Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Investigacións biomédicas

jueves, 18 de agosto de 2011
O esforzo no século pasado e a primeira década deste no campo da realidade biomédica é asombroso. Os éxitos acadados ninguén se atrevería a poñelos en dúbida. E da mesma maneira se pode afirmar cós adiantos e servizos prestados pola tecnoloxía adecuada, e posta á disposición das distintas especialidades médicas, son verdadeiramente abraiantes. O campo da xenética foi e está sendo dunha inusitada fertilidade en resultados.positivos e esperanzadores, sobre todo para a medicina preventiva do futuro. Sírvannos coma exemplo dous Premios Nobel de Medicina, os estadounidenses Andrew Z. Fire e Graig C. Mello, que estudaron a interferencia do ARN (ácido ribonucleico) no control do fluxo da información xenética, sobre todo pola gran importancia que ten nas enfermidades causadas por virus, dos mesmos procesos cancerosos e das non menos importantes patoloxías cardiovasculares, pois estes dous Nobel do ano 2.006 chegaron a conclusión de que o ARN bicatenario bloqueba a síntese de proteínas.

O descubremento de Fire e Mello é de tal importancia que permite contar cun medio eficaz para acadar a desactivación dun xene concreto, a fin de poder estudar a súa función dentro do mecanismo celular e desta maneira acometer a defensa contra as infeccións dos virus. Tampouco é difícil entender que se a unha célula a privamos dun xene determinado podemos observar o seu dinamismo biolóxico sen el, constatando mellor o seu papel dentro da mesma.

Pero, moitas veces, os investigadores están coartados nestes traballos científicos e teñen que loitar non só cos atrancos propios que lles ofrece a realidade que investigan, senón tamén cos que se lles engaden extrínsecamente: limitacións do presuposto, imposicións relixiosas e éticas, etc. Uns casos disto último poden darnos unha idea do alcance na leira do relixioso. Xa S. Ambrosio dixo cás prescripcións médicas opóñense ás celestiais. E non foron poucos os padecementos de Arnaldo de Vilanova, Roger Bacon, Ramón Llull, etc, nos sécalos XIII-XIV, e no XVI podemos lembrar a Paracelso, Vesalio, e outros, que desatenderon as prohibicións, investigando estes últimos na anatomía, e correron non poucos riscos, pero grazas a eles desfixéronse algunhas crenzas bíblicas, pois demostraron que nin existía ese óso que servía de ponte para a resurrección, nin que o home carecía dunha costela que lle sacaran para crear o corpo da muller. Tampouco deixaron en paz ó descubridor da vacuna contra a varíola, nin a James Young Simpson, que descubriu a anestesia, permitindo que a muller parira sen dor. Hoxe en día está en liorta a investigación de células mai, sen negar a posibilidade de que teña que impoñerse unha certa racionalidade.

Evidentemente, os clínicos en xeral teñen, coma en todas as profesións, momentos de gloria e momentos de insatisfacción, pero sempre hai algo que axexa os seus acertos e desacertos, porque a ciencia médica opera xeralmente con probabilidades, o que obriga a xogar coas incertezas sobre un obxecto tan importante como é a vida. Por isto, xustamente, os riscos e beneficios necesitan aquí dunha ponderada decisión á hora de elixir alternativas, asumindo en todo momento unha imponderable responsabilidade, que non se presenta con este nivel de inquietude no campo da aplicación doutras ciencias.

Por outra banda, nunca na medicina pode aspirarse ás solucións definitivas, porque a morte é un constituínte esencial de todo ser vivo: o prolongamento (da vida?) no tempo só está garantido á especie, ó PHYLUM, salvado o proceso evolutivo, xamais ó individuo. Polo tanto, todo o que pode acadar un exitoso profesional da medicina é aliviar a dor, retrasar os efectos das distintas patoloxías e algo que na medicina actual está dabondo esquecido: CONFORTAR. Como moi ben di Diego Gracia, “a medicina é, máis que unha ciencia ou un saber puro, unha práctica social, a do cuidado da saúde dos individuos e dos grupos sociais”, páx. 41, de “Como Arqueros al Blanco”, Ed. Triacastela, 2.004, Madrid.

Sen embargo, moitos profesionais da medicina, na actualidade, arromban, endeusados pola súa formación (que certamente é moi esixente, pero non integral) as obrigas relativas ao trato do paciente, esquecendo deplorablemente que están na presenza non só dun enfermo, senón tamén, e principalmente, dunha persoa.

Certo é cás condicións de traballo que lles impón a Seguridade Social non son as máis adecuadas, pero é ridículo e impropio dunha persoa culta que dirixa as consecuencias aos pacientes, precisamente a quen estiveron tributando toda a vida laboral para recibir un trato médico correcto. Avalan isto os numerosos casos de reclamacións xudicias que prosperan. Son incluso irrespetuosos con aquelas “protoideas” que tanto respeto lle merecían ao Dr. Fleck, descalificando esa presunta formación. E traigo isto aquí porque, indiscutiblemente, é un xerador actual de desacougos na vida do médico e unha chamada a súa responsabilidade profesional en sentido amplo.

En todo caso, como di Avelino Senra Varela, membro da “American Society of Clinical Oncology” e Catedrádico de Oncoloxía Clínica”, o médico dos nosos días pode valerse dos ordenadores, que mitigan os seus esforzos, pero sen caer na tentación de abusar da súa utilización, pois non resolven problemas, subministran información sobre as probabilidades de distintas enfermidades, mais a decisión final e responsable é sempre do médico, que corre os riscos inherentes a súa función profesional, xa que “todos os intentos de obter un diagnóstico definitivo coa axuda dos ordenadores, baseándose na álxebra de Boole, foi un fracaso”.

Este mesmo catedrático avoga polo diagnóstico precoz, utilizando os factores de risco presentes, e insiste no tópico de que non hai enfermidades, senón homes e mulleres enfermos: a enfermidade é unha abstracción. Precisamente por isto, a mellor medicina é sempre o mesmo médico, no marco desa relación médico-enfermo, que hoxe tanto evitan, paradóxicamente, os mesmos profesionais da medicina, sen escusar tampouco certas irreflexivas actitudes dalgúns enfermos ou familiares.

Deixo á vontade do lector establecer comparacións entre a epistemoloxía médica de Ludwick Fleck e a máis común na actualidade: dela obtense unha clara visión evolutiva dos conceptos das ciencias médicas, deliberadamente en plural.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES