Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tsunami

martes, 12 de julio de 2011
Hai peixes que nadan contra corrente e aos que non lles afecta a marea vermella. Acaso estean vacinados contra esas bacterias; acaso xeneticamente evoluíron con outros carácteres; acaso o ambiente propicioulles outros modos de existencia… Do mesmo xeito, non todos os cidadáns españois viviron o grande éxito futbolístico da “Vermella” e non porque non aprecien a xesta protagonizada pola selección española de fútbol, senón porque este deporte non lles aporta nada.

Ao Golpe non lle gustaba o fútbol. Coidaba absurdo ollar para vinte e dous rapaces correndo detrás dunha pelota. Mais, de seguro que Casillas, Villa, Pujol ou Hiniesta considerarían unha parvada xogar á billarda, ás carreiras de sacos, ás bólas ou á buxaina, brincadeiras das que gozaba o Golpe nos poucos momentos de lecer dos que dispuña despois de colaborar nas tarefas do agro e aprender a tallar na branda madeira de bidueira as nosas chinelas chairegas.

Pero na actualidade non é doado fuxir da onda xigantesca, do tsunami que provocou o forte vento provinte de Sudáfrica. A todos nos envolveu directa ou indirectamente globalizando sentires e ideoloxías que incluso rexeitaban levar tatuadas nas meixelas as cores da bandeira española, que non eran capaces de pronunciar o berro de identificación coa nazón da vermella, mais que chegaron a recoñecer o mérito que tiveron os xogadores da selección do “país veciño”.

Por sorte seguen a existir moitos golpes; persoas que non son máis felices porque nos andeis da exposición de trofeos da fifa haxa unha copa do mundo, mentres as carencias da sociedade sigan sen satisfacerse; persoas capaces de surfear sobre a onda e ollar o horizonte coas meniñas espertas; persoas que non se cegan co esplendor dourado duns intres, conscientes que despois da luz volverán as tebras; persoas, á fin, que seguen a nadar contra corrente se esta non lles leva a ningures e que optan por permanecer fideis ás súas ideas.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES