Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba: A festa maior

miércoles, 31 de agosto de 2011

Desde a véspera do San Ramón e achegándonos ó cumpreanos de María de Nazaré, a patrona de Vilalba, celebramos esta fervenza de entusiasmo que abrolla nas festas, coa cantiga do noso trobeiro Manuel María: “¡Qué fachenda ser chairego e andar pola capital/ da Terra Chá ben amada, da nosa Chaira longal! Coa ledicia por bandeira”.

Ábresenos un abrente de esperanza ó abeiro do avogado dos partos difíciles e da Nai dunha nova humanidade. Os mellores froitos son os do ventre.

Acaen ben estes valedores nun momento rexo, no que a “raíña” da Chaira está a enxergar o seu futuro dende as raíces, nunha xestación con moitos riscos, pero sempre que a vida se multiplica é unha hora venturosa. O éxito está asegurado, porque a veciñanza de Vilalba sabe acompasar o seu xenio creador co decorrer das estacións, e con mimo e presteza vai cebando os capóns, para cando chegue o suculento Nadal, e coa mesma arte vai amasando e acariciando os queixos de San Simón, ata convertelos no convidado excepcional das nosas mesas de festa.

Unha dedicación recoñecida en todas as latitudes. As celebracións destes días tampouco se improvisan, son o froito de moitos soños, arestora convertidos en enerxía comunal, por iso está garantida a acollida das distintas xeracións, coma o sinal dunha fidelidade ó pobo, sen crebas. Unha dinámica que emerxe en moitos sectores da poboación, así en queixerías, coma Daniberto de San Simón, que foi recoñecida en Bruxelles coa distinción “Superior Taste Award”, as estrelas europeas no eido da alimentación, onde unha xeración máis nova dá pulo á cultura labrega dos seus proxenitores, e que xa viña de ser agraciada coa medalla de ouro no III Certame de Vic na modalidade de queixos de leite de vaca.

O San Ramón é posible grazas a unha tradición mamada nos fogares, o futuro da economía chairega pasa por rentabilizar estas empresas familiares que seguen a ser fieis ó rigor e agarimo co que os devanceiros producían os alimentos, dende o tecido agrogandeiro da comarca. Así, as nosas materias primas, unindo a mestría artesanal coas novas tecnoloxías, seguen ambientando todo o mundo co recendo e sabor da nosa paisaxe máis íntima. Por todo isto, volvemos a berrar: “¡mil San Ramóns máis!”.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES