Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Millán Astray: Coruñés de pro, de toda la vida

viernes, 19 de agosto de 2011
Millán Astray: “Coruñés de pro, de toda la vida” (Carlos Negreira, presidente provincial do PP da Coruña).

Carlos Negreira defende con entusiasmo a figura de Millán Astray, “coruñés de pro”, segundo di. Comunmente considérase home de pro ou de proveito a un home de ben, sabio ou útil ao público.En principio non parece que José Millán Astray encaixe nesta definición, en todo caso, poderíamos quedarnos só co xentilicio: coruñés.

Non pretendo facer unha biografía deste home, máis coñecido pola irracionalidade dos seus slogans e arroutadas que por algunha achega ao campo da ciencia ou do humanismo. A sona de Millán Astray vén das crueis guerras de colonias, en Filipinas e en África, e non como estratego ou por un labor humanitario, máis ben, polo contrario: por temerario, imprudente e mesmo sanguinario.

Se desafortunadas son as manifestacións de Carlos Negreira, máis cómicas e esperpénticas, son as que fai o seu correlixionario e deputado, Pedro Arias, seica profesor asociado da Universidade da Coruña, que propón colocar na praza dúas estatuas: a de Millán Astray e a de don Miguel de Unamuno, para “ofrecer las dos versiones de la historia”. As lecturas da Historia que fan algúns membros do PP, son de sobra coñecidas, ben se sabe de que lado están, abonda con escoitar ao parlamentario, Agustín Baamonde, que entende que “la culpa de la guerra y del franquismo la tienen todos:los de un lado y los del otro lado y lógicamente entre todos debemos hacer un completo afán de superación. No se puede reescribir la historia” (respecto a literalidade da cita e a lingua, porque esta sempre foi compañeira do imperio), aínda que isto é precisamente o que parece que intentan Carlos Negreira, Pedro Arias e Agustín Baamonde. Versións da historia pode haber tantas como escribidores de historias, pero unha versión non é a historia, porque a realidade é moi teimuda.

Tanto a oferta das dúas versións da historia de Pedro Arias como a sentenza que formula Agustín Baamonde -¿de verdade, cre vostede, que Azaña é culpable do franquismo?-, no fondo coincidentes, ambas tan extravagantes como carentes do máis mínimo rigor e seriedade, deforman a realidade. Unamuno manifestou que non estaba nin con “los hunos” ni con “los hotros”, en consecuencia, a visión que ten o señor Baamonde é tan pobre como indocumentada. Mire, señor Baamonde, en xullo de 1936 España era un República, con moitísimos problemas, pero cun goberno lexítimo froito dunhas eleccións, quen rompe a situación lexítima son os militares sublevados. Non se pode equiparar o agredido co agresor, o criminal, o faccioso é o bando sublevado apoiado por aquela dereita reaccionaria que se opuxo a calquera das urxentísimas reformas que a República intentou, coma a Reforma agraria, reformas educativas, superación de formas feudais, xa daquela se “rompía” España co matrimonio civil, co divorcio, cos cemiterios civís, coa educación mixta, coas autonomías, algo que aínda vostedes non esqueceron de todo.
Detrás de toda a montaxe da estatua de Millán Astray e dos símbolos franquistas, tan queridos polo PP, agóchase unha fonda nostalxia do réxime dictatorial, como levan demostrado dende hai máis de trinta anos. Un gran contributo a esta superación, que pide o señor Baamonde, será poñer a cadaquén no seu sitio e no seu papel. Entre golpistas e gobernos lexítimos non hai equilibrio posible.

Non para reescribir o que está escrito por feitos innegables, vou recordar un dos episodios máis tristes e mesmo macabros que lle deron sona a José Millán Astray.

Aconteceu o 12 de outubro de 1936 no Paraninfo da Universidade de Salamanca. Celebrábase a denominada daquela Festa da Raza con asistencia de diversas personalidades, como Carmen Polo, muller de Franco, o bispo, Enrique Plá y Deniel e o Rector Perpetuo da Universidade, don Miguel de Unamuno. Discursos apaixonados do dominico Vicente Beltrán de Heredia e de José María Pemán que don Miguel considerou totalmente improcedentes. Para Maldonado o nacionalismo catalán e vasco eran cancros que o fascismo “sanador” sabería cómo exterminar ”cortando na carne viva coma un cirurxián decidido, libre de falsos sentimentalismo”. Dende o fondo da sala saíu un berro de “viva la muerte” facendo os falanxistas o saúdo fascista diante da fotografía de Franco.
Unamuno sentiuse obrigado a tomar a palabra, deixa de lado que el sexa vasco, o bispo catalán, pero o que realmente o subleva, segundo as súas palabras é o “necrófilo e insensato grito de: Viva la muerte”. Continúa dicindo que Millán Astray é un inválido, tamén o foi Cervantes, pero un mutilado que careza da grandeza espiritual de Cervantes, é de esperar que encontre un terrible alivio vendo cómo se multiplican os mutilados ao seu arredor. Millán non puido conterse máis e berrou: “¡Mueran los intelectuales, viva la muerte!”. Pero Unamuno continúa: “Este é o templo da intelixencia. E eu son o seu sumo sacerdote. Estades profanando o seu sagrado recinto.

Venceredes, porque tedes sobrada forza bruta. Pero non convenceredes. Para convencer hai que persuadir. E para persuadir necesitades algo que vos falta: razón e dereito na loita. Paréceme inútil pedirvos que pensedes en España”. A brutalidade de Millán Astray e dos seus lexionarios ameazou a don Miguel que encontrou protección na muller de Franco, dona Carmen Polo. Ao remate daquel ano morreu Unamuno e ao seu enterro asistiu un numeroso grupo de falanxistas, entre outras cousas, seguramente porque Falanxe odiaba a Millán Astray.

O Glorioso Movemento Nacional, denominación que aínda parece válida para Negreira, Arias e Baamonde, desencadea a Guerra Civil considerada por Unamuno como “algo realmente horrible, debido a unha enfermidade mental colectiva, a unha epidemia de tolemia, cun substrato patolóxico”.

Os símbolos teñen un valor pedagóxico, exemplarizante e educativo. Neste sentido foron sempre utilizados para enxalzar valores, tanto na igrexa como nas prazas públicas. Cando o señor Arias fala de versións históricas, confunde historia con apropiación e manipulación da historia, algo, por outra parte, moi frecuente, xa que logo, os vencedores escriben a “súa” historia, mesmo, para xustificar o inxustificable.

Porque queremos pechar todas as feridas, selar a reconciliación, que vai moito máis alá dun “afán de superación” baseado na equiparación do reparto de culpas, pois o franquismo e a sublevación militar teñen autores identificados e coñecidos.

Tamén é certo, que ao longo da guerra se cometeron barbaridades por ambos bandos, pero non é menos certo que soamente un bando homenaxeou, e moito, aos seus “caídos por Díos y por España”. Non por vinganza, senón como recoñecemento da dignidade de todas aquelas persoas ignominiosamente asasinadas, e a homenaxe dunha democracia e moito máis valiosa cá dunha ditadura, queremos que se lles restitúa a dignidade que como persoas lles corresponde e que non se enxalce como modélicas condutas ou persoas que daban vivas á morte.
Cando escribía este texto en outubro de 2009 daba por feito que a estatua de Millán Astrai estaba retirada definitivamente, nada máis lonxe da realidade. Carlos Negreira parece moi identificado con este pintoresco personaxe, mesmo fillo fiel, e, claro, de pai non se pode cambiar. Non vale con dicir que é cousa da xustiza, pois a sentenza soamente di que ese caso non entra dentro da Lei da Memoria Histórica, porque tal honra tivo lugar durante a monarquía alfonsina, pero engade que a colocación ou a retirada de monumentos é competencia, neste caso, do Concello da Coruña.
Resulta difícil de comprender a querencia e mesmo identificación do PP coa ditadura franquista, dá a sensación de complicidade culpable, algo parecido ao que sucede coa Igrexa. O racional sería recoñecer que a Guerra Civil é o máis grande fracaso da historia de España e atender ás investigación e explicacións que vai achegando a investigación e os estudos dos especialistas. Aquí non vale a irracionalidade visceral nin maniqueísmos sectarios.
Pasaron case dous anos e as cousas non melloraron, aínda quen cre que houbo un Glorioso Movimiento Nacional ou unha Cruzada salvadora.

17 de agosto de 2011, día de Galicia Mártir na persoa de Alexandre Bóveda.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES