Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falando de Mandiá, II: D.Manuel Comellas

viernes, 02 de septiembre de 2011
FALANDO DE MANDIÁ

Os pobos que se teñen por algo, cando lles chegan as festas, procuran un pregoeiro que veña cantar aos veciños e ao mundo enteiro as epopeas que lle son propias e acaídas.

Algúns tiran do xénero épico e relatan sucesos lendarios ou históricos de gran importancia para todo o pobo, tendo en conta os valores morais ou a presenza de forzas sobrenaturais contra das que non se pode loitar en pé de igualdade. Se houbo batallas, naturalmente, sempre as gañaron os nosos.

Un pregoeiro nunca ven cantar desgrazas senón heroicidades. E se non houbo vitoria, sempre foi por algunha innobre trampa agochada, cousa que non é de persoeiros honrados: “Nós non viñemos loitar contra dos elementos”, dixo El Rei, D. Felipe.

En Mandiá temos lendas importantes. Mas, hoxe, falamos de historia real: De Don Manuel Comellas Coimbra, de quen estamos profundamente fachendosos e a quen non queremos esquecer. Don Manuel naceu o 30 de abril de 1853 na casa número 6 da rúa Sánchez Barcaiztegui, en Ferrol.

Foi un dos fundadores de El Correo Gallego, (1878), do que tamén foi director. Escritor, en galego e castelán, moi valorado na súa época nas numerosas publicacións periódicas de daquela. Formou parte moi activa no Rexurdimento galego. Participou en numerosos certames literarios, nos que acadou numerosos premios, e era un habitual nas tertulias de máis sona. A súa actividade cultural en Galicia foi intensa, constante e de gran calidade.

A obra literaria é numerosa. Porén, como tal, en libro, nunca foi dada ao prelo. Podemos catalogala: 1) Poemas: odas, elexías e poemas de circunstancias e costumistas. 2) Teatro: Pilara ou Grandezas d'os humildes. Fantasía dramática en tres partes, publicada en 1920. Non foi reimpresa desde entón. O seu estreo en Ferrol tivo un grande éxito.

Tamén foi fundador e profesor do Colexio Comellas (1877-1934), sito en Ferrol. Nel estudaron, entre outros, Francisco Franco e Ricardo Carvalho Calero.

“Don Manuel Comellas Coimbra figura como autor dramático galego pola sua obra Pilara. Foi estrenada no teatro Jofre, de Ferrol, o 23 de agosto de 1919, e novamente representada no mesmo teatro o 6 de setembro do propio ano. Imprentouse ao seguinte nos talleres de El Correo Gallego. É unha peza de ambiente mariñeiro, de desenrolo dramático, pero de desenlace fiz. Ten como segundo tíduo Grandezas dos humildes, i é evidente n-ela unha intención moral. O escritor non percuróu somente un fin artístico: quixo tamén dar unha lición de ética, e n-iste senso a súa obra cóntase antre as que constituien o teatro educativo. Contén unha apoloxía do carácter dos peixeiros e unha condenación do caciquismo. No primeiro aspeito o patrón Sidro e súa filla Isabel. A perseguizón da moza pol-o home da vila relaciónaa asimismo, co Lubicán, de Cotarelo”. (Carballo Calero R., Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo 1975, pp. 433-435) “Morreu na súa casa de Mandiá o 3 de xuño de 1925. “Alí acodimos os seus discípulos de entón, os seus discípulos de antano a escoitalo, silenzosos, no seu derradeiro viaxe”. Na lápida do seu fogar nadal lese: “Bó ferrolán, bó periodista. Mestre de tres xeracións de estudantes”.

En Mandiá, na “Finca”, tiña árbores e plantas exóticas, importadas do Xapón e de moitos outros lugares. Era un excelente botánico. Chegou a ter unha grande fortuna. Utilizouna para causas benéficas e deixou parte da súa herdanza á Real Academia Galega.

Foi condecorado pola Santa Sé en 1901 polo papa León XIII. En 1905, publicou Catecismo Social, segundo as ensinanzas da Encíclica "Rerum Novarum" de León XIII. Era un fervente católico.

PREMIOS: 1877. Palma de Prata nos Xogos Florais da Coruña: A María Pita. 1882. Palma de Ouro nos Xogos Florais da Coruña: A Galicia (Nosa nai Galicia). 1888. Mellor articulo periodístico 1888: Imperio Industrial. 1892. Mellor articulo periodístico 1892: A Libertade. 1897. Premio Círculo Católico de Obreiros: El Cristo de Candás. 1899. Premio Círculo Católico de Obreiros: Doce Cantares Gallegos. 1899. Emprendedor social, premio Quevedo da Fundación Correo Gallego 1900. Premio "Mellor poesía corta galega 1900": A Enfermidade. 1901. Premio "Home de confianza de S.S. León XIII": Catecismo Rerum Novarum. Según las normas de León XIII. 1909. Premio Honorifico da Real Academia Galega. 1919. Mellor obra teatral dramática de Galicia: Pilara, a grandeza dos humildes. 1930. Ten asignado o seu nome á unha en Ferrol Vello. E así se chama modernamente o Centro de Saúde desa parte de Ferrol.

Imos estar de festa. Festa grande onde as haxa. E temos motivos para celebrala. Porque a festa supón estar situados de cheo na historia. E nós estámolo. Vedes agora por que eu titulei así o primeiro artigo?: “FALANDO DE MANDIÁ I : TEMOS FESTA”. Boa festa para todos, amigos.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES