Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vacacións

miércoles, 03 de agosto de 2011
Este termo, vacacións, que tanto nos agrada hoxe, non existía no dicionario do Golpe nin de ningún labrego. As tarefas da terra e do gando eran escravas e non deixaban apenas tempo de lecer.
Non obstante, sempre facían por ir dar os baños chegado o mes da sega.

Na lúa de agosto polo entre lusco e fusco, o Golpe e a súa dona ían a calquera das dúas charcas de augas curativas que había na bisbarra: a do Alligal en Codesido ea do Ribado en Lanzós. Os baños tiñan que efectuarse nove días seguidos co fin de que serviran pera previr catarros e reumas durante todo o ano e, despois de cada baño, beber auga das fontes respectivas.

É curioso o feito de que tiveran que ser exactamente nove baños , sempre me preguntei o porqué desta cantidade que se repite en moitas das crenzas e lendas que forman parte da nosa cultura. Pois tamén se conta que para acadar a fertilidade, por exemplo, había que saltar nove ondas na praia da Lanzada.

Indagando sobre este feito atopei que o número 9 era chamado polos pitagóricos “O Alfa e a Omega”, o primeiro cadrado dun número impar. Tamén se denominou como o número do Home, porque a súa xestación dura nove meses. O único número capaz de dar vida a calquera outro número de aí que se lle chame o número perfecto, porque nunca se destrúe. Segundo as ensinanzas místicas, é o número das esferas a través das que a conciencia emprende a viaxe ao nacemento.

Non sei se o Golpe coñecía o significado dese número, pero si respectaba a tradición e cría nela. Do mesmo xeito, lembro que me tiña informado que non se podían mesturar os baños de auga doce cos da auga salgada, pero descoñezo a razón desta sentenza.
Cando xa maiores deixaron de pagar o censo para cobrar o subsidio, venderon as tres vacas que posuían e ficaron só co gando miúdo; deste xeito tamén se aliviaron de moitas tarefas agrícolas, o que lles permitía dispoñer de máis tempo. Foi así como trocaron as charcas pola praia.

O seu lugar preferido era Viveiro, pois coñecían xente alí. Alugaban en Covas un cuarto con dereito a cociña durante uns días e daban os baños na auga fría da súa praia longal todas as mañás case ao raiar do día. O resto do tempo dedicábano a gozar da paisaxe mariñá, tan distinta da que ollaban a cotío na aba do monte , fronteira da Chaira, onde se atopa Vilapedre.

O Golpe camiñaba pola vila e arredores parolando con quen lle dera conversa e, tanto el como a súa dona, non se perdían o mercado semanal na Praza Maior de Viveiro no que aproveitaba para expor as súas zocas de adorno que todo o mundo admiraba. Polas noites, mentres a súa dona calcetaba os carpíns para o inverno coas súas catro espitas, aproveitaba para fumar unha dose de picadura na súa pipa de buxo. Así transcorrían uns días máxicos que rachaban a rutina do resto do ano. Velaí como á fin souberon o que era o veraneo.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES