Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ludwick Fleck: Epistemología médica (I)

miércoles, 20 de julio de 2011
Ás veces, na lectura de libros, atopámonos cun autor especialmente interesante, e xurde o desexo de dalo a coñecer e, se se da o caso, comentalo con quen xa o coñece. Este foi para min o caso de LUDWICK FLECK, que me despertou do non menos plácido que perigoso sono da ignorancia e activou a miña curiosidade, porque, sendo médico - iso si, notable -, aborda con profundidade cuestións de epistemoloxía. E das súas ideas nese campo quero escribirlles algo, pero, previamente, parece obrigado facer unha efémera presentación, aínda que non sen antes advertir ó lector de que a extensión deste artigo aconsella dividir a materia en dúas partes, aínda que epigrafiadas temáticamente coma unha soa.

BREVE BIOGRAFÍA

Ludwick Fleck é xudeo e polaco, nado en 1.896, na Galitzia polaca. Estudou medicina e interesouse, dende moi novo, pola microbioloxía, xustamente no campo das enfermidades bacteriolóxicas e dermatolóxicas. Conta con moitas publicacións na súa especialidade e con numerosos artigos, publicados nas revistas de maior prestixio internacional, que omito, dada a natureza deste traballo, e en prol da brevedade.

Como era xudeu, tanto él coma a súa familia, tiveron que soportar os horrores dos nazis e foron detidos en 1.942. Logo deportárono ós laboratorios dunha fábrica farmacéutica de Laakon, obrigándoo a producir unha vacina antitifoide, e máis tarde transladárono a un laboratorio serolóxico. Pero acabou no campo de concentración de Buchenwald, onde seguiu traballando na vacina antitifoide. Participou como testemuña, na súa condición de especialista, no Tribunal de Nüremberg. Foi liberado en 1.945 e continuou os estudos en microbioloxía.

Tamén despertou nel o interés polo comportamento dos leucocitos nos casos de esgotamento (“estrés”) e inflamacións, observando, nestes supostos, o seu apiñamento, ó que denominou LEUQUERXIA. Segundo parece, aínda hoxe en día son importantes as PROBAS DE FLECK para diagnosticar a “leuquerxia” e, a súa vez, para diferenciar as infeccións víricas das bacterianas. Pero o máis rechamante de todo isto é que se mantuvo en contacto cos filósofos da ciencia, tales coma Twardowski, Adjukiewcz, Kotarbinski, Lukasiewicz, etc. Tuvo, por suposto, recoñecementos importantes, coma o “Premio Estatal de Logros Científicos” e a “Cruz Oficial da Orden do Renacemento”, de Polonia. Faleceu en 1.961.

ALGÚNS CONCEPTOS EPISTEMOLÓXICOS

O seguimento que fixo da sífilis supoño que inda pode resultar proveitoso ós médicos actuais, sobre todo pola maneira que tuvo de analizar a súa entidade nosolóxica, dende os puntos de vista místico-ético, empírico, terapéutico, patoxénico e etiolóxico, e refírome a este proveito en perspectiva histórica. E por isto, déixenme aconsellarlles que, para obter máis información, acudan a súa obra LA GÉNESIS Y EL DESARROLLO DE UN HECHO CIENTÍFICO, Alianza Universal, 1.986, Madrid. Nela hai unha Introducción de Schäfer e Schnelle sumamente interesante.
Ademais desta obra Fleck, xa no 1.926, da unha non desprezable conferencia sobre “epistemoloxía médica”, titulada ÜBER BESONDERE EIGENSCHAFTEN DES ÄRTZLICHEN DENKENS (Sobre as características esenciais do pensamento médico). Aquí xa destaca Fleck algunhas características importantes no campo da investigación médica fronte a outras disciplinas científicas.
Principalmente dúas:
Aa.- En medicina non se investiga o normal, senón aquilo que se afasta del, coma os estados da enfermidade, ou o que é o mesmo, a delimitación das entidades nosolóxicas (de “nosos”, enfermidade, e “logos”, razón, tratado…), o que se pode facer mediante un elevado nivel de abstracción, despois de tomar en conta moitos casos individuais. Velaquí a razón pola que se aplica tanto a Estadística.
Ab.- A outra característica é que non se persegue o saber por si mesmo, senón para a terapia das patoloxías.
Penso que é importante esta observación de Fleck: moitos nomes en medicina levan os prefixos PARA- e PSEUDO-, porque as entidades nosolóxicas non son ríxidamente delimitables, senón cun certo grao de ficción, como o evidencia o que, polo menos na súa época, o saber dos libros e as observacións reais estean bastante distantes. E hai, por iso, no médico, unha certa tensión entre o concreto e o abstracto; non sei se podería dicirse que existen enfermos, non enfermidades. En todo caso, o abstracto non pode desbotarse, porque o concreto sen el sería cego, e aquel sen este pouco operativo, kantianamente falando. Pero na súa epistemoloxía toman forma conceptos coma “estilo de ideas”, “estilo de pensamento”, “peso da formación”, “carga da tradición”, etc. Tamén de todo isto direilles algo. Sen embargo, e cos avances na leira da xenética aplicada á medicina, hai que considerar outras categorías non contempladas por Fleck, aínda que, máis ou menos, foran sospeitadas por el.

O OUTRO ARTIGO DE FLECK CARA A EPISTEMOLOXÍA EN XERAL

Hai outro artigo de Fleck, de contido epistemolóxico, que titula ZUR KRISE DER “WIRKLICHHEIT” (Sobre a crise da realidade), que non ten desperdicio, na miña modesta opinión, porque estende as súas ideas epistemolóxicas dende a leira da medicina ás ciencias naturais. Aborda proveitosamente algúns dos conceptos xa mencionados. Así, por exemplo, pensa cá formación do receptor dun coñecemento é determinante, como din Schäfer e Schnelle, “o coñecemento transmitido non é exactamente o mesmo para o doador (emisor) que para o receptor, o coñecemento transfórmase ó pasar a outra persoa”, páx. 20, o.c., de Fleck.

Tamén destaca este autor que toda clase de coñecemento está ligada á tradición, ás condicións sociais de quen o transmite e o recibe. É o que Fleck chama”estilo de pensamento”, no que xogan un papel as presuposicións do colectivo de científicos que investigan, ata o extremo de que fan imposible unha observación inxenua, libre de presupostos teóricos e prácticos, e incluso – algo que semella paradóxico - canta máis habilidade adquire o investigador especialista tanta menos capacidade terá para ver aquilo que poida cuestionar o resultado do seu traballo.

Pódese pensar que os grandes especialistas, na materia que sexa, teiman en REDUCILO todo a súa perspectiva de acceso a realidade?. Tal vez por iso xurde tanta resistencia a aceptar o NOVO nas distintas comunidades científicas, en grao tal que o introductor das novas ideas ten que soportar unha certa coacción, máis ou menos solapada, á que Fleck chamou DENKZWANG (presión do pensamento).

De todo isto pódese concluír que non é nada sorprendente que distintos “estilos de pensamento” teñen serias dificultades de mutua comprensión. Pensemos, por exemplo, no caso da medicina oriental e a nosa. O mesmo Fleck escribe cás “palabras non poden traducirse e os conceptos non teñen nada en común cos nosos”. Distingue, incluso, tres tipos de literatura na ciencia especializada: A ciencia vertida en artigos de revistas da especialidade, a ciencia dos manuais e a ciencia dos libros de texto. Pero disto ocupareime no seguinte artigo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES