Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falando de Mandiá: Temos festa

martes, 30 de agosto de 2011
MANDIÁ, 31-08-2011.

Si. Imos estar de festa. Festas grandes onde as haxa. A festa supón estar situados de cheo na historia. Cada ano celebramos con gozo o presente que nos toca vivir co meirande divertimento, imaxinación e creatividade posíbeis. E desde o presente, xa nos situámonos cara ao futuro: Ata o ano que ven!, dicimos na despedida. Para o ano que ven, se chegamos, xa Deus dirá, responden os que se van.

Por estas datas tamén volvemos a vista ao noso pasado e relembramos algo que mereza a pena del e que os novos seguramente que xa non saben.

Nos cartaces anuncian unha parte relixiosa para honrar á nosa padroeira, Santa Uxía, na nosa Igrexa Parroquial. Empecemos a historia por este lugar

No 1922, vai para noventa anos, estaba xa moi aqueiradiño pola idade o noso benquerido Párroco, Don Joaquín Selle. A el debémoslle, coa axuda de todos, sacar adiante a construción de nova Igrexa no 1898. D. Cándido Luaces Carreira, natural de Abadín, estaba agora de Vicario Coadxutor, para encargarse do traballo da Parroquia.

Este sacerdote deixou unha nota nun dos libros de Fábrica que nos vai axudar nos recordos desas datas: “Año de 1922”. “Por arreglar la hornacina del altar de San José para colocar una imagen nueva del mismo santo, adquirida en doscientas corenta (sic) pesetas para esta Yglesia por los señores de Comellas de esta parroquia, el Párroco D. Joaquín Selle y el que suscribe, y demás gastos de dicha imagen, cuarenta pesetas”.

Así, pouquiño a pouco, tomamos conciencia documentada do noso patrimonio artístico, que debemos querer e conservar exquisitamente, como xa o facemos en Mandiá. Xa sabemos de cando é esa magnífica talla de S. Xosé co Neno Xesús: 1922.

Pero temos outro patrimonio, xa non de tipo material, tal vez máis importante aínda, que ameaza perderse, de non atendelo como debemos. Neste caso estoume a referir á nosa cultura. Á nosa fala. Aos nosos escritores. Ás nosas letras. Ás nosas tradicións. Ás persoas dos nosos devanceiros.
A nota dinos quen foi o donante da imaxe: A familia Comellas.

Cando imos a Mandiá de abaixo, case todos falan e saben da “finca”. Mas xa non da súa historia antiga. Este ano, xunto co San Xosé que temos na Igrexa Parroquial, imos ocuparnos da figura excelsa de D. Manuel Comellas Coimbra , nado en Ferrol o 30 de abril de 1853 e finado no Val de Mandiá o 3 de xuño de 1925. Un escritor galego, en galego e castelán, un dos fundadores e director de El Correo Gallego e un excelente profesor e educador. Sen dúbida algo parecido a ese S. Xosé. Ten dedicada unha rúa no Ferrol Vello e tamén o nome do Centro de Saúde. Isto xa nos revela algo da súa importancia.

Por hoxe, vaia isto como entrante. Nun próximo artigo falareivos polo miúdo de D. Manuel Comellas. Temos nel moito de quen tomar exemplo. Somos unha parroquia con historia de seu. Temos moito que amosar a quen nos ven visitar. Temos moito que celebrar.

De momento, boas festas 2011 e moito ánimo.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES