Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha Galicia de 53 concellos

martes, 30 de agosto de 2011
Como o asunto segue dando de que falar e eu son partidario deste debate, aproveito a nova proposta -a do Consello de Alcaldes- que acaba de sacar do forno electoral o candidato Rubalcaba para continuar teorizando, ata onde me dan as entendedeiras, sobre este manido asunto da reformulación do mapa municipal e da defenestración das Deputacións provinciais.
E como agora ven o tempo das propostas, póñalle a esa columna -benquerido lector- a música que entoabamos cando iamos de excursión e que acompañabamos con aquela letra que dicía "ahora que estamos contentos, vamos a contar mentiras, trailará...", e permítame a min tamén -malia non ter partido político por tras que me soporte ou que soporte as miñas paranoias- soltar ó aire a miña proposta, consciente de que a partir de hoxe mesmo o 85 por cento dos alcaldes poidan deixarme de falar.
Imos alá. No ano 1991 -hai 20 anos de nada-, logo da chegada de Fraga Iribarne á Xunta de Galicia, o goberno galego puxo por riba da táboa redonda da Autonomía un proxecto que foi vendido como pioneiro na Europa das Rexións e que se denominou "Plan de desenvolvemento comarcal de Galicia".
Despois de levar a cabo un inxente traballo de investigación política, xeográfica, cultural, económica, social e incluso relixiosa (por aquilo das parroquias como células xenéticas da relación social) e de investir un morea de millóns en toda esta planificación, no ano 1996 o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de Desenvolvemento Comarcal que derivou ó ano seguinte na aprobación do Mapa Comarcal de Galicia "como referencia fundamental para a reorganización territorial dos servizos públicos da Xunta de Galicia" e no ano 1999 nun novo proxecto de lei que propuña xa "a creación de comarcas político-administrativas", é dicir, "de comarcas como entes locais".
O resultado de todo aquilo foi un mapa que calquera pode consultar na Rede e que distribúe á poboación galega en 53 demarcacións comarcais.
Mellor dito, o resultado final foi un mapa e unha errática xestión do plan, que acabou xerando a creación de concellos comarcais paralelos ós concellos municipais, con casa consistorial propia -e paralela- nas aforas da capitalidade comarcal e alcaldes comarcais paralelos disfrazados de xerentes que xestionaban recursos paralelos -normalmente europeos-, ós que recentemente lles puxo fin o goberno actual porque aquilo acabou dexenerando nun paralelepípedo total.
Ora ben, por moito que fallara o sistema organizativo do poder local, iso non quere dicir, nin moito menos, que todo o deseñado estivera mal. Ó contrario.
Por iso se me antoxa a min oportuno hoxe botarlle esta ollada ó mapa comarcal. Porque, se cadra, con 53 concellos subdivididos en pedanías municipais (así os alcaldes non quedarían sen traballo) tiñamos de abondo para empezarmos a falar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES