón que teñen un sentido para el: son principalmente “cousas-sentido”. E digo “principalmente” porque o que máis lle interesa ó home xa non é a cousa en canto mera realidade, senón o seu servizo, “o para que lle serve”, o sentido que ten para el, algo que co tempo vai descubrindo científicamente e aproveitando técnicamente.
Desta maneira maneira vai o home construíndo o seu propio mundo, pero sempre á conta do natural, isto é, “humanizando” o natural e facéndoo adquirir configuracións, ordenamentos e estruturas “ó humano”. Por iso a técnica, neste aspecto, é un axente de humanización, por paradoxal que nos pareza, porque o perigo non ven por unha carencia de humanización, senón por un exceso, xa que podemos chegar a correr o risco de perder a “cousa-realidade”, sen a cal a “cousa-sentido”carece de soporte: o home consegue coas súas mans e os seus ollos DES-VELAR as entrañas da realidade, obligándoa a manifestar a verdade das mesmas ata agora oculta, como ocorre cos protóns, neutróns, quarks, genes (na realidade biolóxica)… É que o home non para ata IN-VERTER ou PER-VERTER o natural, e neste quefacer técnico é un verdadeiro PERVERTEDOR. De aquí a necesidade das barreiras para que non chegue a ser PERVERSO.

Mais deamos outro pasiño para completar un pouco máis esta relación do home / da muller coa técnica. A realización persoal humana presenta, coma as moedas, dúas facianas: un momento que chama Zubiri SUBSTANTIVO e outro SUPRASTANTIVO. O home como realidade substantiva ten o crarácter de estar “por-debaixo-de”, é soporte de propiedades (axilidade, altura, peso, paixóns, etc.). Os escolásticos falaron dun “sub-jectum”, os gregos dun “hypo-keímenon”. Dende esta perspectiva o home é pasivo. O outro momento, o da “suprastancia”, sitúao “por-enriba-de” todas aquelas propiedades que adquire por apropiación. Por esta faciana o home é “suprastante”, escolásticamente, “supra-jectum”, en grego “hyper-keimenenon”. Por isto selecciona opcionalmente, entre as posibilidades que lle ofrece a súa situación, aquelas que considera adecuadas para a súa realización persoal: ser carpinteiro, médico, avogado, instruído, iletrado, bo, malo, etc. é, pois, creador, pero ten que estar SUXEITO a apandar cos “materiais” necesarios para levar a cabo os seus proxectos, entre os que se encontra, por suposto, a técnica, intrínsecamenrte vinculada ó ideal humano, no que se insere este momento, que é decisivo para a conformación da súa realidade persoal, a través do decurso persoal da súa vida, isto é, para forxar a súa personalidade.

Isto fai que os valores hoxe inducidos pola técnica cambiarían substancialmente no medio social auténticamenrte humano; pero, para acadalo, o “suprastante” non debe caer na tentación de “inverter” os seus papeis co “substante”, pois aínda que son momentos dunha única realidade persoal, sen embargo, teñen funcións DI-VERSAS, por iso as paixóns, o sensual, o desbordamento económico …, é absolutamente necesario que estea baixo o control dunha racionalidade, ou razoabilidade, no seu caso, ó servizo do desenrolo integral do home, e o mantemento dunha escala de valores que así o facilite.

Non parece cá nosa actual situación sexa moi propicia para este mester, porque tampouco o é a “perder o tempo” pensando nisto!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES