Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O bosque sagrado de Lugo

martes, 13 de septiembre de 2011
O bosque sagrado de Lugo O 21 de xuño, solsticio de verán, celebrouse unha xornada de honra do bosque sagrado de Lugo, o bosque das lendas que na néboa dos tempos viron amencer o primeiro Lugo, que os membros lucenses da “Fundación Ciudadano Verde” estiman que estaba en terras de Donalbai, no concello de Begonte.

Esta foi a segunda das celebracións, que a primeira foi o 21 de marzo, no solsticio de primavera, en Outeiro de Rei, no que se acudíu a Penas de Rodas para diante do monumento megalítico empaparse de natureza e deixar voar a imaxinación nunha viaxe a través do tempo e encontrármonos cara a cara cos persoeiros descoñecidos que hai dous milenios adouraron un sol que morría ó lonxe no mar tenebroso despois de ser “atraido” pola fende existente entre dúas descomunais penas.

As Penas de Rodas

Para Manuel María, o gran poeta que veu a primeira luz na capital do Concello de Outeiro de Rei,

“As Penas de Rodas son,
dous ollos alucinados
que miran con atención
os eidos máis alonxados”.

Son dúas penas grandísimas, sostidas por unha base mínima sobre as rocas dun paraxe singular, que desde tempo inmemorial teñen a sona de gardar no seu interior un segredo doble que pode cambiar o mundo. Segundo a lenda, unha das penas contería no seu interior un tesouro incalculable, co que quen ouse furala e entrar no interior se convertirá no máis rico do mundo, rendíndose ó seu poder todas as nacións. Pero tamén segundo a lenda, o que fure a outra pena fará brotar do seu interior alcatrán ardendo que non parará de brotar ata inundar a terra, morrendo todos os seus habitantes.

Sen dúbida, a firme crenza na existencia no interior das penas de tan diferente contido inmenso librounas de ataques exteriores, conservándose ata a actualidade do xeito que podemos contemplar.

E aínda que a súa presencia é impresionante, case máxica, sempre se coidou que estes soberbios megalitos eran obra da natureza, e que os ventos e os rigores do clima produciron esta obra escultórica co paso dos milenios, sen intervención de man humana.

Pero o arquitecto e investigador lucense Carlos Sánchez-Montaña ten unha teoría ben diferente, xa que considera que se trata dun monumento artificial, creado por man humana, e atribúe a súa ereccións ós romanos asentados nas terras lucenses, no “bosque sagrado de Lugo” que quixeron construir, utilizando os medios xa entón ó seu alcance, un monumento no que honrar ós deuses da natureza e no que poder contemplar cada solsticio a gloria do Sol enmarcada en pedra.

O Círculo de Donalbai

Descubre Carlos Sánchez-Montaña a Pena do Mouro, en territorio de Donalbai, e no seu arredor máis dunha ducia de igrexas estratexicamente enclavadas, coas que cosntrúe unha ruta de vintesete kilómetros (este 21 de xuño só andivemos 9,5km.), que ven chamar a Ruta do Círculo de Donalbai, que demarca un espazo mítico, cargado de historia, con importantes monumentos, inscricións, tradicións, historia, no que pescudar no pasado e atopar pegadas firmes do que os que nos antecederon quixeron que chegase ata nós.

A Pena do Mouro enlaza con Penas de Rodas, sin que poida entenderse un conxunto megalítico sen o outro. E a Pena do Mouro é tamén indudablemente obra de man humana, ou o humano traballou nela de xeito decidido para facer “habitable” o seu conxunto, tendo que entenderse como un recinto de culto, de habitación, conectado co resto dos lugares simbólicos deste Círculo.

O solsticio de verán

Tivo moito de iniciático o recorrido efectuado este martes do mes de xuño, comezando pola xornada teórica celebrada na casa da cultura de Begonte, falándose do Circulo de Donalbai (Carlos Sánchez-Montaña e Ángel Trabada), as arcaicas sacralizacións da pedra na simboloxía románica (Xosé Lois García), e o “locus Amoeunus”, o paraíso perdido en Galicia, a cargo de Felipe Senén. A ruta “breve”, resume da ruta completa, serviunos para poñer en orde pensamentos e forzas e chegar rendidos ó caer da tardea Penas de Rodas para ver caer o sol entre as Penas, e comprobar como cae tamén pola Pena do Mouro, evidenciando a conexión mítica e milenaria entre as Penas e o Sol, por riba do tempo, na noite da historia.

Puxo remate á xornada un concerto do grupo Doa á beira das mesmas Penas, no solpor, e os cantos e música medievais nun espazo tan singular e máxico púxonos a piques de caer en trance, e puxo en evidencia a clarividencia de Eluard cando afirmou “Hai outros mundos, pero están neste”.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES