Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verbo da historia

jueves, 25 de agosto de 2011
Non sempre que utilizamos o termo “historia” o facemos con rigor e precisión; a maior parte das veces caemos nunha impropiedade que se afasta bastante da realidade á que estamos a referirnos. Hai un problema semántico, e se non comecemos por preguntar se a historia ten unha verdadeira substancialidade, e incluso podemos facer a pregunta de maneira máis sorprendente, así: Existe realmente iso que se chama historia?. Por suposto, ninguén dubida en afirmar que si, estrañado da insensatez da pregunta. Sen embargo, cando se lle pide que diga, por conseguinte, en que consiste, seguro que xurdirán as divagacións e imprecisións habituais, porque co que verdadeiramente nos encontramos non é coa historia, senón coas “realidades históricas”, é decir, con aquelas que constitutivamente teñen esta maneira de ser reales. En consecuencia, o que conta son esas realidades.

Está lonxe do meu propósito enrodelarme coa exposición relativa á estrutura das realidades históricas, aínda que quixera facer unha distinción que me parece de utilidade recordar cando manexemos o termo “historia”. Trátase do seguinte: Non parece apropiado ese termo para designar procesos naturais, porque estos non son máis que actuacións das potencialidades encerradas (por dicilo dalguna maneira) neste tipo de realidades; é, por ejemplo, o FIERI dunha semente cando vai actuándose na planta correspondente, programada (“fieri”, xurdir, orixinarse). Incluso hai pensadores que afirman que a mesma evolución non é máis que un DAR-DE-SI da mesma realidade, excluíndo todo influxo externo. E neste caso o resultado deste proceso é un FEITO. Pero hai outros procesos que consisten en traer as posibilidades que lle ofrece a súa situación ó home/muller á realidade, é dicir, convertelas en realidades, por exemplo, a posibilidade que unha persoa ten de facerse “realmente” carpinteiro, agricultor ou médico. A estes procesos chámaselles ACONTECERES, e rematan en SUCESOS. Opina desta maneira Zubiri, e nos vamos aproveitar estas ideas no artigo.

Polo tanto, non deberíamos falar de “feitos” históricos, senón de “sucesos”. O propiamente histórico son só os aconteceres das realidades históricas. No caso do home/muller, trátase de realidades abertas, que van configurando a súa personalidade mediante a apropiación de realidades, previa opción entre as posibilidades que lle ofrece o contexto. Por isto, podemos afirmar cá historia non hai que entendela dende o futuro coma un progreso cuxa meta fose un TOPOS ideal, porque sería ver o sentido da historia fora da propia historia: a histroria non se predice, senón que se produce, créase dende a actividade humana sobre a base do sistema de posibilidades ofrecido en cada situación e en cada momento do proceso histórico, como di Héctor Samour, da UCA, de San Salvador.

Pero cabe aínda facer outra precisión: A “actuación” das potencialidades encerradas nunha realidade natural é precisa e limitada (a maceira non da peras); pero, polo contrario, as posibilidades que se lle ofrecen ó/á home/muller para a súa propia realización son moitas e diversas, e aquí está a mesma raíz da liberdade, absolutamente necesaria no proceso histórico (con perdón do materialismo histórico!), e da moralidade.

Se o home/muller desaproveita as posibilidades que o seu contexto lle ofrece, podemos dicir, e creo que nunca con máis propiedade, que perde o tempo. Pero esta perda esixe determinar como e onde se produce. Para isto hai que ter moi en conta os momentos da realidade histórica: a ocurrencia do suceso, o seu depósito, o propósito e a realidade substractual implicada, é dicir, o que os versados nesta temática chaman “positum”, “de-positum”, “pro-positum” e “sub-positum”, respectivamente.
Os dous primeiros momentos son fundamentais e fundamentantes, posto que calquera “sofisticación” neles, sempre deliberadamente, arrastra unha desfundamentación para as seguintes xeracións, ás que en moitas ocasións atribuímos lixeirezas e culpas que traen a súa causa de as anteriores, e, sen embargo, case nunca nos preguntamos como poideron ocorrer por vinculación con elas. Por outra parte, os dous últimos momentos son decisivos e determinantes, xa que os propósitos poden configurar “torticeramente” os sucesos; mais un momento básico é o último “substracto” polo que ten de fontanal para futuros acaeceres: é unha realidade que ten moitas formas de desenrolarse, e certamente os que teñen que encontrarlle proveito son as xeracións que a encontran en depósito: só neste sentido pódese dicir cá “historia é maestra da vida”.

En consecuencia, a realidade histórica non se pode entender en descontinuidade, e cando se producen rupturas sometémola a unha serie de movementos e balanceos de recuperación ata acadar o equilibrio inestable que lle é propio. Os erros que estamos cometendo terán a súa versión no futuro, e os que cometeron os nosos devanceiros son xustamente os que están a causar este sentimento de desfundamentación que padecemos na actualidade.
O “pasotismo” moitas veces, e case sempre o egoísmo, son factores determinantes en todo isto, e se non pensemos que estamos recollendo do mal chamado “terceiro mundo” os froitos que alí sementamos.

A falta dun sentido crítico cos acaeceres e a inautenticidade selan dunha maneira indeleble os procesos históricos, por iso se impoñen medidas correctoras destas actitudes, que mellor sería aceptalas racionalmente que esperar a que sexan os mesmos acontecementos os que nos levan a elas brutal e irracionalmente. Creo que disto temos exemplos dabondo moi recentes e non pouco dolorosos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES