Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festas en Muras

viernes, 08 de julio de 2011
O máis típico das festas é que o pregón se faga ó principio, como apertura dos festexos, pero neste caso é prácticamente no remate, o que o fai aínda máis orixinal, e que ben mirado non desentona nada porque coido que o papel do pregoeiro entón ven ser o de chufador da festa, constatador de que a xente o pasou ben, e a confianza de que o ano que ven vai ser mellor, e polo tanto as festas van ser trunfales.
Coincidín en Lugo co voso Alcalde e tratamos esta miña visita de hoxe, que agradezo ben por permitirme falar de Muras en Muras, un lugar tan emblemático na miña nenez.
Eu son vilalbés de nacemento, pero todos os meus veráns de neno, ata os dezasete, paseinos en Ambosores, o fermosísimo lugar onde se xuntan os dous ríos Sor, unha Mesopotamia na que fun feliz como nunca volverei ser en ningún outro lugar.
Miña nai era do Freixo, de Tralo Río. Meu pai da Ferraxosa, en Ambosores, e a min nacéronme en Vilalba, pero Ambosores era o destino perfecto en cando chegaba o verán. Pola parte de meu pai pertencíamos ós Xices da Penamoura, que nunca cheguei a saber onde era.
Cando ía para Ambosores, Muras era o remate da civilización. Ata aquí, sucesión de pobos. Desde aquí, a aventura.
Podía ir pola estrada hacia Xan Branco, e desde alí subir a costa, o Sarrón, e baixar ó Sixto, para seguir camiñando por unha estrada que ía avanzando moi lentamente, e que non daba pasado da Carcallosa. No caso de ir “por riba”, a civilización remataba no Mesón de Vázquez, pero daquela eu aínda non sabía que dalí era Antía Cal, mestra de mestras, pioneira da moderna educación galega.
No caso de vir por Muras, xeralmente aproveitando a feira do nove, o mundo urbano remataba aquí, onde os meus parentes cambiaban as zocas nunca casa taberna situada algo máis abaixo da igrexa parroquial.
Desde aquí, indo a pé subíamos por unha corredoira pedregosa que aforraba un gran tramo da carretera en costa, e cando chegabamos arriba podíamos ollar o andado, e contemplar a última imaxe deste pobo, porque desde alí todo era monte. Ás veces este recorrido pola estrada facíase no coche da feira dunha empresa de uns medio parentes nosos que radicaba no Sixto e prestaba un impagable servizo de transporte de xente e de carga. Nese caso, o coche chegaba á Carcallosa, co que o camiño era ben doado.
Só unha vez o fixen en bicicleta, que como ía ser o seu monaguillo durante o verán, o crego de Ambosores foime buscar a Vilalba, e viñemos os dous – eu como pasaxeiro- na bicicleta, subindo as costas a pé e subidos a ela nos tramos costa abaixo.
Meus tios tiñan soltas algunhas vacas e a besta no monte (Aínda non viñera a Forestal), e cada vez que ían de viaxe había que ír ó monte buscar á Cuca, que alí vivía en liberdade. Lembro termos ido, moi cedo, en plena noite, a buscar a Cuca ó monte, enfronte a Santar, para ir á feira do Viveiró. E a min parecíame imposible que funcionase aquel sistema. Meu tío, coa albarda ó lombo, monte arriba berrando “¡Cuca, ven!”, , e miña tía e máis eu na beira da estrada agardando o milagro.
Non sei como foi, pero o certo é que fomos ó Viveiro, o que foi na besta fun eu, que para eso eu era o Rei daquela casa.
Preguntáballe o outro día ó voso alcalde se seguía celebrándose a feita do nove, da que teño tan entrañables recordos. Viña a ela desde Ambosores na volta do verán, e desde Vilalba nos coches de Autos O Noso, cando viña para quedarme. Muras, sempre, a estación de transbordo, desde e cara o urbano, e –permitídime decilo- a civilización.
Porque aquí remataba o asfalto, a luz eléctrica, o teléfono, os comercios, a feira, o territorio coñecido. A cambio, aquí empezaba a aventura, o inexplorado, a liberdade, o paraíso… e chegar ás Louseiras, co seu sempiterno abandono de industria esmorecida, era como chegar a un pobo do lonxano oeste onde o único que se escoitaba era o sonido do vento.
Por certo que non hai moito descubrín un atallo desde As Louseiras a Ambosores, pasando polo Mouriscón, no que florecen os aeoxeneradores, que me producíu unha extraña sensación ó percibir unha paisaxe ata daquela inédita, unha visión de Ambosores totalmente descoñecida.
Eu consideraba Muras un pouco a miña casa (o límite da miña casa), e as feiras como as miñas feiras. De Vilalba viñan infinidade de feirantes, comprar ou vender todo tipo de produtos. Por vir, ata viña unha peluqueira establecida en Vilalba xunto á igrexa, que cada feira viña atender á súa clientela. E tiña reservado un baixo, por frente máis ou menos do edificio da Cooperativa, onde facía cortes de pelo, e peiteados e permanentes desde a primeira hora da mañá ata que saía o coche da feira. Lembro un vello artiluxio onde quentaba os bigudís, ou como se chamaran aquelas pinzas que rizaban o pelo das muresas.
Daquela Muras de hai case medio século quédanme imaxes inesquecibles… Teño na memoria o edificio sempre inacabado da Cooperativa, do que sempre se pensou ía saír algo moi grande para o pobo. Quédame a imaxe do terrible incendio que houbo nun comercio de ultramarinos, case ó lado da Casa do Concello, na praza, no que salvaron a vida os seus habitantes polos choros dunha nena de ano e medio (era o ano 59) que reaccionou diante do fume que invadía o edificio. Teño vido logo varias veces, e a casa ardida era un esqueleto morto coas fiestras afumadas, lembrando o que puido ser unha traxedia.
Quédame o recordo de que cando xa nos íbamos para Ambosores, había que ir ó Burgo, cruzando un río ou corrente de auga, á Panadería comprar o pan que levar para a casa, pan fresco para contrastar co pan duro da fornada que se cocía na casa cada dúas ou tres semanas.
Permitídime que conte con nostalxia estas lembranzas dun Muras que me deixou marcado de neno por unha maxia que seguro vós tedes percibido durante a vosa vida. Logo foi o lugar onde vivía Anxel Ramil, parente meu, e tamén o lugar no que cando viñamos había que pasar pola casa da familia de don Robustiano de Castro, que seica nalgún tempo houbera algunha relación familiar.
Pode que cos anos, a memoria infantil magnifique as cousas, pero para min Muras tiña un efecto impactante e o meu cerebro asimilaba a forza desta terra cunha fluidez asoballante.
Tardei tempo en ver Muras nun mapa, colindando o concello cos de Ourol, Valadouro, Abadín, Vilalba, Xermade, As Pontes e Mañón. E marabillábame oir ás xentes dicir que o meu feliz Ambosores era unha parroquia que pertencía a tres concellos – Ourol, Mañón e Muras- e dúas provincias, A Coruña e Lugo. Mágoa que hoxe pouca poboación hai para repartir, que o que era unha fervenza humana – Ambosores, A Pena, A Ribeira, A Ferraxosa, Veira da Fraga ou Mouriscón- son hoxe silenciosa soidade que non fai máis ca agudizar a nostalxia.
Ambosores era un lugar para min no que, aínda que chovese, non se poñía o sol. Eu sabía que o seu nome ten que vír da xuntanza dos dous ríos Sor, que como amuras dun barco fan que a proa de Muras entre naquela terra. Pero moi pouca xente, quizais ningún, lle chamaba “Ambosores”, senón diversidade de nomes supostamente parecidos: “Amesores”, “Trambosores”, “Trambesoles” “Trambosoles” ou “Entrambosoles”, que tampouco está mal para un lugar tan luminoso.
Eu medrei en Vilalba, á beira de dous mureses, que facían proclamación perenne da súa orixe.
Un era José Pampillo, un home sen brazos nin pernas que nacera en Carelle do Burgo en 1911, e tiña un comercio de roupa onde eu aprendín a vender, e a comprender moitas cousas do rural, tratando coa magnífica xente das feiras.
O outro era Vicente Otero Cao, que nacera en Maciñeira en 1890, ilustrado, afeccionado á escrita, corresponsal de prensa e Vilalba e Muras, que publicou diversas páxinas da vosa historia, de feitos e xentes, nos que aparecen datos de grande interese.
Os do meu tempo lembramos moi ben aqueles comezos dos anos sesenta, onde as distancias eran forzosamente recorridas a pé, e soaba a música celestial a petición da que fala Otero Cao, do establecemento dunha liña de transporte de viaxeiros dos Hermanos Veiga, desde Viveiro a Lugo, pasando polo Sixto, Muras e Xermade, dando servizo a núcleos incomunicados – di- como San Pantaleón de Cabanas, Bravos, Ambosores ou o Sixto.
Eran tempos de cambios, de progreso. En Muras, no 57, reformouse a igrexa parroquial. No 1958, inaugurouse o teléfono polo Gobernador Civil Otero Aenlle, que durmíu aquel día en Muras. No 1967 chegou a Caixa de Aforros. A vida moderna ía entrando neste pobo, e no 60, 61 e 68 publicábanse as obras de Otero Cao para coñecer anacos da vosa historia.
Causoume extrañeza que Muras fóra incluída na comarca da Terra Chá, cando de chá ten pouco, sendo máis ben o mellor exemplo de terra montañeza co Xistral, A Carba, Montouto, xunto con vales coma este, coa fronteira húmeda da Ganidoira, os cabalos salvaxes, os aeroxeneradores como fantasmas batindo entre a neboa... Terra que desauga a súa forza natural facendo nacer ríos coma o Eume, chamado a ser enerxía e paisaxe, forza e calma, de infinita beleza.
Polas vosas expresións, vexo que tivéstedes unhas boas festas, e alégrome. Aínda que me sorprendeu saber que ademáis de na honra de San Pedro, son tamén da Virxe “de la Caridad del Cobre”, patrona de Cuba. Comprendino cando souben a gran relación coa nación cubana a través da forte emigración doutrora, e que a virxe que na igrexa se venera foi mercada por un grupo de mulleres da Unión Murense da Habana, a mediados do século XX. Precisamente o presidente das festas do ano 82 declaraba a un xornal que “desde que non viñan os cubanos perdeuse moita recaudación” festeira.
Ás veces os maiores, como eu de neno, vemos nos pobos unha realidade actual, sempre complexa, industrial, administrativa, de lecer... que non nos deixa mirar en profundidade.
E podemos ver Muras como un pobo pequeño, cunha industria importante, comunicacións xeitosas, natureza vizosa... e todo esto é verdade. Pero se ollamos no pouso da historia, atoparemos pegadas dos devanceiros que habitaron no Abrigo de Liñeiro en Irixoa, no Prado do Inferno ou nas furadas dos Cristais, hai catro ou cinco mil anos...; penedos como o Castelo de Goía onde se supón que os primitivos mureses se fortificaron; castros que habitaron os nosos máis vellos, na Balsa, Muras ou Silán; igrexas que os antepasados ergueron coa forza da fe; a Ponte da Balsa ou a fonte de San Salvador no Burgo, no vello emprazamento deste pobo; casas fortes ou torres que houbo en Muras xa hai alomenos oito séculos e en Silán hai cincocentos anos; ou cruceiros airosos para lembrarnos que somos pequenos e dependemos do máis alto.
A vosa historia fala de que os Bermúdez de Castro aquí administraban xustiza, e de que os Lemos e os Andrade tiñan propiedades por aquí. Pero os señoríos son efímeros, e sempre quedaremos nós, a xente do común, e as pedras que fomos erguendo co noso esforzo.
E, como signo máis inmediato, direi que sempre me chamou a atención a fermosa torre barroca do voso campanario, situada –estrada por medio- separada da mesma igrexa. E como patrimonio artístico, a cruz parroquial de San Pedro que honra o voso templo monumental.

Acudo agora á vosa indulxencia, pedindo que esquezades os meus erros de apreciación nesta miña confesión de devoción por Muras e amizade por vós. Tede en conta que para escribir esto volvinme neno, e os nenos sempre din a verdade, pero tamizada polo que ven ou cren ver, polo que oen ou cren oir, porque un neno sempre será natural, sen artificio, e dirá claramente o que pensa e o que quere.
Coido que xa é hora de ir rematando. Otero Cao, rescataba unha cantiga popular que di:
“Haiche mozas, haiche mozas,
haichas nas baixas de Muras,
que conquistan os rapaces
cos seus xeitos e finuras”.
Mozas e rapaces, nenos e maiores, mureses todos, agradézovos de corazón a vosa paciencia ó escoitar estes recordos dun vello que hai xa máis de medio século que aprendeu que Muras era un paraíso. E tivo que agardar todo este tempo para lembralo e contárvolo. Non sei para vós, pero para min valeu ben a pena.
Que vivan sempre as festas de San Pedro e a Virxe da Caridade do Cobre!
¡Vivan os de Muras!.
E ¡Viva o meu paraíso de neno, Viva Muras!


(Pregón das festas do San Pedro e Nª Sra. de la Caridad del Cobre en Muras, 2-7-2011).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES